O II Foro da Industria Galega do Audiovisual (FIGA) pon o foco na intersección entre lingua e audiovisual

16 / 10 / 2024

  • Celebrarase entre o 7 e o 9 de novembro na Cidade das TIC da Coruña.
  • Contará coa presencia de máis de 30 profesionais nacionais e internacionais.

A Coruña, 15 de outubro de 2024 | A Academia Galega do Audiovisual, co apoio do Concello da Coruña e a área de cultura da Deputación da Coruña, organiza o II Foro da Industria Galega do Audiovisual (FIGA), que se celebrará na Cidade das TIC da Coruña entre os días 7 e 9 de novembro e que terá como temática central “A lingua e o audiovisual”.

A Academia pon o foco na lingua nesta segunda edición de FIGA, para abordar en profundidade o extraordinario fito histórico que supón que algunhas producións con versión orixinal en galego estean acadando nos últimos anos importantes recoñecementos fóra das nosas fronteiras. Dan boa conta disto películas como “O que arde” galardoada co premio Xurado no Festival de Cannes; “O corno” premiada coa Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián; ou series como “O sabor das margaridas” no ránking de series en lingua non inglesa máis vistas da plataforma Netflix.

O foro servirá para analisar amplamente a diversidade lingüística no sector audiovisual, co obxectivo de valorar a situación actual e debater os retos aos que se enfronta. FIGA contará coa participación de máis de trinta profesionais nacionais e internacionais que compartirán as súas experiencias na produción e distribución de audiovisual en linguas minoritarias.

A xornada do xoves 7 levará por título “Na procura da nova televisión: públicos mozos, accesibilidade e referentes renovados” e nela tratarase o desafío de atraer ás audiencias máis novas desde a diversidade lingüística. O venres 8, co lema “Unha esfera cultural propia: producir en linguas minorizadas ou minoritarias” abordarase o impacto da produción en linguas non hexemónicas no panorama cultural e industrial. Para rematar, as sesións do sábado 9 estarán englobadas baixo o título “Cara un circuíto estable e unha normalización na lingua do audiovisual”, para explorar as posibilidades de avanzar cara un sistema audiovisual que promova de forma efectiva a normalización do uso lingua galega.

María Soliña Barreiro González,  profesora titular no departamento de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela e membro do grupo de investigación GEA (Grupo de Estudos Audiovisuais) é a directora de contidos desta iniciativa coa que a Academia desexa “valorar o estado actual e debater os retos de futuro que afectan ao sector en Galicia dende a perspectiva da intersección entre a diversidade lingüística e o medio audiovisual.”
FIGA converterase nun punto de encontro para as e os profesionais do sector, impulsando, nesta ocasión, a reflexión sobre o papel das linguas na produción e exhibición audiovisual, así como o seu rol na creación e fortalecemento dos diversos públicos.

O Foro da Industria Galega do Audiovisual – FIGA é unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual realizada grazas ao apoio do Concello da Coruña e a área de cultura da Deputación da Coruña, que conta nesta edición coa colaboración da Cidade das TIC e o Grupo de Estudos Audiovisuais da USC.

Toda a información sobre programación e inscricións estará dispoñible no apartado de FIGA desta páxina web.

Categoría: Novas
Etiquetas: