O DOCUMENTAL “SEÑORA DE”, SELECCIONADO NO FESTIVAL INTERNACIONAL DE CARTAGENA DE INDIAS

20 / 01 / 2010

Señora de, o documental sobre as vivencias de varias xeracións de mulleres na época franquista dirixido por Patricia Ferreira e producido por O Raio Verde, foi seleccionado para participar na vindeira edición do Festival Internacional de Cine de Cartagena de Indias, que se celebrará na cidade colombiana, do 25 de febreiro ao 5 de marzo. Señora de competirá na categoría de Documental xunto a obras documentais iberoamericanas, optando ao galardón de mellor director de documental, dotado con 5.000 $.

Coa invitación a participar neste festival, Señora de segue a cultivar éxitos tras obter o terceiro premio da Sección Tiempo de Historia na pasada edición da Seminci de Valladolid e trala súa estrea en Galicia, no festival Cineuropa o pasado mes de novembro.

O certame colombiano celebra este ano a súa 50ª edición, consolidado como un dos festivais máis antigos do sur de América e constituíndo un extraordinario escenario que contribúe ao desenvolvemento da cinematografía latinoamericana.  Ao longo da súa traxectoria acolleu a estrelas do mundo cinematográfico da talla de Catherine Deneuve, Carlos Reygadas, Danny Glover, Harry Belafonte, Jack Nicholson, Jackie Chan, John Leguízamo, Kirk Douglas, Marlo Brando, Richard Dreyfuss, Roman Polanski, Benicio del Toro e Ron Howard, entre outros. 

Amais, a cita cinematográfica contempla na súa programación un Encontro de Produtores, que reunirá a importantes personalidades da cinematografía iberoamericana, e que suporá unha boa oportunidade de negocio para os participantes.

Señora de– A sinopse.  As testemuñas recollidas en Señora de son variadas e amosan un amplo espectro de circunstancias, mulleres de diferentes clases sociais e distinta educación. Mulleres da cidade e do campo, do mar e de terra adentro, que se enfrontan aos seus recordos e falan por primeira vez do que foi a súa vida, dunhas formas de vida que hoxe resultan intolerables na nosa sociedade occidental e desenvolvida, pero que eran comúns na Galicia e na España dun pasado moi recente.

Categoría: Novas
Etiquetas: