O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) acolle a proxección da película para televisión ‘Conexión’, a coprodución galego-portuguesa premiada na VIII edición dos Premios Mestre Mateo, os galardóns que outorga anualmente a Academia Galega do Audiovisual (AGA).
O visionado da película dirixida por Leonel Vieira, de pase gratuito, terá lugar o venres 21 de maio na sede do centro na Coruña, Rúa Durán Lóriga, 10, a partir das 20.30 horas da tarde e estará precedido pola presentación do produtor do film Pancho Casal, que aportará as súas experiencias ao público asistente.
Esta iniciativa enmárcase no ciclo de proxeccións das obras gañadoras dos PMM 09, acordo acadado entre a Academia Galega do Audiovisual e o Centro Galego de Artes da Imaxe para promocionar e difundir as producións galegas do último ano.
Na vindeira semana o CGAI pasará as obras premiadas nos PMM 09 nas categorías de Longametraxe documental- ¿Qué culpa tiene el tomate?, 27 de maio – e Documental – Mulleres da raia, 29 de maio-.
Venres 21 de maio no CGAI a partir das 20:30 horas
Entrada de balde
Conexión (España-Portugal, 2009)
Dirección: Leonel Vieira. Guión: Joâo Nunes e Jorge Almeida. Produción: Continental Producciones, Stopline Filmes, Prodigius Cinema e TVG. Fotografía: José Antonio Loureiro.
Intérpretes: Mela Casal, Xavier Deive, Ivo Canelas. Duración: 170 minutos.
Sinopse: Cando a traíña do patrón Narciso é interceptada en alta mar polas forzas especiais portuguesas cunha carga de haxix marroquí, comezan unha serie de acontecementos que desencadean nunha loita de poderes polo control da droga na zona; galegos, portugueses, españois e colombianos cun único obxectivo: facer o mellor negocio. O matriarcado da familia Alberro, a policía corrupta, a mafia colombiana e un home só, Miguel Ángel, que apunta demasiado alto. Esta loita salpicará, e moito, aos veciños do pobo de pescadores onde se desenvolve a historia, escenario silencioso pero partícipe de todo o que sucede nunha das zonas clave para a entrada da droga en Europa.