Dhogs, opera prima de Andrés Goteira, parte como favorita con 17 candidaturas na gran cita, organizada pola AGA
Iolanda Muíños presentará a gala dos XVI Premios Mestre Mateo, liderada por mulleres, que emitirá a TVG ás 22h
Este sábado, 3 de marzo, o Pazo da Ópera da Coruña acollerá a decimosexta edición dos Premios Mestre Mateo, cos que a Academia Galega do Audiovisual (AGA) premia os traballos máis destacados do ano en vinte e cinco categorías. A produción que parte como favorita é Dhogs, o debut do meirego Andrés Goteira, que suma dezasete candidaturas (entre elas mellor dirección, guión e montaxe para Goteira, que comparte a última con Juan Galiñanes). Entre as 158 obras presentadas tamén acadaron numerosas nominacións os filmes A estación violenta (8) e Os fillos do sol (7) ou as series O final do camiño (7) e Serramoura (6).
Unha gala liderada por mulleres
A actriz e presentadora Iolanda Muíños será a encargada, por segundo ano consecutivo, de conducir a gala dos Mestre Mateo. Farao para os máis de 1.300 convidados e convidadas do sector presentes no Pazo da Ópera e para o público da Televisión de Galicia, que emitirá o evento en directo a partir das dez da noite. Estará acompañada no escenario polas voces das actrices Paula Pier, Iria Acevedo, Iria Sobrado, Beatriz Serén, Rocío Barrio e Cris Iglesias. A cargo da dirección estará a directora e dramaturga Marta Pazos, da compañía Voadora, nunha gala liderada por mulleres en todos os ámbitos, xa que os premios serán entregados por diversas profesionais de diferentes facetas do audiovisual galego: Sonia Méndez (cineasta, actriz e directora do festival Carballo Interplay), Nieves Rodríguez (presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia), Belén Brandido (rexedora de arte e localizadora), Virginia Curiá (directora de cine de animación), Marga Pazos (presentadora do Galicia Noticias da TVG), Giselle Llanio (directora e realizadora), Araceli Gonda (guionista), Alicia Dapena (deseñadora de vestiario), Isabel Rega (foquista), Beli Martínez (produtora e docente), Encarna Alonso (script), Isabel Blanco (delegada da fundación AISGE en Galicia) e Dolores Meijomín (coordinadora de política audiovisual da AGADIC).
Operas primas
A presenza de mulleres non só se fai visible durante a gala, senón tamén nas nominacións, que contan con mulleres candidatas en case todas as categorías, entre elas Diana Toucedo (candidata a mellor longametraxe e mellor guion por Trinta lumes e a mellor montaxe por partida dobre) ou a debutante Anxos Fazáns, que adaptou en A estación violenta a novela homónima de Manuel Jabois e é candidata a mellor longametraxe, mellor dirección, mellor guión e mellor montaxe. O feito de que A estación violenta e Dhogs, as dúas películas con máis candidaturas, sexan operas primas apunta a unha certa renovación dende o lado máis autoral da industria galega. Esta renovación que tamén se deixa ver nas categorías de curtametraxe (con pezas como Escarabana, de Sara Casasnovas, ou A muller invisible, de Noemi Chantada) e documental (onde compiten os debuts de Paula Cons e Xoan Escudero, A batalla descoñecida e O tempo futuro).
Repercusión internacional
Á parte das numerosas operas primas presentes nesta edición dos Mestre Mateo, destaca a repercusión que moitas das pezas candidatas están a acadar nos últimos meses, co exemplo destacado de Matria, a curta de Álvaro Gago que levou o Gran Premio do Xurado en Sundance e premios na SEMINCI e ALCINE. Non é o único filme que chega aos Mestre Mateo co aval da repercusión en festivais. Trinta lumes vén de ser proxectada na sección Panorama da Berlinale; Dhogs pasou por Sitges, o BAFICI de Bos Aires ou o Frightfest de Londres; A estación violenta estreouse no Festival de Sevilla e La madrina, de Pedro Sancho, foi mercada por HBO Latino para a súa emisión en Estados Unidos.
Non só o cinema desfruta desta internacionalización, xa que entre o resto de obras (programas e series de televisión, publicidade, webseries e videoclips) atopamos máis probas da crecente proxección internacional do audiovisual galego, como O final do camiño (coprodución de Voz Audiovisual, CRTVE e CRTVG), presentada no Mipcom de Cannes ou o Natpe de Miami; Vidago Palace (a primeira emisión conxunta das televisións públicas galega e portuguesa, producida por Portocabo e Hop!) ou o videoclip de Green Day “Troubled Times”, dirixido polo coruñés Manu Viqueira.
Premios de honra
Ademais de premiar a excelencia nas producións do ano, a Academia aproveita os Mestre Mateo para recoñecer a traxectoria de entidades e profesionais relevantes do audiovisual en Galicia co Premio de Honra “Fernando Rey” e o Premio Especial “José Sellier”. Este ano as homenaxes son para a actriz María Bouzas e para os vigueses Multicines Norte, tamén presentes en Santiago cos Multicines Compostela. Estes últimos recibiron xa o galardón o no encontro de finalistas o pasado venres e con eles púñase en valor o seu papel como “espazo de referencia para a cinefilia galega”. No caso de Bouzas, que actualmente protagoniza a telenovela El secreto de Puente Viejo, a AGA quere “recoñecer de parte do sector a traxectoria dunha compañeira que é referencia ineludible para a televisión, o teatro e o cinema en Galicia”. A actriz recollerá o premio durante a gala.