O I Foro da Industria Galega do Audiovisual analizará os desafíos e as oportunidades que presenta a Intelixencia Artificial para o sector audiovisual

8 / 11 / 2023

A Coruña, 8 de novembro de 2023 | O I Foro da Industria Galega do Audiovisual – FIGA reunirá na Coruña a profesionais e expertos do sector para debater o papel que está a xogar a irrupción da Intelixencia Artificial (IA) na industria, analizando como esta tecnoloxía está a revolucionar a creación, produción, distribución e exhibición de contidos audiovisuais. O evento foi presentado esta mañá nunha rolda de prensa no Concello da Coruña, na que estiveron presentes Gonzalo Castro Prado, concelleiro de Fomento e Promoción da cidade; Álvaro Pérez Becerra, presidente da Academia Galega do Audiovisual e Alba Meijide, coordinadora de contidos en Intelixencia Artificial de FIGA.

FIGA celebrarase no Centro de Servizos Avanzados (CSA) da Cidade das TIC entre mañá e o 11 de novembro. O presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra iniciou a súa intervención agradecendo “o apoio continuado” do Concello e lembrando o vínculo da Academia coa cidade da Coruña, na que ten a súa sede desde o ano da súa fundación. Destacou que a Intelixencia Artificial é “un tema de actualidade, que preocupa e xera incertezas no sector” e manifestou o seu desexo de que no foro “se chegue a conclusións útiles para incorporar ferramentas para que os integrantes do sector poidamos facer mellor o noso traballo”. 

Pola súa banda, Gonzalo Castro recalcou o compromiso da corporación municipal para posicionar “no eido estatal e internacional a cidade da Coruña como unha cidade do audiovisual, a IA e as TIC” e definiu a sede do encontro como “o mellor entorno” para celebrar o foro, ao tempo que agradeceu o protagonismo da Academia na creación da Cidade das TIC. Para o concelleiro non é un feito casual que FIGA se celebre na cidade, que tamén vai acoller a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial. Defendeu a necesidade de regulación e supervisión desta tecnoloxía, ante os interrogantes que supón o seu uso e considerou “moi importantes” as conclusións que se recollan no foro, manifestando a necesidade de que sexan escoitadas por parte das administracións. 

CONFERENCIA INAUGURAL DE ASA BAILEY

Alba Meijide destacou que a irrupción da IA “abre un mundo de posibilidades pero tamén vén da man de consideracións tecnolóxicas, éticas e legais que corresponde ao sector debatilas”. O programa de FIGA abordará “ámbitos moi diversos da man de profesionais expertos, empezando pola súa conferencia inaugural”. Esta será impartida por Asa Bailey, supervisor de produción virtual de Netflix, quen será o encargado de impartir a conferencia inaugural. Nela explicará como posicionar os proxectos nun entorno inundado de contidos de calidade grazas ás aportacións da IA e como o emprego desta tecnoloxía está a afectar á cadea de valor. Ademais da súa vinculación con Netflix, Bailey desenvolve a súa traxectoria profesional en empresas como Apple TV, NBC Universal,  OSF Future ou Saatchi & Saatchi.

DESAFÍOS E OPORTUNIDADES

FIGA congregará a outros expertos en materias como lexislación, posprodución, dirección ou guión, abordando os desafíos e oportunidades que a IA está a presentar para o sector audiovisual. Óscar Olarte, cofundador de MR Factory, fará un repaso das principais ferramentas que empregan IA para acelerar tarefas de preprodución, produción e posprodución; os avogados Víctor Salgado e Francisco Menéndez explicarán a produtores, guionistas e creadores de contido a problemática que presenta o emprego de IA xerativa para a propiedade intelectual. Gabriel Olarte e Elba Fernández explorarán as ferramentas que a Intelixencia Artifical pon a disposición de compositores e compositoras de bandas sonoras. Tamén se presentarán proxectos galegos que están a empregar a Intelixencia Artificial nos seus procesos de traballo, como Serea Films, Medretia e PLAT VR.

DEBATE SOBRE AS INQUEDANZAS DO SECTOR

Nas xornadas tamén haberá un espazo destacado para o debate, no que diversos profesionais intercambiarán os seus puntos de vista sobre cuestións que preocupan ao sector, como as implicacións éticas do uso da tecnoloxía na industria do entretemento, que serán abordadas por Amparo Alonso e Fernando Suárez, especialistas en intelixencia artificial, nunha conversa con representantes de Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG) e o Cluster Audiovisual Galego. Carlos F. de Vigo e Pepe Coira falarán dos últimos desenvolvementos en IA e dos desafíos que implica a súa utilización nun relatorio dirixido a guionistas e profesionais da dirección e a realización audiovisual. O foro finalizará cunha mesa redonda sobre interpretación, na que despois dunha presentación a cargo de David Guaita de El Ranchito, se abrirá un diálogo coa avogada Nerea Sanjuan e representantes de Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) e Asociación de Profesionais da Rama Artística da Dobraxe de Galicia (APRADOGA) sobre as potenciais ameazas que estas aplicacións supoñen para intérpretes de dobradores. 

O I Foro da Industria Galega do Audiovisual – FIGA é unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual realizada grazas ao apoio do Concello da Coruña, a área de cultura da Deputación da Coruña e a Cidade das TIC.

Categoría: Novas
Etiquetas: