Por primeira vez, unha delegación de empresas galegas do sector audiovisual, asociadas ao CLAG asisten ao Mercado Audiovisual de Catalunya, MAC 2008, inaugurado hoxe, e no que o Clúster celebrou a súa presentación institucional en Catalunya.
“Asistir ao Mercado Audiovisual de Catalunya é unha oportunidade de presumir de país”, declarou o presidente do Clúster Audiovisual Galego, CLAG, Antón Reixa, na rolda de prensa celebrada esta mañá en Granollers (Barcelona), onde por primeira vez, unha delegación de empresas galegas do sector audiovisual, asociadas ao CLAG, asisten ao Mercado Audiovisual de Catalunya, MAC 2008, inaugurado hoxe, e no que o Clúster celebrou a súa presentación institucional en Catalunya.
Á rolda de prensa asistiron Fernando Salgado, secretario xeral de Comunicación da Xunta de Galicia, Manuel José Fernández Iglesias, director xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia, José Manuel Ortigueira, director de Promoción de XesGalicia, Julio Fernández, presidente de Honra do Clúster, e Antón Reixa, presidente do Clúster, quen declarou que “o principal activo das empresas do CLAG é a innovación, sendo o I+D o exe principal dos seus servizos. Isto fainos convidarlles a que dende Catalunya se pense en Galicia como un bo socio, un bo provedor e mesmo un bo cliente”,
No acto de presentación, o presidente de honra do CLAG, Julio Fernández, pola súa parte, explicou que “a política de alianzas vai ser estratéxica para o futuro do audiovisual e aí Catalunya e Galicia temos unha gran potencialidade de colaboración”. A súa vez, o representante de Xesgalicia, José Manuel Ortigueira, destacou o apoio financeiro ao sector audiovisual, especialmente no que corresponde a súa proxección no exterior, e Fernando Salgado, secretario xeral de Comunicación da Xunta, expresou a confianza no CLAG como factor clave no desenvolvemento do modelo de Tv de proximidade, declarando que “no actual momento de explosión ordenada da Tv dixital e de proximidade, o CLAG enfréntase a retos tecnolóxicos de contidos e publicidade”.
A continuación da presentación do CLAG, as seis empresas asociadas ao Clúster participantes na feira- Interacción, Voz Audiovisual, Filmanova, Correo Tv, Ficción Producciones e Fundación TIC- tiveron a oportunidade de amosar os seus contidos e proxectos audiovisuais máis innovadores que exhiben estes días no Mercado.
A compañía Interacción presentou no MAC´08, da man da súa directora-xerente Beatriz Legerén, un proxecto de comunidade en internet dirixido a un público de 14 a 35 anos, que se chama “0747”. Este xogo está baseado nunha serie de intriga, suspense e acción que consta de 20 capítulos dunha duración media de 3 minutos cada un deles. Asemade, Interacción tamén levou á feira “Rumores”, un simulador informal de grupos de amigos adolescentes, dirixido a un público adolescente feminino. Este xogo de entretemento permite ao xugador manter e aumentar o seu grupo de amigos virtuais, interactuando con eles a través de mesaxes de texto e multimedia, tendo a súa vez que superar unha serie de retos.
Jaume Santacana, director-adxunto de Voz Audiovisual, presentou o proxecto que rodará proximamente a compañía, titulado “23 F 2.0”. Trátase dunha ucronia histórica que se desenvolve a partir dogolpe de Estado do 23 de febreiro de 1981 e na que se conta de maneira realista quen foi quen neste acontecemento que poido cambiar a historia de España.
Filmanova, representada por Katia Fraguela, responsable do departamento de Novos Media, levou á feira diversos contidos multiplataforma para móbil, Internet e televisión entre os que destaca “Vale Tudo” e “El Ascensor”, uns formatos interactivos de sketches cómicos. Fraguela explicou o seu interese no MAC en adquirir información sobre novos formatos de televisión de ámbito local e en non perder a perspectiva de todos os cambios que implica a implantación da TDT en canto a modelos de negocio se refire.
Correo Tv, representada no Mercado polo seu director, Luis Pérez, comenzou a emitir en TDT convirtíndose na primeira canle privada galega que da o salto á tecnoloxía dixital, adelantándose en máis dun ano ao apagón analóxico previsto para a demarcación de Santiago. Dende hai algo máis dun ano, Correo TV emite dende Santiago en analóxico, sistema que tamén seguirá empregando na difusión do sinal ata que a porcentaxe de penetración da TDT na demarcación así o aconselle. “A cobertura dixital ocupa unha área xeográfica moi extensa ao redor da capital galega, zona na que vive unha poboación de 300.000 persoas”, explicou Luis Pérez engadiendo que os programas de produción propia de Correo TV que se emiten nas horas de maior audiencia, ofrecen contidos de carácter local e galego: información, entrevistas, debates, tertulias, magacines e mesmo sesións do Parlamento de Galicia. “Os espazos de alcance autonómico son enviados ás demáis televisións locais de Galicia, agrupadas na asociación Onda Nós, á que pertence Correo TV. A medida que se vaia producindo o tránsito ao dixital irá incrementando a produción propia, que se fai en galego practicamente na súa totalidade”, explicaba o director.
Ficción Producciones, da man de Beatriz Rodríguez, responsable de Marketing, realizou unha presentación desta compañía galega, que se dedica á realización de proxectos audiovisuais de última xeración, integrando imaxe real e 3D, e que produciu numerosas películas de ficción e animación, documentais, así como formatos para televisión e campañas publicitarias.
Finalmente, José Antonio Corredoira Teijeiro, director da Fundación TIC- Fundación para o Desenvolvemento das Tecnoloxías da Información e da Comunicación, que ten como obxectivo promover a formación e a produción no eido das TIC- explicou que “adaptar os modelos formativos a unha nova situación caracterizada por un gran dinamismo constitúe unha das principais líñas de traballo da Fundación”. Por iso a finalidade da súa participación no MAC´08 é coñecer e incorporar ás súas estratexias de traballo as innovacións e retos tecnolóxicos que poidan atopar neste Mercado e que nos vindeiros anos provocarán a aparición de novos perfís profesionais que, en consecuencia, demandará novas cualificacións dos traballadores do sector audiovisual.
Participación en mesas redondas
A presencia do CLAG no MAC complétase coa participación de algúns dos seus directivos en diversas mesas redondas. Carlos Carballo, vicepresidente do Clúster e director da Área Audiovisual da Corporación Voz, interveu hoxe na mesa titulada “Innovación na TV de proximidade, retos tecnolóxicos, e necesidades do sector audiovisual”, moderada por Joan Rosés, na que tamén participaron, ademais do Clúster, XAL, a Coordinadora de televisións públicas locais, a Fundación Andalucía Audiovisual, TDI, ASODAL e ACCTDTL. Mañá o director de Correo TV, Luis Pérez, participará na mesa redonda titulada “Produción e mercado de contidos para a televisión de proximidade. Perspectivas de futuro no marco da TDT-L”, moderada por Ton Lladó.
Asemade a participación do Clúster no Mac tamén consistiu no patrocinio da Copa Networking, que foi ofrecida no recinto feiral para todos os profesionais asistentes ao finalizar a xornada de hoxe.