A celebración de Encontros e Presentacións Corporativas no ámbito do II Congreso Galego Audiovisual que organiza a Academia Galega do Audiovisual e que se celebrará os días 16, 17 e 18 de decemebro próximos, son parte do programa previsto polo Comité Organizador deste evento que reunirá a todo o conxunto de profesionais, empresas, institucións e entidades que conforman directa e indirectamente o sector audiovisual galego, e que reunirá en Compostela ós grandes profesionais tanto galegos coma estatais e internacionais. Son seis as Áreas temáticas que abordará este II Congreso, Áreas que engloban máis de 40 temas que serán abordados ó longo dos 3 días de duración do mesmo a través de Conferencias, Sesións Plenarias e Presentacións nas que participarán salientables profesionais do sector no ámbito internacional. Novos Media (multimedia, tv dixital, vídeo baixo demanda, soportes telemáticos, tv interactiva, vídeoxogos e novos formatos: realidade virtual, 3D), Perfís Profesionais (estudios e cualificacións, demanda de especialidades, formación profesional, estado da formación en Galicia, Acordo de Bolonia, Escola de Arte Dramática Galega, Escola de Cine e Escola de Animación), Contidos (contidos para novos formatos de emisión, coproduccións, contidos en lingua galega, tendencias de mercado e videoxogos), Cadea de valor (dereito de propiedade intelectual, rexistro de produccións, piratería, negocios derivados da rede, financiamento, venda e distribución, merchandising e promoción), Industrias culturais (outros modelos, relación Administración-Empresa, relación entre as industrias culturais, a creación en lingua galega, os mercados, a comercialización, o financiamento e o Clúster e Asociacións Profesionais) e Patrimonio Histórico (patrimonio histórico, modelos de Francia e Irlanda, a posta en valor, as folmotecas, a recuperación da memoria histórica e a dixitaliación e difusión), son estas Áreas Temáticas nas que traballan os distintos Comités que integran a organización deste II Congreso Galego Audiovisual.
Dentro das moitas actividades complementarias que se desenvolverán paralelamente ó programa do Congreso, como son as Comunicacións (os participantes poden enviar artigos nos que se expoñan os seus traballos encadrados nalgunha das áreas temáticas do Congreso), Pósteres (son unha alternativa ás comunicacións para a presentación de traballos, nos que se poden incluír textos, gráficos, imaxes…), poténcianse especialmente a celebración de Encontros e Presentacións Corporativas. Son os propios congresistas os que poden organizar estes Encontros de participantes vencellados por un tema común, para analizalo, tomar contacto con outros profesionais, debater sobre a problemática ou calquera outro tema de interese común. Neste sentido, están especialmente convidados a te-la iniciativa de celebraren Encontros, as asociacións, entidades e organizacións do sector. O prazo para presentar propostas de celebración de Encontros remata o vindeiro 31 de outubro, e para efectualas cómpre dirixirse ó correo electrónico encuentros@congresogalegodoaudiovisual.com.
En canto ás Presentacións Corporativas, propíciase que aquelas empresas e institucións que o desexen, poidan solicita-lo espazo e tempo dentro do Congreso, para levar a cabo prsentacións de productos, servizos, iniciativas, produccións ou calquera outro valor que consideren de interese. Neste caso, o prazo de presentación de ofertas de Presentacións Corporativas remata o día 30 de outubro, e hai que facelas a través do correo electrónico presentaciones@congresogalegodoaudiovisual.com.