“SON FAN DAS PELÍCULAS QUE NON UTILIZAN MÚSICAS”

22 / 12 / 2015

Pasar da música pop á composición para cine, pasar dos concertos aos estudos é como pasar da vida pública a unha recollida. Xavier Font está feliz deste percorrido que o baixou dos escenarios e o levou ata os premios Goya. Font (Bellpuig , Lleida 1972). Deixou os escenarios, deixou a banca e pasou a ese traballo non sempre ben recoñecido de poñerlle música a unhas historias dominadas pola imaxe.

 

No traballo de compositor para cine ou para series, de quen te tes que fiar? Do produtor, do director, do guionista? como escolles entre tantas cabezas pensantes que hai sobre unha historia? Ou en realidade tes que dicir: non, eu fago o que quero?

‑Non che sabería responder de un xeito fixo, pero máis ou menos vas testando os equilibrios distintos que pode haber en cada produción. Hai produtores que son máis creativos, outros que deixan facer.Tamén os directores, entón teste que facer unha composición de lugar, e en función de como ves que está repartido, vas vendo quen ten dereito de tanteo en todo isto. En primeiro lugar está a historia, porque supoño que cando vas a favor da historia normalmente as cousas melloran en todos os aspectos, despois, claro, hai que respectar esa visión particular do director, porque é quen crea toda a coherencia, se eu fixera o que a min me parecera, se non me deixara dirixir como fan os propios actores, poderíaproporcionar a miña perspectiva, pero se esa perspectiva non suma senón que resta á do director entón hai unha certa incoherencia, e iso si que é sagrado.

No momento anterior ácomposición, que é o que tes que saber da historia, dos personaxes, hasta que punto tes que saber?

-Por suposto, o guión sempre, aínda que hai moitas formas de lelo, cando falas cos guionistas,asisten pasmados á metamorfose a que está exposto o que eles escribiron. Tes que pensar incluso en anotacións técnicas, na linguaxe de cámara, se se vai mover moito, se vai ser realista, vai ser hiperrealista, vai ser máis persoal ou vai ter un enfoque mais poético. Normalmente canto máis realistas son as cousas, máis fala o son e a música aparece en momentos estratéxicos. Se a historia é máis persoal, normalmente, ten algo máis de música, pero son cousas que en xeral son así, pero que en concreto non. É unha negociación ata que chegas a dicir: por onde ataco isto dun xeito efectivo.Esta esa é outra: tés un tempo limitado e non podes fallar, e se fallas podes fallar unha ou dúas veces, depende da paciencia que teña a xente coa que estas traballando ou a marxe que che dean, pero non hai unha fórmula.De feito é o interesante, se as cousas foran fórmulas, se todas as películas foran xéneros, teríamos visto tantas veces a mesma película que non habería interese por ver unha película máis, o modelo do audiovisual probablemente teríase esgotado.

-Cando falas cos directores, guionistas e cos produtores, en que medida, ti como profesional, te sentes comprendido? En que medida ves que eles entenden o teu traballo?

-Agora que o dis, nunca me sinto moi comprendido, porque sempre teño o chip de comprender eu, tes o chip das neuronas espello conectadas para ser moi empático, pero non penso moito en reivindicarme ou ser comprendido.

-Pero realmente todas as persoas implicadas (de produtores a guionistas e todos os que están polo medio) saben o que esperan da música cando falan contigo? Que importancia cres que lle dan ao teu traballo?

-Depende desa identidade como cineasta que teña o director, as veces os directores son músicos pero tampouco che sabería dicirse iso é bo. Realmente, o escenario ideal sería: eu transmítolle exactamente o que quero da música que me axude tecnicamente nisto ou no outro, e ti dásme tantas propostas como poidas e delas vemos cal viste mellor a historia e nos permite chegar máis aosobxectivos da experiencia do espectador. Como non hai fórmulas, tes que empezar pola búsqueda do entendemento e entrar exactamente na estética e na identidade do cineasta que estás representando. Ao principio pensaba que o meu traballo non tiña que ver co dos actores, pero dinme conta de que preciso unhas instrucións, deixarme dirixir e facer un rollo Stanislasvkicen por cen, e cando eu son quen de poder entrar nese papel, entón son quen de emocionar ou transmitir esas emocións de xeito sincero, porque se non é así vai saír un pastiche, unha mestura de cousas, pero non vai saír do estómago e seguro que se vai notar.

-Entón es un intérprete máis, estás interpretando unha historia para levala á música. Que hai de específico en compoñer para televisión, cine, anuncios que non é comocompoñerpara calquera outro xénero? Que tes que ter que non teñan os outros, ou ao revés, que non tes que ter?

-Hai un momento en que o tes automatizado e cambias sen darte de conta, os prazos son máis pequenos en televisión e publicidade que en cine, que son mais amplos. Despois os orzamentos baixan dependendo da produción. Sobre todo como técnico, canto máis cine, máis tes que entrar a facer cine. Cando estás intervindo nunha obra, engadindo unha música, estás modificando absolutamente as connotacións do que transmite esa historia. Tamén pasa en formatos curtos. Na publicidade, que son microhistorias, que teñen un guión súper pensado e hipermeditado, tes que respectar moi ben esa introdución, nó e desenlace, os tres actos típicos. Pero na televisión e máis cuestión de pescar a melodía que máis conecte co contido do programa, de saber cal é perfil da audiencia que se busca. Curiosamente, nos tres casos ese informe previo, o perfil e os obxectivos non sempre están feitos.

-O publico non se dá conta do manipulable que é a través da música cando lle contan historias. Nótase nas películas que non teñen banda sonora. Ti es partidario de explicarlle á xente que é manipulada a través da música ou non, que iso siga formando parte da operativa do cine?

-Persoalmente, son fan das películas que non utilizan música. Como espectador agradézoo, estanme tratando dun xeito intelixente, déixanme que pense as cousas por min mesmo, déixanme facer a miña propia historia e saír do cine e ter un concepto da historia que vin absolutamente distinto da persoa coa que fun e iso xera que, despois, estás falando e sacándolle partido a esa historia que viches. Normalmente, a música o que fai é unificar a experiencia, se estamos nun bar e hai unha música soando, esa música está igualando os nosos biorritmos ou, como mínimo, ponnos nunha atmosfera semellante, e iso é a utilización manipuladora da música. Como todo, se manipulamos de xeito perverso pode ser malo, e se manipulamos dun xeito que vai a favor da historia, podes ser bo, porque canto máis realista é a historia que explicamos, menos utilización da música se fai, e canto mais persoal, poética, onírica é a historia, estás máis metido nun universo persoal que precisa de escoitar a música persoal dos ollos que estean ilustrando. Non é que unha sexa en contra da outra, é que cada unha che sirve para dicir cousas diferentes e chegar a espectadores diferentes. O único que tes claroe onde queres ir como cineasta e unha vez tes ese norte ben posto no mapa, pois compañeiro, imos por aí.

-Canto te sentes responsable do resultado último da película?

-Depende da película e do proceso que levou. O que viviches mentres estiveches facendo iso, as horas de praia que sacrificaches. Depende do que te podas sentir ti de identificado.

-Canto te sentes ti de identificado coas películas que fas? Ata que punto te sentes identificado como musico?

-Nunca es ti ao cen por cen, pero está o teu papel como técnico que quere facer o seu traballo o mellor posible. Todo acaba sendo moi importante e sentesque tes un fillo aí, aínda que as veces tes que matalo porque son rebeldes ou porque fixeches uns bloques musicais que, finalmente, tes que estar disposto a que no derradeiro momento caia de cartel porque alguén na sala de mesturas din: imos descansar de musica que xa tiñamos moita… Entón tes que estar disposto a matalos. Pero por un lado tes eses fillos, aínda que non sexan só teus, agás que fagas algo moi biográfico. Teño un pouco de conflito porque por unha parte me gustaría sentirme totalmente identificado, pero estás facendo traballo para outros. De feito o que me gustaría como musico é ter un proxecto paralelo que musicalmente me definira, e nisto ando pensando dende hai uns anos pero non o dou feito. Porque non teño tempo e cando teño gana non atopo a fórmula ou o camiño axeitado para levalo a cabo.Isto para min, como músico, sería perfecto porque me definiríatotalmente e me permitiría entrar con máis facilidade noutras cousas, tendo esa referencia identitaria musical, entrar a cada un dos outros ámbitos que me pediran como profesional.

Normalmente, fas a música porque alguén che fai unha encarga. Alguén faría unha película seguindo a túa música? Facer unha película seguindo o camiño inverso ao habitual?

-Si, bueno, xustamente por aí ía este outro camiño. En lugar de que unha imaxe que xera música. que sexa unha musica a que xera imaxe. Hai tempo que lle estou dando voltas porque iso e un pouco o puzzle persoal: un é as cousas que viviu. As túas experienciasacaban traducidas a música e realmente sería algo que iría por aí e sería algo interesante. De feito, algo me propuxeron xa nese sentido.

Por qué acabaches na composición para audiovisual?

-Casualidade.Era músico de pop, vocacional, de moi novo xa compuña cancións que era o que a min me gustaba facer. Despois de varias experiencias de grupos, un pouco cansado de ter que dicir cousas enxeñosas nas entrevistas, e ter que saír guapo nas fotos e ser máis escravo de cousas que para min non eran música, chegueia dicir: pois isto de traballar para imaxe é moito mais cómodo. É igual si es guapo ou feo, pasas a ter unha relación máis íntima coa imaxe porque estás en segundo plano. A xente pasa de ti, vas pola rúa e ninguén che para nin nada, polo tanto é fantástico. É unha cousa que valoro. A primeira experiencia foi por casualidade, un amigo diche: mira, estou facendo un piloto para televisión e gustaríame que fixerades algo. Probei e encantoume, desde aquela dixen: pois mira todo isto que non fun capaz defacer co pop,de intentar gañar a vida con isto, deque sexa unha aposta regular que non implique nada que teña que ver coa miña imaxe persoal ou co ocorrente que sexa contestando preguntas. Realmente é unha opción de vida? Pódese vivir disto? Como funcionan os dereitos de autor? Como funciona isto? Eu podería realmente vivir? E pouco a pouco fun estudando a posibilidade e aquí estamos.

-Non tes nostalxia da vida pop? Ter un grupo,os concertos…

-Non, gústame ir aos concertos porque te devolve a túa identidade orixinal, pero non. De feito,con distancia ves que hai un certo escravismo da xente nova que estaría disposta a dar o que fora por gravaro seu primeiro disco en condicións e distribuílo ben. Realmente, o modelo de negocio das discográficas era aproveitarse deses rapaces, e iso daquela non o viamos,pero vas cumprido anos e valo vendo de xeito máis cristalino.

-Como che pesa a túa orixe no pop no traballo que fas para o audiovisual?

-Curiosamente, cando empecei a facer cousas para o audiovisual dixen: o meu rollo pop teño que desterralo completamente. Púxenme a estudar e a entender todos os tipos de música que cría que me estaban pedindo e comecei a facer cousas completamente contrarias as que eu seguía. Aprendín música orquestral, polifonía renacentista, música barroca.. porque tiña a ansia de coñecer todo o que puidera.Inconscientemente distancieime do que era a miña identidade musical. Agora que pasou o tempo estou no proceso inverso, e cada vez mais tiro de iso porque me dá a sensación de que son máis sincero, máis honesto. Vas cumprindo etapas e a etapa agora mesmo ven máis a reconciliarme con iso e non utilizar tantos sons de corda antiga, coros e cousas así. Utilizar unha instrumentación máis sinxela e máis baseada timbricamente nas guitarras, nas texturas. Acaba sendo mais contemporáneo. Tampouco é que ser contemporáneo sexa o obxectivo, senón buscar paletas tímbricas que che dean exactamente o resultado que queres.

-Cres que cada película debe ter unha canción estrela? Ou cres que é unha cuestión de mercado?

-Eu intento facer iso, inténtoo no sentido de que eu son compositor de cancións en orixe e intento estudar se hai unha canción escondida nunha película. Haxa ou non, eu fágoa e saía ou non a posteriori ao mercado. Gústame facelo porque é un xeito de axudar ao produtor e ao lanzamento, é moi difícil distribuír as películas. De feito é a gran asignatura pendente no cinema galego: a boa distribución cunha ambición real de chegar a canto máis público mellor e canto máis axeitado ao target que ti tes posto. Se dende a parte musical podemos facer a nosa contribución en forma de canción ou en calquera outra forma, sexa polo equipo, porque traballaches cun compositor famoso e realmente engadir valores de produción é unha cousa boa para todo o mundo. Ás veces como o vemos dentro do márketing parécenos un pouco perverso e distanciámonos diso, pero creo que hai que ser un pouco sensibles, respectando e sen traizoar por suposto a historia. Sempre fago o exercicio de pensar: hai canción ou non hai? E cando o fas e resulta que non había canción é un exercicio de redución ao absurdo.

-Como te manexas ti con iso que non é música, que non é música incidental, pero que igualmente se utiliza para guiar aos espectadores. O son destinado a crear ambiente, iso que pode quedar entre o deseño de son e a música?

-Depende. Nos deseños de produción, os produtores ás veces con bo criterio e as veces non, danlle o traballo ao montador de son e dinlle: fai que coa túa contribuciónisto se sosteña, independentemente do que faga o músico. En paralelo, danllo ao músico con instruccións idénticas: esquécete do son e fai que a película funcione. Cando chega o momento de xuntar as cousas, pois pode pasar que as cousas non sempre casen ben e pode facerse así. Penso que é mellor que o músico chame ao de son para ir na mesma dirección e tentar ir un pouco máis aló.

-E sucede habitualmente?

-Non, cando queres que suceda tes que dar ti o paso. Eu dino máis dunha vez, para intentar sumar esforzos, tamén me pasou que eu traballei nun deseño determinado de atmosfera pero chegou o señor de son e tiña ideas moitísimo mellores que as miñas e eu encantado porque che quita algo de presión. Ti falo como se foras o último recurso e chega alguén que o pensou e fixo unha aproximación máis axeitada e quedas contento porque o resultado é mellor.

-Cal é o teu traballo de partitura e cal é o de estudo. Cal é máis importante?

-O primeiro, eu maqueto, fago cousas en estudo, vexo se as cousas casan. Intento facer unha maqueta o máis axeitada posible e máis cercana ao que teño na cabeza do produto final e se iso esta aprobado, entón lévoo á partitura e aí doulle un último vernizado. Intento orquestrar un pouco se teño que orquestrar eu, e se podo permitirme por orzamento unha orquestra que sexa mellor ca min, pois encantado porque todo suma. Normalmente fago ese traballo partitural máis tarde, outros compañeiros fano xa dende o principio, pero como é un traballo que é difícil e leva moito tempo, eu aproveito un tempo que hai entre o momento en que está todo aprobado e que finalmente vai a gravarse cunha orquestra sinfónica se é o caso.

-Para ti cal sería o encargo ideal de banda sonora?

-Agora estou facendo un documental, chámase O tempo futuro, (dirixido por Xoán Escudero) estouno facendo cun bo amigo, temos moitísima confianza, e onte mesmo estivemos toda a tarde falando, están na segunda versión da montaxe e encántame o feito de que con toda a confianza el túmbame as cousas que estou facendo e, tamén con toda confianza, déixase cuestionar sobre as cousas que teñen que ver coa película. Gústame moitísimo falar con el por ese contexto de que, en realidade, non pensamos que estamos facendo música: o último que estamos facendo é musica, o que estamos facendo é cine. El é músico, déixame a última palabra pero el está aportando moito. Por unha parte, rebáixame a responsabilidade e por outra imos falando e vemos como avanzamos pero non só no musical, tamén no cinematográfico. Porque en realidade estamos facendo unha linguaxe total, na que todas as partes suman. Que todas as cousas, guión, dirección, fotografía, suman para ir na mesma dirección.

 

Enlaces

Web: xavifont.com

Wikipedia: https://es.wikipedia.org/wiki/Xavi_Font

 

Bio

Desde 1986 ata 2002 formou parte de diversas bandas de pop e electrónica como compositor, teclista, baixista e guitarra.  No 2001 comeza a traballar no audiovisual, compoñendo para produciónscinematográficas.  Xavi Font foinomeadonos XXIV premios Goya, na categoría de Mejor Canción Original por Agallas. Obtivo o premio ‘Mestre Mateo 2013’ á mellor Música orixinal por O Apóstolo, na que colaborou con Philip Glass. Nomeado por mellor Música orixinal no premios Mestre Mateo por Salgadura.