O FORO ACADEMIA ABERTA “AS REGRAS DO XOGO” ARRINCA ESTE MÉRCORES EN SANTIAGO DE COMPOSTELA

26 / 10 / 2009

O Foro Academia Aberta que cada ano organiza a Academia Galega do Audiovisual arrinca este mércores 28 de outubro en Santiago de Compostela. Durante tres xornadas programadas en semanas consecutivas e baixo o título “As regras do xogo”  abordaranse as problemáticas legais e administrativas coas que a creación audiovisual galega tense que enfrontar na actualidade e que se amosan como cuestións claves para o éxito do audiovisual galego nos vindeiros anos. A entrada e libre e gratuíta.

Estas mesas redondas celebraranse no salón de actos do Consello da Cultura Galega dende as seis ata as oito da tarde nos días 28 de outubro, 5 de novembro e 11 de novembro. Nelas participarán representantes da industria galega e estatal, da Xunta de Galicia e das principais forzas políticas galegas.

A primeira xornada comezará co acto de inauguración, ás cinco e media da tarde, no que participarán o Secretario Xeral de Medios da Xunta de Galicia, Alfonso Cabaleiro; o Vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé López; e o Vicepresidente da Academia Galega do Audiovisual, Pepe Coira. A continuación terá lugar a mesa redonda “As leis do audiovisual galego ¿Hai que reformar a lei da CRTVG e a Lei do Audiovisual?”, na que, baixo a moderación de Pepe Coira, debaterán os portavoces dos grupos parlamentarios dos tres grandes partidos de Galicia na comisión da CRTVG: Agustín Baamonde pola parte do PP, José Luis Méndez Romeu en representación do PSOE e Anxo Quintana pola parte do BNG.

A problemática xurdida a raíz do anuncio do Goberno central sobre a nova lei estatal do audiovisual –en fase de iniciar a súa tramitación parlamentaria- no que o ICAA (Instituto de Cine y de las Artes Audiovisuales) primará as subvencións das películas con presupostos maiores a dous millóns de euros e máis de 70.000 espectadores fronte ás producións de menor orzamento, será o principal motivo de debate da segunda xornada, xunto co novo modelo de TVE sen publicidade. Baixo o título “Dous cines en conflito” sentaranse a debater o director de cine Vicente Aranda, o director e empresario audiovisual Antón Reixa, o director e guionista Alfonso Zarauza, e o produtor José Nolla. Mª José Arrojo, directora da Escola de Medios de Comunicación de La Voz de Galicia, será a encargada de moderar a mesa.

O Foro Academia Abierta rematará coa celebración da xornada “O marco administrativo do audiovisual galego. Quen se ocupa do Audiovisual na Xunta de Galicia”. A actriz e anterior Presidenta da Academia Galega do Audiovisual María Bouzas moderará un debate que ten como obxectivo aclarar as competencias en materia de audiovisual na nova estruturación dos departamentos da Xunta de Galicia producida dende o cambio de goberno do mes de marzo. Intervirán na mesa redonda o Secretario  Xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro; o Vicepresidente de AEGA (Asociación de Empresas Galegas do Audiovisual), Jorge Algora; e Xabier Bermúdez en representación da Coordinadora de Asociacións de Profesionais do Audiovisual Galego. 

O Programa
MÉRCORES, 28 DE OUTUBRO

17:30  Acto de inauguración Foro Academia Aberta 2009 “As regras do xogo”.

Inauguran
– D. Alfonso Cabaleiro, Secretario Xeral de Medios, Xunta de Galicia.
– D. Xosé López García, Vicepresidente do Consello da Cultura Galega.
– D. Pepe Coira, Vicepresidente da Academia Galega do Audiovisual

18:00- 20:00  Mesa “As leis do audiovisual galego. Precisan reformas as leis da CRTVG e a do Audiovisual?” 

Expoñen
– D. José Luis Méndez Romeu, portavoz do grupo parlamentario do PSOE na comisión da CRTVG.
– D. Agustín Baamonde, portavoz do grupo parlamentario do PP na comisión da CRTVG
– D. Anxo Quintana, portavoz do grupo parlamentario do BNG na comisión da CRTVG.

Modera
D. Pepe Coira, Vicepresidente da Academia Galega do Audiovisual.

XOVES, 5 DE NOVEMBRO

18:00 – 20:00  Mesa “Dous cines en conflito? Reflexións acerca do debate aberto na industria española, entre o cine de alto e baixo orzamento”.

Expoñen
– D. Anton Reixa, director e empresario audiovisual, presidente do CLAG.
– D. Alfonso Zarauza, director e guionista.
– D. José Nolla, produtor.
– D. Vicente Aranda, director de cine.

Modera
Dna. Mª José Arrojo, directora da Escola de Medios de Comunicación de La Voz de Galicia.

MÉRCORES, 11 DE NOVEMBRO

18:00 – 20:00  Mesa “O marco administrativo do audiovisual galego. Quen se ocupa do audiovisual na Xunta de Galicia?”

Expoñen
– D. Alfonso Cabaleiro, Secretario Xeral de Medios, Xunta de Galicia.
– D. Jorge Algora, Vicepresidente de AEGA (Asociación de Empresas Galegas do Audiovisual).
– D. Xabier Bermúdez, representante da Coordinadora de Asociacións de Profesionais do Audiovisual.

Modera
Dna. María  Bouzas, actriz.

Patrocinadores e Colaboradores
O Foro está patrocinado pola Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Medios, a  Consellería de Cultura e Turismo, e a Consellería de Industria e Economía. Ademais conta coa colaboración do Consello da Cultura Galega.

 

Categoría: Novas
Etiquetas: