‘O que arde’ vence nos XVIII Mestre Mateo con seis galardóns, entre eles Mellor Longametraxe e Mellor Dirección para Oliver Laxe

8 / 03 / 2020

A terceira longametraxe de Oliver Laxe O que arde, venceu en seis das doce categorías nas que optaba a premio: obtivo os premios de Mellor Longametraxe -Miramemira, 4A4, Kowalski Films e Tarántula- e Mellor Dirección para Oliver Laxe. Os académicos e académicas tamén recoñeceron a dirección de arte de Samuel Lema e Curru Garabal, o traballo na dirección de fotografía de Mauro Herce, na montaxe de Cristóbal Fernández e no son de David Machado, Amanda Villavieja, Sergio Silva e Xavi Souto.

Hierro, a serie de Portocabo, Movistar +, ArTe France e Atlantique Productions acadou catro galardóns: o premio a Mellor Serie de Televisión, ademais de Mellor Dirección de Produción para Ana Míguez, Mellor Guión para Pepe Coira, Fran Araújo, Araceli Gonda, Coral Cruz e Carlos Portela e Mellor Música Orixinal para as composicións de Elba Fernández e Xavi Font.

Quen a ferro mata, que partía como favorita con quince candidaturas, obtivo tres premios: o de Mellor Actor de Reparto para o lembrado Xan Cejudo, Mellor Actriz de Reparto para María Vázquez e Mellor Maquillaxe e Perruquería para Susana Veira e Beatriz Antelo.

Da adaptación para a pantalla grande do éxito teatral da compañía Chévere Eroski-Paraíso foron recoñecidos os seus intérpretes principais: Miguel de Lira e Patricia de Lorenzo, nas categorías de actor e actriz protagonista. Dous galardóns obtivo tamén Segredos, desmontando Galicia: o de Mellor Programa de Televisión e Mellor Realización paraMarcos Barrios Carreira.

Manoliño Nguema, producido por Filmika Galaika, gañou o premio ao Mellor Documental mentres que Antes de perder, de RTVE e Cósmica Producións, se fixo co premio á Mellor Serie Web. 16 de decembro, dirixida por Álvaro Gago, conquistou o de Mellor Curtametraxe de Imaxe Real e Homomaquia de David Fidalgo Omil o de Mellor Curtametraxe de Animación. Santiago cidade de cinema, de Islandia Producciones, fixo o propio co de Mellor Anuncio e Esquimales (Heredeiros da Crus) de Xaime Miranda, co premio ao Mellor Videoclip.

O traballo de María Fandiño en Lobos e Cordeiros acadou o premio á Mellor Vestiario, mentres que Lucía Regueiro obtivo o premio de Mellor Comunicadora polo seu traballo en Bamboleo.

Ademais de premiar a excelencia dos profesionais e producións do ano, a Academia aproveita os Mestre Mateo para recoñecer a traxectoria de profesionais relevantes do audiovisual en Galicia co Premio de Honra Fernando Rey, que este ano foi para o proxeccionista do CGAI-Filmoteca de Galicia José Maria Rodríguez Armada, Chema.

Categoría: Novas
Etiquetas: