Álvaro Mendoza, director de Amprods; Ana Riveiro, directora de produción de Congo Producciones; e Jesús Vecino, director de Bren Entertainment, estarán esta semana no Máster en Produción e Xestión Audiovisual (MPXA), título propio da Universidade da Coruña que desenvolve a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, para falar sobre produción de documentais, anuncios publicitarios e proxectos de animación.
O próximo martes 15, o produtor Álvaro Mendoza, experto en marketing directo e tecnoloxías da información aplicadas ao comercio electrónico, falará das distintas vías de comercialización dun documental desde a súa experiencia ao fronte de Amprods (Álvaro Mendoza Productions), produtora de documentais de natureza creada en 1991 e que está especializada na filmación do comportamento animal. Entre a súa filmografía, composta por máis de 60 documentais, atópanse títulos como Hijo de mono, La decisión de Gaia, Cigarras y hormigas e Animal Sapiens. Unha das súas últimas producións Evolution, God’s Game (El juego de Dios) gañou a medalla de prata, dentro da categoría Nature & Wildlife, do Festival de Nova Iorque. Neste mesmo festival Amprods recibiu a medalla de bronce en 2002 por Mantis e foi finalista en 2008 co documental Tramposos.
Autor de decenas de libros, programas de coaching e conferencias sobre comercio electrónico, Mendoza deu os seus primeiros pasos nesta área en 1995 coa creación dun dos primeiros directorios do seu país, ColombiaIndex. Un ano máis tarde 1st Choice International Holdings Inc, empresa de hospedaxe web canadense, contrátao para que os represente no mundo de fala hispana e se vincula ademais a Virtualis Inc., compañía líder na prestación de servizos de hospedaxe web, desenvolvemento de aplicacións e solucións para o comercio electrónico, da que hoxe é un dos seus asociados con máis alto rendemento e desempeño. Mendoza é ademais o director e xestor de MercadeoGlobal.com, un dos fundadores de Alliance for business success e director técnico do portal de newsletter en español Novedades en Red.
Desde a súa experiencia como produtor de cine científico de documentais e experto en marketing, o ponente falará do tipo de contidos e produtos que se poden comercializar a partir dun documental e as campañas de marketing e e-marketing de casos concretos como o de Cigueñas para Repsol e La Magia de la Luz para Endesa.
O mércores 16 a alumna da primeira promoción do MPXA Ana Riveiro, cofundadora da empresa Control Z, falará da importancia da marca nas producións audiovisuais. Riveiro traballa na actualidade como directora de produción da empresa de publicidade Congo Producciones, onde produce máis de 100 campañas nacionais e rexionais para empresas e organismos como o Ministerio de Sanidade e Consumo, Xunta de Galicia, Línea Directa, Grupo Leche Pascual, Legumbres Luengo, GADISA ou R, entre outros.
A produtora galega Congo Producciones está especializada na produción de contidos publicitarios gráficos e audiovisuais para televisión, cine e radio e, dentro do seu proxecto de expansión, se atopa inmersa na actualidade na realización doutros formatos e canles de carácter documental e cinematográfico.
Tamén o mércores 16 estará no máster Jesús Vecino, director xerente da produtora Bren Entertainment, quen se encargará de pechar as clases presenciais da XIII edición del MPXA cunha sesión sobre como xestionar unha factoría de animación e o proceso de produción dunha película de animación.
Vecino montou en 1989 xunto con outros catro socios a produtora Luz Directa, onde desempeñou funcións de xerente e director de produción. Sete anos despois entrou a formar parte da produtora Voz Audiovisual como produtor executivo e, máis tarde, se convertiu en director de produción. En 2004 incorporouse ao grupo Filmax Entertainment como director xerente da súa empresa de animación Bren Entertainment. Copito de Nieve, Pérez, el ratoncito de tus sueños I y II, Donkey Xote e Nocturna son algúns dos filmes de animación producidos por Vecino.
Con esta sesión concluirán as clases presenciais deste curso do MPXA. O próximo 22 de xuño nunha sesión de pitching os alumnos defenderán un proxecto orixinal que desenvolveron durante o curso en todas as súas fases ante profesionais de distribuidoras, cadeas de televisión e produtoras. Ademais, para obter o título os alumnos deben cubrir un mínimo de tres meses de prácticas remuneradas que o Máster lles xestiona nunha das empresas do sector.
O máster, que desde 1999 forma a futuros profesionais da produción executiva nas distintas áreas do sector audiovisual, está dirixido a licenciados e diplomados interesados no proceso da produción audiovisual e nas súas aulas imparten clase ao longo do ano máis de medio centenar de profesionais en activo do sector, procedentes de produtoras audiovisuais tanto autonómicas como nacionais.