O CLAG inaugura mañá día 9 o primeiro dos seus tres Foros de Innovación Colaborativa para este ano, co obxectivo de identificar as liñas de interese para as empresas asociadas cara a planificar proxectos mancomunados en diferentes ámbitos do negocio audiovisual. O primeiro foro, adicado á “Innovación nos modelos de marketing e comercialización internacional”, será mañá a partires das 9.30, no hotel NH Obradoiro de Santiago, e reunirá a unha ducia de empresas do sector que explorarán a viabilidade de desenvolver proxectos cooperativos no eido da promoción internacional.
O foro enmárcase dentro do proxecto “Innovación Cooperativa no ámbito audiovisual de 2009”, que ten por finalidade favorecer un proceso de debate aberto entre as empresas do audiovisual de Galicia para identificar oportunidades e boas prácticas que animen a innovar nos modelos de negocio audiovisuais a través de accións colaborativas nas que participen varias empresas, estando financiado polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e o Fondo Social Europeo (FSE).
Na sesión de mañá intervirán María José Arrojo Balina, directora da Escola de Medios de Comunicación de La Voz de Galicia, sobre as “Claves do marketing internacional de contidos audiovisuais”; Ángela Bosche Ruis, directora de Catalán Films & TV, sobre “Boa práctica: Creación da marca e consorcio audiovisual CF&TV”; e Isabel Fernández Vizoso, xefa de sector do Instituto Español de Comercio Exterior (ICEX), e Fany Suarez Mansilla, responsable do Plan PEME do IGAPE, falarán sobre os “Instrumentos de apoio á innovación en marketing e internacionalización”. Tras os relatorios celebrarase un debate-coloquio sobre “Posibilidades de actuación colaborativa en márketing e internacionalización no audiovisual galego”, que será introducido por Rafael Cabrera Yagüe, director de Marketing e Comunicación do Grupo Filmax, e moderado por Carla Reyes Uschinsky, xerente do CLAG.
Contidos para móbiles: un negocio en expansión
O segundo Foro de Colaboración leva por titulo “O Mercado do ocio móbil, apertura e novos modelos de negocio”, prevista para o 15 de xuño, que será inaugurada por Antón Reixa, presidente do CLAG, e intervirán Guillermo Ricarte de Gracia, director xeral de Creafutur, sobre “O futuro do entretemento é mobil”; Juan Velasco, manager de Proxectos Estratéxicos de Vodafone España, e Héctor Parra Ruíz, responsable de Marketing do Servizo Móbil de R, sobre as “Novas oportunidades e retos do ocio móbil: A colaboración é a chave do éxito”; Carlos Fernández Fernández, produtor executivo de Continental Producciones, e Lolo Rey, socio director de Loroestudio, ofrecerán as “Primeiras ideas e propostas de proxectos cooperativos para o mercado móbil”.
Nesta ocasión, o obxectivo é promover un maior coñecemento sobre as oportunidades de negocio que ofrecen as tecnoloxías móbiles para o sector audiovisual galego, así como identificar e consensuar as liñas de interese para que as empresas desenvolvan actuacións cooperativas de innovación nos seus produtos e servizos para móbiles, e que, polo tanto, lles faciliten o aproveitamento dun mercado en gran expansión. Sirva de exemplo que en España a cifra global de negocio de contidos para móbiles ascendeu a 748 millóns de euros en 2008, cun crecemento do 7% con respecto ao ano anterior.
O programa do terceiro foro colaborativo, que será a finais deste mes, está pendente de pecharse nos vindeiros días. As conclusións e propostas cooperativas que xurdan dos tres foros serán recopiladas para a súa avaliación e debate nunha posterior sesión de traballo, prevista para o mes de xullo.