O CLAG CELEBRA EN CANNES MEDIO CENTO DE REUNIÓNS CON EMPRESAS DE FRANCIA, REINO UNIDO, FINLANDIA, AUSTRALIA, BRASIL E ARXENTINA

5 / 10 / 2009

Unha representación do CLAG está desde onte en Cannes cunha delegación de 16 empresas, que baixo a marca Galicia Audiovisual, asisten ao MIPCOM que se celebra do 5 ao 9 deste mes.

Un stand de 39 metros cadrados sirve de plataforma para dar visibilidade á industria audiovisual de Galicia na que pasa por ser unha das feiras de contidos máis reputadas do mundo. Alí están Abano Producións, Continental, R, Adivina Producciones, Isabella Audiovisual, Interacción, Setemedia, Milou Films, Filmanova, Filmax, Enxebre Entertainment, Perro Verde Films, Voz Audiovisual, Xamalú Filmes, Ficción Producciones e Dygra Films.

O CLAG ten xa pechados para a delegación galega medio cento de contactos con empresas de contidos audiovisuais de Francia, Reino Unido, Finlandia, Australia, Brasil e Arxentina, aos que se engadirán os que se establezan a maiores no trascurso do mercado, en función do interese das partes.

É a terceira vez que o CLAG está presente en Cannes con stand propio, nunha iniciativa que consolida a imaxe do clúster, tanto ante os visitantes da feira como ante os propios asociados.

A edición deste ano ten un significado especial porque MIPCOM cumpre o seu 25 aniversario. Por iso, a organización ten previsto un amplo programa de eventos e conferencias, no que resaltan perfís como o do creador dos Simpsoms ou o presidente de Hasbro.  No marco do MIPCOM  desenvolveranse unha serie de actos para celebrar o éxito global dos Simpsons ao longo de dúas décadas. Matt Groening, creador da serie e produtor executivo, e Al Jean, produtor executivo, estarán en Cannes, onde Groening recibirá o galardón Creative Icon Award durante unha cea de gala que terá lugar o 7 de outubro e na que Al Jean será o mestre de cerimonias. En rolda de prensa, ambos os dous analizarán mañá o éxito da serie, a súa lonxevidade e a súa migración a través de distintas plataformas de distribución.

Tamén mañá, Brian Goldner, presidente do xigante dos xoguetes e xogos Hasbro, Inc. dará unha conferencia para explicar a traxectoria de Hasbro ata converterse no líder do entretemento, cun volume de negocio de 4 mil millóns de dólares en produtos para o entretemento e o tempo libre de familia e nenos, con vínculos tamén notables con películas, televisión e sectores dos videoxogos.

Categoría: Novas
Etiquetas: