‘MULLERES DA RAIA’ PECHA O CICLO DAS OBRAS PREMIADAS NOS MESTRE MATEO ´09 QUE ACOLLEU O CGAI AO LONGO DO MES DE MAIO

28 / 05 / 2010

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) acolle a proxección do documental ‘Mulleres da Raia’ obra premiada na VIII edición dos Premios Mestre Mateo, os galardóns que outorga anualmente a Academia Galega do Audiovisual (AGA).

O visionado do documental, de pase gratuito,  terá lugar o sábado 29 de maio na sede do centro na Coruña, Rúa Durán Lóriga, 10, a partir das 20.30 horas da tarde e estará precedido pola presentación da directora, guionista e produtora, Diana Gonçalves.

Este filme pecha o ciclo que acolleu o CGAI e polo que se visionaron as obras premiadas nos Premios Mestre Mateo 2009 dende o pasado 18 de maio.  Celda 211, Conexión, ¿Qué culpa tiene el tomate? e Mulleres da Raia conformaron a programación desta iniciativa promovida pola Academia Galega do Audiovisual e o Centro Galego de Artes da Imaxe para promocionar e difundir as producións galegas do último ano.

Sábado 29 de maio no CGAI a partir das 20:30 horas

 Entrada de balde

Mulleres da Raia

Gañadora do premio ao Mellor Documental

 

Dirección, Guión e Produción: Diana Gonçalves; Música Orixinal: Miguel Barbosa; Montaxe: Miguel Barbosa y Diana Gonçalves; Fotografía: Diana Gonçalves;Grafismo: Luis Faraón.Intérpretes: Mela Casal, Xavier Deive, Ivo Canelas. Duración: 170 minutos.

 

Sinopse: Unha viaxe ás fronteiras do Norte de Portugal e Galiza transpórtanos ao noso pasado máis recente, o contrabando local e a emigración clandestina eran prácticas habituais nestas terras aproveitando a proximidade do país veciño. A raia, como popularmente se coñece a fronteira, garda unha historia de loita diaria pola supervivencia, e as súas mulleres, son protagonistas.

Etiquetas: