Susana Maceiras e Jorge Algora, produtora e director de “O neno de barro” volveron a Buenos Aires formando parte da delegación da Consellería de Cultura da Comunidade de Madrid, que vén organizando encontros regulares para afianzar os lazos entre o cine arxentino e o español.
Durante a semana de programación do Madridcine 08, Jorge Algora recibiu unha homenaxe e un premio especial, que lle ofreceu o Instituto de Cine Arxentino (INCA) pola súa achega á cinematografía nacional, xunto a directores da talla de Jaime Chavarri, Carlos Saura, Berlanga, Bardem e Gerardo Herrero, que tamén rodaron películas en Arxentina.
“O neno de barro”, unha das 10 películas máis vistas en Arxentina en 2007, volveu exhibirse no cine da Escola Nacional de Experimentación e Realización Cinematográfica (ENER) e nos cines Cosmos, onde o seu director participou nun coloquio organizado polo Cine Club Núcleo, que cos seus 50 anos, é a institución destas características, máis antigas de Buenos Aires.
Pola súa banda Susana Maceiras realizou diversos encontros con produtoras locais para a posta en marcha dunha nova película, neste caso, sobre a adaptación dun texto teatral de Mario Diament.
Tamén formaron parte da delegación en Buenos Aires, os actores Quim Gutiérrez, Sonia Almarcha, Raúl Arévalo, Verónica Sánchez, Barbara Lennie, José Manuel Cervino, Fele Martínez, Ana Fernández, Analía Gadé e Sancho Graza, que presentaron as súas películas nos cines do Patio Bullrich.