NOVAS DO SECTOR: BASES DO CONCURSO Curtas Na Rede

28 / 02 / 2007

A Secretaría Xeral de Comunicación, a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, e o Consello da Xuventude de Galicia invítao a participar no II Concurso Curtas na Rede.

BASES DO CONCURSO Curtas Na Rede

A Secretaría Xeral de Comunicación, a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, e o Consello da Xuventude de Galicia invítao a participar no II Concurso Curtas na Rede.
Os participantes deberán realizar unha curtametraxe de xénero e técnica libre que non poderá exceder os 5 minutos, e deberá versar sobre as seguintes temáticas: xuventude, inmigración, medio ambiente ou visións alleas / visións nosas.
Para esta edición ábrese a categoría de micromovies. Nesta sección participarán filmes realizados coa cámara do teléfono móbil que non poderán exceder os 30 segundos e son de xénero e temática libre. Todas as persoas participantes terán a posibilidade de abrir unha bitácora referente ao seu filme e ás anécdotas da rodaxe.
O concurso está organizado pola Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual da Secretaría Xeral de Comunicación e polo Consello da Xuventude de Galicia, coa colaboración da Secretaría Xeral de Emigración, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible Compañía de Radiotelevisión de Galicia (programa Onda Curta), o Consorcio Audiovisual de Galicia, a Compañía R, e Blu:sens.
1 OBXECTIVOS DO CONCURSO
Este concurso pretende cumprir os seguintes obxectivos:
 Servir de escaparate de mostra da creación galega
 Promover o audiovisual galego non profesional
 Utilizar Internet como un espazo para a creación e para a comunicación
 Crear un punto de encontro da creatividade entre Galicia e Iberoamérica
 Poñer as redes sociais que xorden de Internet ao servizo da creatividade audiovisual
 Espallar a cultura audiovisual entre toda a xente sen importar a idade
2 CANTO DURA
Comezará o 14 de febreiro de 2007 e rematará o 15 de setembro de 2007
3 A QUEN VAI DIRIXIDO?
A todas as persoas interesadas no mundo da creación audiovisual e multimedia.
Establécense tres categorías:
– Categoría A: de 15 a 22 anos
– Categoría B: de 23 a 50 anos
– Categoría C: de 51 en adiante
Constará como idade do/a participante a da persoa que dirixa a curtametraxe.
Non poden participar os empregados das entidade organizadoras e patrocinadoras nin os seus familiares directos; tampouco se poden presentar os empregados ou familiares directos de calquera empresa que participe baixo contrato na promoción ou na xestión técnica do concurso.
4 COMO ME PODO INSCRIBIR?
A inscrición é gratuíta e realízase a través do formulario na seguinte páxina web: www.curtasnarede.es
O prazo de inscrición está aberto dende o 14 de febreiro de 2007

5 PRESENTACIÓN DOS TRABALLOS
A/s curtametraxe/s serán remitidas ben persoalmente ou por correo certificado ao Centro Multimedia de Galicia (R/ Hórreo, 61, 15702 Santiago de Compostela). O límite de entrega é o 15 de setembro de 2007.
Deberase presentar nun sobre o seguinte contido:
 un DVD vídeo onde o título principal sexa a curtametraxe que se presenta a concurso
 un CD con dous ficheiros da curtametraxe codificada en Windows Media Vídeo, un codificado en alta calidade (CBR 1073 kbps, 25fps, 768×576) e outro con codificación múltiple en calidade media (CBR 548 kbps, 25fps, 384×288, CBR 109 kbps, 12.5fps, 288×216, CBR 43kbps, 12.5fps, 192×144). Estes formatos utilizaranse para a publicación en Internet.
 unha ficha técnica que incluirá: nome e apelidos da persoa que dirixe a curtametraxe, enderezo, correo electrónico, teléfono de contacto e breve sinopse. Ademais, o concursante deberá cubrir estes datos no formulario dispoñible no web do concurso.
 Fotocopia do DNI da persoa que dirixe a curtametraxe
Presentación da/s micromovies:
 As micromovies presentaranse utilizando unha ferramenta on line disponible no portal www.curtasnarede.es previo rexistro do/a usuario/a. As condicións técnicas, de limitación de tamaño e tutorial de comprensión se atopan na páxina web.
 Independentemente do número de micromovies presentadas, o autor ou autora deberá remitir ao Centro Multimedia de Galicia a súa ficha de inscrición no concurso asinada e indicará o número de obras que presenta e os seus títulos. Tamén deberá achegar unha fotocopia do DNI. No asunto do correo figurará o seguinte texto: envío de curtamovies. A organización do concurso colgará no prazo máis breve posible a/s obra/s presentadas.

Os gastos de envío correrán a cargo das persoas participantes. Os organizadores non se responsabilizan das perdas ou estragos deste envío.
No caso de que o/a autor/a compita con máis dunha curtametraxe, cada obra irá nun DVD independente.
No caso de que unha curtametraxe estivese codirixida, para os efectos deste concurso a obra considérase presentada pola persoa rexistrada na inscrición; no caso de que a obra resultase premiada, o premio concederáselle á persoa rexistrada.
No caso de que se presentase a mesma curtametraxe pero se rexistrase por distintas persoas, para os efectos deste concurso considerarase a obra presentada pola primeira persoa que realizou a súa inscrición, segundo o indiquen os ficheiros de incidencias correspondentes no servidor.
6 CARACTERÍSTICAS XERAIS DAS CURTAMETRAXES
 A curtametraxe non poderá exceder os cinco (5) minutos, incluíndo os títulos de crédito.
 Cada autor/a poderá participar co número de obras que considere oportuno; en todo caso non poderá superar un traballo por temática.
 A curtametraxe debe ser inédita. Non pode ter participado en ningunha competición similar, incluíndo calquera festival, premio, procedemento de difusión ou acordo de distribución durante o tempo que dure o concurso.
 Non se admiten obras que inciten ao racismo, á xenofobia, á violencia de xénero, á homofobia ou que atenten contra a dignidade da persoa.
 A curtametraxe non deberá facer publicidade ou promover o uso de ningún produto ou servizo de natureza comercial.
 Poderá presentarse un cartel (en formato jpg, gif ou png) cun peso máximo de 100K, que acompañará á ficha de presentación da curtametraxe.
 A lingua empregada será o galego, agás das curtas presentadas nas categorías temáticas de inmigración e visións nosas / visións alleas que se poderán presentar tamén en castelán ou en calquera outra lingua cooficial do Estado español.

7 MICROMOVIES

 A micromovie terá unha duración máxima de 30 segundos, a temática e o xénero son libres. Poderá presentarse indistintamente en galego, castelán ou calquera outra lingua cooficial do Estado español.
 O autor ou autora poderá presentar todas as obras que considere oportunas.
 Non se admiten obras que inciten ao racismo, á xenofobia, á violencia de xénero, á homofobia ou que atenten contra a dignidade da persoa.
 A súa realización será exclusivamente mediante teléfono móbil.
 Poderá ser editada, pero non se poderá incluír ningún efecto de postprodución nin visual nin sonoro, excepto na titulación.
 As micromovies enviadas pasan a formar parte do arquivo deste concurso e os/as autores/as ceden gratuitamente os dereitos das obras para facer uso delas e ser exhibidas ou duplicadas sen fins comerciais co fin da promoción do concurso.
 Calquera apropiación indebida da autoría é responsabilidade da persoa que inscribiu a micromovie.

8 SELECCIÓN DOS TRABALLOS
Os traballos serán avaliados por un xurado e ademais o público poderá votar as curtametraxes e as micromovies a través do web do concurso, segundo o seguinte baremo:
o 1 estrela = pobre
o 2 estrelas = regular
o 3 estrelas = boa
o 4 estrelas = excelente
o 5 estrelas = excepcional
Para iso deberá cubrir un formulario cos seus datos persoais. Realizarase un sorteo entre todas as persoas que voten e ao gañador entregaráselle un premio valorado en 300 euros.
A organización resérvase o dereito a cancelar, suspender e sancionar no caso de producirse calquera tipo de fraude no proceso de votación.

9 BITÁCORAS DE RODAXE

 As persoas inscritas no concurso terán a posibilidade de crear unha bitácora de rodaxe. A organización porá á vosa disposición todas as ferramentas que permitan a creación e personalización do espazo blog.
 A finalidade destas bitácoras é compartir o proceso de rodaxe e a paixón que une a todas as persoas participantes neste concurso: o mundo da imaxe.
 A organización resérvase o dereito de control sobre aqueles post ou comentarios que excedan a temática do concurso e atenten dalgún xeito contra a dignidade das persoas.

10 O XURADO
O xurado estará composto por varias persoas de recoñecido prestixio no mundo da cultura e do audiovisual, así como por membros das entidades organizadoras e patrocinadoras.
O 21 de setembro darase a coñecer no web (www.curtasnarede.es) a listaxe de cinco nomeados á mellor actuación masculina e á mellor actuación feminina.
O fallo do xurado será inapelable e pódese declarar deserto calquera premio.
11 PREMIOS
As obras presentadas optarán aos seguintes premios:
CATEGORÍA A: DE 15 A 22 ANOS
 PREMIO CONSELLO DA XUVENTUDE: premio á mellor curtametraxe sobre mocidade: 1500¤
 PREMIO SECRETARÍA XERAL DE EMIGRACIÓN: premio á mellor curtametraxe sobre inmigración: 1500¤
 PREMIO DIRECCIÓN XERAL DE DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE: premio á mellor curtametraxe sobre medio ambiente: 1500¤
 PREMIO SECRETARÍA XERAL DE COMUNICACIÓN: premio á mellor curtametraxe sobre visións nosas / visións alleas: 1500¤
CATEGORÍA B: DE 23 A 50 ANOS
 PREMIO CONSELLO DA XUVENTUDE: premio á mellor curtametraxe sobre mocidade: 1500¤
 PREMIO SECRETARÍA XERAL DE EMIGRACIÓN: premio á mellor curtametraxe sobre inmigración: 1500¤
 PREMIO DIRECCIÓN XERAL DE DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE: premio á mellor curtametraxe sobre medio ambiente: 1500¤
 PREMIO SECRETARÍA XERAL DE COMUNICACIÓN: premio á mellor curtametraxe sobre visións nosas / visións alleas: 1500¤
CATEGORÍA C: DE 51 EN DIANTE
 PREMIO CONSELLO DA XUVENTUDE: premio á mellor curtametraxe sobre mocidade: 1500¤
 PREMIO SECRETARÍA XERAL DE EMIGRACIÓN: premio á mellor curtametraxe sobre inmigración: 1500¤
 PREMIO DIRECCIÓN XERAL DE DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE: premio á mellor curtametraxe sobre medio ambiente: 1500¤
 PREMIO SECRETARÍA XERAL DE COMUNICACIÓN: premio á mellor curtametraxe sobre visións nosas / visións alleas: 1500¤

PREMIO Á INTERPRETACIÓN:
 PREMIO CONSORCIO AUDIOVISUAL DE GALICIA Á MELLOR INTERPRETACIÓN MASCULINA: premio ao mellor actor: 1500¤
 PREMIO CONSORCIO AUDIOVISUAL DE GALICIA Á MELLOR INTERPRETACIÓN FEMININA: premio á mellor actriz: 1500¤

PREMIO DO PÚBLICO:
 PREMIO COMPAÑÍA R: premio ao curtametraxe máis votado a través de Internet: 1500¤
 PREMIO BLU:SENS: premio á micromovie máis votada a través de Internet: 1500¤

 PREMIO A.V. PREMIO DIRECCIÓN XERAL DE COMUNICACIÓN AUDIOVISUAL: a unha das persoas inscritas como votantes realizado a través de sorteo: 300¤
 PREMIO BITÁCORA: premio da Secretaría Xeral de Comunicación á mellor bitácora do concurso: 600¤

Ademais a CRTVG fará unha selección das curtametraxes premiadas para a súa emisión no programa Onda Curta.

No caso de que a persoa gañadora dalgún destes premios sexa menor de idade, a contía do premio entregaríase nun vale de compra para material informático, audiovisual ou libros.

No caso de que a persoa gañadora sexa de fóra de Galicia, a organización farase cargo do seu traslado e estancia en Galicia para a recollida do premio .

Os organizadores resérvanse o dereito de introducir modificacións nos premios.
12 ENTREGA DE PREMIOS
A entrega de premios realizarase o 28 de setembro.
13 CESIÓN LIMITADA DE DEREITOS POR PARTE DOS/AS PARTICIPANTES
As curtametraxes enviadas pasan a formar parte do arquivo deste concurso e os/as autores/as ceden gratuitamente os dereitos das obras para facer uso delas e ser exhibidas ou duplicadas sen fins comerciais co obxecto da promoción do concurso.
Os traballos poderán ser reclamados no Consorcio Audiovisual de Galicia, R/ Hórreo, 61, de Santiago de Compostela, nun prazo de 30 días a partir da data de remate do concurso.

14 A participación neste concurso implica a plena aceptación destas bases (ante posibles dúbidas na súa interpretación, prevalecerá o criterio dos organizadores).

15 As bases deste concurso tamén se atopan publicadas na páxina web www.curtasnarede.es

Máis información e inscricións en:

Tel.: 902 157 527
Fax: 981 563 488

Correo-e: informacion@curtasnarede.es
Web: www.curtasnarede.es

Categoría: Novas
Etiquetas: