O FESTIVAL DE CANS ENTREGA POR PRIMEIRA VEZ PREMIOS ECONÓMICOS

26 / 02 / 2008

Os premios do xurado as mellores curtas de ficción e animación no Festival de Cans terán este ano unha recompensa económica. Na súa quinta edición, que se celebrará do 21 ao 24 de maio, Cans recoñecerá con 1.500 euros cada unha as curtas premiadas polo xurado. O prazo de admisión de curtametraxes e de videoclips está aberto ata o 15 de marzo.
Para a Asociación Cultura Arela, organizadora do festival, os 3.000 euros en premios supoñen un recoñecemento engadido para as mellores curtametraxes elixidas polo xurado, engadido ao recoñecemento mediático acadado polo premio e á difusión que ano tras ano trata de facer o festival a través do circuíto de proxeccións que organiza. Así, as curtas gañadoras no IV Festival de Cans de 2007 puidéronse ver en diversas localidades galegas como Santiago, Vigo, A Coruña, Mos, O Grove e Salvaterra. E tamén fóra do noso país: en Lisboa no Centro Galego e no Festival T1 Mostra de Artes Visuais e Sonoras, e na Haia (Holanda), dentro da programación do Shoot-Me Film Festival. Todas estas proxeccións xeraron arredor de 2.000 novos espectadores para as curtas gañadoras. A organización traballa agora na organización de novas proxeccións en Portugal e Brasil.

Ademais dos premios do xurado, con remuneración económica, Cans entregará outros cinco galardóns. Serán os premios do público á mellor curta de ficción e a mellor curta de animación, os premios do xurado ao mellor actor e á mellor actriz e o premio do xurado ao mellor videoclip. Tamén se entrega o premio de honra a unha figura do audiovisual galego á que se lle recoñece a súa traxectoria.

Todos os premiados reciben o galardón do festival, o xa famoso “Can de Pedra”, unha recreación en granito da icona do festival, realizado por un artesán canteiro local, Paco Candán. Para esta edición, a organización estuda ampliar a relación de premios con algunha nova categoría.

Aberto o prazo de admisión

O prazo de admisión de curtametraxes e de videoclips está aberto ata o 15 de marzo. Os autores ou produtores de curtas e de clips que estean interesados en que as súas producións se proxecten no festival deben enviar unha copia ao seguinte enderezo:

Asociación Cultural Arela
Apartado de Correos 232
C.P. 36.400, O Porriño.

Para a súa exhibición no Festival de Cans, as curtametraxes deben estar feitas en Galicia ou dirixidas por directores/as galegos/as, e producidas nos anos 2006, 2007 ou 2008. A participación está aberta a curtas de ficción, documentais e de animación. A copia debe presentarse en soporte DVD e non exceder os 25 minutos de duración. Xunto á curta enviarase unha ficha técnica, imaxes dixitais do cartel e dun fotograma e os datos de contacto.

No que se refire aos videoclips, o certame estará aberto a aqueles de músicos ou grupos galegos e aos dirixidos por realizadores galegos. Deben ser dos anos 2006, 2007 ou 2008.

As bases da convocatoria pódense consultar na web www.festivaldecans.com. Para calquera consulta pódese escribir ao email festival@festivaldecans.com.

Categoría: Novas
Etiquetas: