MISTERIOS DE LISBOA NO CGAI

3 / 05 / 2011

A sección de estreas do CGAI “Fóra de serie” non perde a súa actitude e segue a destapar materiais iconoclastas que triunfan mundo adiante sen alcanzar facilmente os circuítos de exhibición convencionais. Comezamos hoxe martes día 3 de maio (única sesión: 20.00 horas) coa premiada Misterios de Lisboa, do xenial e prolífico chileno afincado en Francia Raúl Ruiz, dignificación moderna do folletín.

MISTÉRIOS DE LISBOA / MISTERIOS DE LISBOA    
(Portugal, 2010)
Dirección: Raúl Ruiz. Guión: Carlos Saboga sobre unha novela de Camilo Castelo Branco. Produción: Paulo Branco para Clap Filmes. Fotografía: André Szankowski. Intérpretes: Léa Seydoux, Melvil Poupaud. Duración: 266 minutos.
O gran Raúl Ruiz adapta unha novela de Camilo Castelo Branco (1854) artellando unha narración que amosa a súa facilidade para a multiplicidade de relatos, a estrutura de bonecas rusas con saltos no tempo. Prevista como miniserie (alcanza as 6 horas de duración) nunha operación parecida ao Carlos de Olivier Assayas, un melodrama localizado en ambientes de época e aristocráticos posuído por unha fascinante posta en escea, unha medida e elegante composición visual. Concha de Prata ao mellor director no Festival de Cine de San Sebastián.

Categoría: Novas
Etiquetas: