NOVO HORARIO NOS CICLOS DO CGAI

7 / 01 / 2010

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) (rúa Durán Loriga, 10 baixo, A Coruña) regresa neste ano 2010 os venres ao seu horario anterior ao 2008. Continuarán as dúas sesións, pero serán ás 18.00 e 20.30 horas, eliminando a sesión nocturna e, por conseguinte, facendo desaparecer a sección da programación “After Hours”.

VENRES 8:
18.00 horas.
THE NEW CENTURIONS / LOS NUEVOS CENTURIONES      
(Estados Unidos, 1972)
Dirección: Richard  Fleischer. Guión: Stirling Silliphant, sobre a novela de Joseoh Wambaugh. Produción: Chartoff-Winkler Productions. Fotografía: Ralph Woolsey. Intérpretes: George C. Scott, Stacy Keach, Jane Alexander, Scott Wilson. Duración: 103 minutos.
Un veterano policía encárgase de adestrar a un grupo de novatos. Un deles fíxose axente para pagar os seus estudos de Dereito, pero pouco a pouco comprende que nunca logrará graduarse. Un día féreno gravemente. Un Richard Fleischer en plena madurez creativa (anos nos que tamén filma El estrangulador de Boston, El estrangulador de Rillington Place, Cuando el destino nos alcance ou Mandingo) analiza con realismo a enorme contradición da figura do policía, dividido entre o sentido do deber, os evidentes problemas sociais que é incapaz de resolver e a súa identidade, diluída e progresivamente embrutecida. Magnífico reparto con Scott e Keach no seu apoxeo.

20.30 horas
FORTY GUNS   
(Estados Unidos, 1957)
Dirección e guión: Sam Fuller. Produción: Globe Enterprises para Twentieth Century Fox. Fotografía: Joseph Biroc. Intérpretes: Barbara Stanwyck, Barry Sullivan, Dean Jagger. Duración: 80 minutos.
O shériff Griff Bonell chega a Tombstone con dous irmáns seus para acabar cunha banda de foraxidos que dirixe Jessica Drummond. Delirio, frenesí, furia, un dos gozosos crescendos (rodado en Scope) que compendia os recursos expresivos do cine de Fuller: angulacións de cámara que xerarquizan aos personaxes, desenfoques expresivos, mirada subxectiva, panorámicas e travellings que elevan dramaticamente unha escena. Unha estimulante revisión dos mecanismos xenéricos tradicionais, permite a Fuller, influído polo seu mestre John Ford, reescribir iconografía, personaxes e espazos.
 

 

Categoría: Novas
Etiquetas: