O Chanfaina Lab, XI Premio José Sellier

30 / 11 / 2022

A Academia Galega do Audiovisual anunciou hoxe a concesión do XI Premio Especial José Sellier ao Chanfaina Lab, un proxecto de creación audiovisual colectiva que se celebra no concello de San Sadurniño. 

A Academia quere recoñecer recoñecer unha iniciativa “que fomenta a liberdade creativa e favorece a convivencia, unindo a cineastas de calquera idade, xénero, procedencia ou traxectoria para compartir experiencias arredor da obra cinematográfica. Unha proposta que reinvindica a súa alma rural e o seu espírito comunitario, sendo quen de implicar a veciñas e veciños e de inspirar as vocacións de novas xeracións de cineastas.” 

Chanfaina Lab convida a creadores audiovisuais a gravar no concello de San Sadurniño unha curtametraxe durante unha fin de semana con total liberdade temática e estilística, tendo a San Sadurniño como referente. No mes de febreiro os filmes son proxectados nun acto público coa asistencia dos autores e a veciñanza do concello. A convivencia de cineastas locais de diferentes idades e procedencias con outros de traxectorias consolidadas enriquece unha proposta que se fundamenta no respecto polo territorio.  No marco do Chanfaina Lab tamén se celebran obradoiros de formación.

Cineastas participantes no Chanfaina Lab de 2015

Álvaro Pérez Becerra, presidente da Academia Galega do Audiovisual, destacou este vínculo con San Sadurniño: “o Chanfaina Lab é imprescindible porque pon o foco no territorio, que debera ser un protagonista máis no audiovisual que producimos aquí. Aposta ademais por unha mirada ampla sobre o talento, contando con creadores de diferentes idades e experiencias” ao tempo que definía á iniciativa galardoada co XI Premio Sellier como “todo un exemplo de como debemos comportarnos como sector.”

Participantes no obradoiro ‘Isto non se arranxa na postprodución’ impartido por David Machado en 2022

O premio Sellier é un galardón que outorga a Academia Galega do Audiovisual para premiar o labor de iniciativas salientables dentro do sector audiovisual; debe o seu nome ao pioneiro do cinema José Sellier Loup, quen, en maio de 1897 filmou, na Coruña, as primeiras películas rodadas en España con cámara Lumière.

A entrega de premios terá lugar o vindeiro sábado 3 de decembro ás 20:00 horas no Teatro Colón da Coruña e contará coa presenza de Alfredo e Marta Sellier, descendentes do cineasta. Eles serán os encargados de entregar ao Chanfaina Lab un trofeo deseñado polo artesán coruñés Teodoro Castro, que reproduce a cámara Lumiere coa que José Sellier gravou aquelas primeiras imaxes da vida cotiá na cidade da Coruña.

O Premio Especial José Sellier é unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual, que conta co apoio do Concello da Coruña. 

Categoría: Novas
Etiquetas: