Chegamos á recta final dun ano emocionante e produtivo para o sector audiovisual en xeral e, moi especialmente, para o traballo que desenvolvemos día a día na Academia. Un labor que non sería posible sen o, cada vez maior, apoio das académicas e académicos que coa súa confianza fan que esteamos sempre atentos ao sentir maioritario do colectivo.
Os Mestre Mateo presentes todo o ano
Un ano máis, os Premios Mestre Mateo foron a referencia do éxito colectivo de todos os axentes implicados no audiovisual galego e, moi especialmente, do talento dos profesionais do sector. Celebramos esta XXII edición, a máis multitudinaria da historia, incrementando o resultado do impacto mediático con respecto á edición anterior. A través da Semana do Cinema Galego e o Ciclo Mestre Mateo estendemos a todo o ano a difusión e promoción das producións e dos profesionais organizando un total de 292 proxeccións de cinema galego repartidas entre concellos de toda Galicia, cidades do estado español, europeas e americanas.
Acollimos o Encontro de Academias de Cine e Audiovisual, no que analizamos o estado das diferentes medidas de prevención e protocolos de acoso que están activos no estado. Démoslle continuidade á distinción Lugares de Interese Cinematográfico co obxectivo de poñer en valor e dar a coñecer, máis alá das nosas fronteiras, o noso patrimonio e tratamos a relación coa Lingua no Foro da Industria Galega do Audiovisual.
Fomos distinguidos coa Medalla de Ouro de Galicia
Destacar a excelencia do traballo dos compañeiros ou incentivar a investigación a través do recoñecemento que dan os premios é unha labor que está no ADN da Academia. Reeditamos os Premios María Luz Morales con éxito de convocatoria e recoñecemos, co Premio José Sellier, o labor das compañeiras de CIMA. Prodúcenos unha grande satisfacción entregar premios, pero tamén fai ilusión recibilos. Estamos moi orgullosas de que a nosa Academia teña sido distinguida coa Medalla de Ouro de Galicia e o recoñecemento que iso supón para todo o sector audiovisual galego, xa que tamén recibiron a distinción os académicos Zaza Ceballos e Luis Tosar.
Compromiso co futuro
Temos un claro compromiso co Futuro do noso audiovisual e por iso organizamos un debate de candidatos ás eleccións do Parlamento de Galicia. A través da Mesa do Audiovisual Galego continuamos trasladando, ao longo do ano, aos partidos políticos todos aqueles temas e preocupacións que nos unen en coordinación coas asociacións representativas do sector.
Grazas por acompañarnos nesta viaxe
É un pracer compartir os logros máis destacados deste 2024 con todas as institucións públicas que confiaron na Academia para levar a cabo e poñer en práctica a nosa misión dentro do conxunto da Cultura Galega. Grazas ao Concello da Coruña, AGADIC, Área de Cultura da Deputación Provincial da Coruña, Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, Deputación de Ourense, Deputación de Pontevedra, Televisión de Galicia, Secretaría Xeral da Emigración, Concello de A Laracha, Concello de Betanzos, Concello de Boiro, Concello de Cedeira, Concello de Valdoviño e Concello de Vimianzo.
Grazas tamén ás empresas que nos acompañaron: Estrella Galicia, Bico de Xeado, ABANCA, Deleite, Cafés Candelas, Galicia Calidade, Trevisani, CEGA Audiovisuales, Fundación AISGE e GADIS.
Remata un 2024 intenso, pero mantemos o entusiasmo intacto de cara ao ano que comeza.
Agardamos que o 2025 chegue cargado de saúde, felicidade e bos proxectos.
Feliz Audiovisual Galego 2025!