NOVO CICLO NO CGAI ADICADO AO CINEASTA AFRICANO SOULEYMANE CISSÉ

30 / 06 / 2009

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) (rúa Durán Loriga, 10 baixo, A Coruña) comeza mañá mércores día 1 de xullo (20.30 horas) a programación de xullo cun novo ciclo, dedicado ao cineasta africano Souleymane Cissé. En colaboración co Festival Internacional de Cine de Granada Cines del Sur, IVAC-La Filmoteca de Valencia, Filmoteca Española e Filmoteca de Andalucía, o ciclo inciase coa proxección dun documental de Rithy Panh sobre a súa traxectoria, CINÉMA, DE NOTRE TEMPS: SOULEYMANE CISSÉ (1990) e o seu primeiro traballo, a mediometraxe CINCO DÍAS DUNHA VIDA (1972).

 

Activista cultural e autor dunha breve e estimulante filmografía, Souleymane Cissé (Bamako, 1940) traballa como fotógrafo e proxeccionista antes de marchar á Unión Soviética para cursar os seus estudos no Instituto Estatal de Cinematografía de Moscova (VGIK). Alí –onde reside sete anos- filma as súas primeiras curtametraxes coa colaboración de compatriotas como Djibril Kouyaté e Kalifa Dienta.  Regresa a Mali en 1970, onde realiza documentais para o Servizo Cinematográfico do Ministerio de Información. O seu primeiro traballo persoal é Cinq jours d´une vie (1972), mediametraxe centrada na histoira dun estudante novo, sen expectativas e insatisfeito polo ensino que recibe na escola coránica, que decide saír adiante por medio do roubo, sendo condenado e regresando á súa aldea tras ser excarcerado.

Pero serán Den Muso (1975) e Baara (1978) as súas auténticas cartas de presentación, diáfanos expoñentes das formulacións abertamente marxistas de Cissé. Abordando feitos criminais en ámbitos obreiros, Cissé delinea con claridade os perfís da explotacion e da loita de clases no seu país, enriquecendo o seu discurso con tratamentos colaterais de problemas tan importantes como son a situación da muller ou a moralidade imperante en Mali.  

O recoñemento internacional chégalle con Finyé (1982), unha intelixente historia de amores contrariados desdobrada en vigorosa crítica á autoridade paterna e á represión política co trasfondo das revoltas estudantís na Universidade de Bamako. Será sobre todo con Yeelen / La luz (1987), a súa obra máis coñecida, galardoada en Cannes, onde obtén os parabéns da crítica occidental coa consideración de punto de inflexión no seu traballo. Viaxe iniciática dun mozo bambara para adquirir coñecementos máxicos atávicos, entre o relato mitolóxico de inspiración autóctona e a especulación filosófica, construído con imaxes de beleza subxugante, o filme renuncia ao contacto urxente coa realidade de Mali para gañar en universalidade. 

Cissé tardará anos en conseguir materializar o seu seguinte proxecto, Waati (1995), retorno do autor ao seu ámbito primixenio da crónica sociopolítica a través da errancia dunha rapaza surafricana que vaga por todo o continente fuxindo do apartheid. Con dificultades para rearmar novos proxectos, entusiasta presidente fundador da Unión de Creadores e Empresarios do Cine e do Audiovisual de África do Oeste (UCEACO) convencido da necesidade do desenvolvemento cultural en África, Cissé vén de presentar por fin o seu novo e esperado filme, Min yé, no último Festival de Cannes.   

Mércores 1 de xulllo (20.30 horas)  

CINÉMA, DE NOTRE TEMPS: SOULEYMANE CISSÉ     
(Francia, 1990)
Dirección e guión: Rithy Panh. Produción: La Sept-Arte, Institut National de l´Audiovisuel (INA). Duración: 53 minutos.
Documental producido por Arte e o INA en torno ao cine de Souleymane Cissé que inclúe unha entrevista con el. Seguindo as directrices da serie de retratos creada por André S. Labarthe e Janine Bazin nos anos 60 o encargo encoméndaselle a un realizador novo, neste caso o cambodiano Rithy Panh.   

CINQ JOURS D´UNE VIE / [CINCO DÍAS DUNHA VIDA]     
(Mali-Senegal, 1972)
Dirección e guión: Souleymane Cissé. Produción: Les Films Cissé. Fotografía: Souleymane Cissé, Cheick Hamala Keïta e Mamadou Sidibe. Intérpretes: Falaye Dabo, Myriam Tima. Duración: 50 minutos.
Cinco días na vida dun mozo que sae dunha escola coránica e acaba vivindo e roubando na rúa, ata que o deteñen e envían a prisión. Unha primeira aproximación crítica de Cissé á súa sociedade, amosando a esterilidade dos sistemas educativos impositivos e a neglixencia e influencia das institucións.  
 
Xoves 2 de xulo (20.30 horas)

DEN MUSO / [A MOZA]     
(Mali, 1975)
Dirección e guión: Souleymane Cissé. Produción: Les Films Cissé. Fotografía: Souleymane Cissé, Abdoulaye Sidibé, Cheick Hamala Keïta e Marisélèn Diarra. Intérpretes: Dounamba Dany Coulibaly, Fanta Diabate. Duración: 88 minutos.
Sékou é despedido tras pedir un aumento. Sen sabelo, sae coa filla muda do patrón da fábrica, á que viola e deixa embarazada. Ela fará fronte á cólera familiar e ao rexeitamento de Sékou, que non recoñece ao seu fillo.   

 
Luns 6 de xullo (20.30 horas)

BAARA / [TRABALLO]     
(Mali, 1978)
Dirección e guión: Souleymane Cissé. Produción: Les Films Cissé. Fotografía: Étienne Carton de Grammont, Abdoulaye Sidibé. Intérpretes: Omou Diarra, Balla Moussa Keita. Duración: 93 minutos.
O xove administrador dunha fábrica atopa a un mozo no camiño e ofrécelle traballo. Pouco a pouco dáse de conta do miserable trato que ten a compañía cos traballadores e loita entre a súa ética e a presión dos demais para que protexa os intereses da empresa. Gran Premio no importante Festival Panafricano de Ouagadougou (FESPACO).  

Mércores 8 de xullo (20.30 horas)

FINYÉ / [O VENTO]     
(Mali, 1982)
Dirección e guión: Souleymane Cissé. Produción: Les Films Cissé. Fotografía: Étienne Carton de Grammont. Intérpretes: Fousseyni Sissoko, Goundo Guissé. Duración: 100 minutos.
Nunha pequena comunidade da África contemporánea desenvólvese unha historia de amor entre a filla dun militar e o neto do xefe da tribo. Retrato dunha sociedade en transición, onde se cuestionan as nocións tradicionais de autoridade desde unha perspectiva etnográfica e abertamente política. Cissé volve gañar o FESPACO, ademais do Tanit de Ouro no segundo certame en importancia do continente africano, as Xornadas Cinematográficas de Cartago.

Luns 13 de xullo (20.30 horas)

YEELEN / YEELEN (LA LUZ)     
(Mali-Burkina Faso-Francia-Alemaña, 1987)
Dirección e guión: Souleymane Cissé. Produción: Les Films Cissé. Fotografía: Jean-Noël Farragut e Jean-Michel Humeau. Intérpretes: Issiaka Kane, Niamanta Sanogo. Duración: 101 minutos.
Un vello feiticeiro africano, representante dunha tradición secreta imperante na súa etnia, persegue ao seu fillo para destruílo por non respectar os seus mesmos preceptos relixiosos. Na súa fuxida, as diversas peripecias polas que atravesa o mozo convértense nas probas dun penoso proceso cara á madurez. Chea de lirismo e fermosura, gaña o Premio Especial do Xurado en Cannes. Música de Salif Keita.     

Mércores 15 de xullo (20.30 horas)

WAATI / [O TEMPO]     
(Francia-Mali-Burkina Faso, 1995)
Dirección e guión: Souleymane Cissé. Produción: Xavier Castano para Carthago Films S.a.r.l., Les Films Cissé, Erato Films, La Sept Cinéma e Renn Productions. Fotografía: Jean-Jacques Bouhon, Vincenzo Marano e Georgi Rerberg. Intérpretes: Sidi Yaya Cissé, Mariame Amerou. Duración: 140 minutos.
Na Sudáfrica do apartheid, unha familia de negros traballa na pequena explotación agrícola dun branco que os somete a constantes humillacións. Cando a filla pequena, de seis anos, mata a un policía que acaba de abater a seu pai, vese obrigada a fuxir por todo o continente. Coprodución multinacional rodada en varios países africanos (Mali, Costa de Marfil, Sudáfrica e Namibia) que amosa ao Cissé combativo e perspicaz observador da realidade.  
   

Categoría: Novas
Etiquetas: