- Galardoado nos Mestre Mateo en tres ocasións, foi presidente de CREA do 2016 ao 2018.
- A cerimonia de entrega de premios celebrarase o vindeiro 7 de marzo no Pazo da Ópera da Coruña e será retransmitida en directo pola TVG.
O realizador noiés Luis Avilés será o encargado de dirixir a Gala dos XVIII Premios Mestre Mateo, que terá lugar o vindeiro sábado 7 de marzo no Pazo da Ópera da Coruña a partir das 22:00 horas. Unha celebración na que o humor, a música e algunha que outra sopresa, xogarán un papel protagonista, e que será retransmitida en directo pola TVG.
A nova edición dos Mestre Mateo porá o broche de ouro a un ano de éxitos para o audiovisual galego, como dan conta as 160 producións inscritas e os 356 profesionais, dos que 220 son homes (61%) e 139 mulleres (39%).
Luis Avilés (1969) realizador, operador e montador de documentais, videoclips e diferentes traballos institucionais e industriais, formouse no CECC (Centre d’Estudis Cinematográfics de Catalunya). A súa traxectoria profesional está vencellada á Televisión de Galicia, na realización de programas tan populares como Criaturas ou Casamos, ámbolos dous líderes de audiencia nas súas respectivas franxas.
Resultou tres veces gañador nos Premios Mestre Mateo: á Mellor Curtametraxe por Unary (2015) e ao Mellor Documental por Os días afogados (2016) e Idénticas (2019) e foi presidente de CREA (Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización) do 2016 ao 2018.
A Gala dos XVIII Premios Mestre Mateo é posible grazas ao apoio de AGADIC, a Deputación da Coruña e o Concello da Coruña.