MEDIO CENTENAR DE PROFESIONAIS PARTICIPAN EN SANTIAGO NUN FORO SOBRE FINANCIAMENTO DE CONTIDOS DIXITAIS DO CLÚSTER

30 / 03 / 2012

Asubdirectora xeral de Innovación Empresarial, Pilar Morgade, e o presidente do Clúster Audiovisual Galego, Andrés Barbé, inauguraron o pasado mércores, en Santiago de Compostela o Foro “O Escenario Dixital: Instrumentos de Financiamento de Proxectos Innovadores”, organizado polo Clúster Audiovisual Galego (CLAG), e no que participaron preto duns 50 profesionais do sector dos contidos dixitais. Durante este encontro presentouse o novo Servizo de I+D+i do CLAG para a maduración de proxectos e a captación de investidores privados, exclusivo para os socios do Clúster.

Andrés Barbé subliñou a aposta dedicida que fai o CLAG polo impulso da I+D+i como “factor estratéxico para a competitividade das empresas que formamos a cadea de valor do sector audiovisual” e que “xa se recolle nos nosos principios fundacionais”. Ademais salientou o novo servizo de I+D+i posto en marcha polo Clúster dirixido a “apoiar a posta en marcha de proxectos de negocio innovadores”, xa sexan promovidos por start-ups ou empresas consolidadas, que precisen para o seu desenvolvemento da captación de novos investidores, en particular: businessangels e o capital risco, indicou.

A subdirectora xeral de Innovación Empresarial asegurou que “a Xunta impulsa políticas dinamizadoras para o desplegue de investimentos”. Pilar Morgade destacou o papel do fondo tecnolóxico i2c “con 20 millóns de euros e captación de fondos privados de 15 millóns de euros”, dixo. Segundo Morgade, “o obxectivo é apoiar proxectos de semi arranque e en fase de consolidación”. Deste xeito, o Plan i2c supón “unha forte aposta pola innovación –asegurou- con aportación de ata o 75 por cento do investimento en proxectos innovadores cun orzamento non inferior aos 600.000 euros”.

Neste foro presentáronse os retos e as oportunidades que en materia de  financiamento supón a transición ao escenario dixital. Tamen lles permitiu aos asistentes coñecer en qué ámbitos hai oportunidades, qué información precisa coñecer o investidor, cómo se traballa unha vez que o investimento se materializou, e en qué consisten os mecanismos de financiamento privado (redes de businessangels e capital risco) e o seu impacto no modelo de negocio.

O encontro forma parte dunha iniciativa posta en marcha polo CLAG no ano 2009 baixo o título de Foros Estratéxicos, co obxectivo de difundir as novas tendencias no financiamento dos proxectos audiovisuais e de detectar oportunidades de negocio e novas alternativas de financiamento.

Panel de expertos de primeira orde

O Foro “O Escenario Dixital: Instrumentos de Financiamento de Proxectos Innovadores” contou coa participación de profesionais expertos no tema do financiamento da industria dos contidos dixitais como Emilio Iglesias, xefe de área do Departamento de Telecomunicacións, Electrónica e Informática do CDTI; Javier Torremocha, socio-fundador de Kibo Ventures, e Rafael Rivera, socio-director de Iclaves. Ademais Víctor López, CEO de Vodka Capital, e Ricardo Álvarez, director de Expansión de Netex Knowledge Factory, expuxeron os casos de éxito empresarial das súas respectivas empresas.

Rafael Rivera, socio da consultura iClaves encargada da elaboración dos dous informes de referencia do sector dos contidos dixitais, expuxo os retos e oportunidades que supón a transición ao escenario dixital, en particular en materia de estratexia de financiamento. Para o relator “os novos servizos de distribución de contidos están apostando claramente pola distribución vía streaming fronte á descarga”, malia que “os usuarios amosan aínda meirande predisposición ao pago pola posesión do contido mediante a descarga e non polo acceso”, indicou. Unha tendencia que –continuou- comeza a inverterse grazas ao éxito de servizos como Spotify na música. Rafael Rivera destacou os videoxogos como o único contido no que o mundo do soporte físico e a distribución online coexisten con éxito.

O directivo Emilio Iglesias explicou qué mecanismos apoia o CDTI para o desenvolvemento de proxectos innovadores no sector dos contidos dixitais. Pola súa banda, Javier Torremocha falou sobre a figura dos business angels e do capital risco, e tamén aclarou qué oportunidades de investimento buscan os investidores privados no sector audiovisual, a través da experiencia da empresa Kibo Ventures. Para Torremocha “o financiamento máis importante é o dos clientes”. “Constrúe ben a túa base investidora e pensa sempre no longo prazo”, aconsellou.

Víctor López destacou a importancia da estratexia de marca e asegurou que “o desenvolvemento de contidos de entretemento é unha boa oportunidade para saír da crise”. Ademais subliñou a importancia de que desde os poderes públicos se sexa consciente de que o sector de contidos de entretemento é un “sector de futuro”. Durante o foro, Víctor López presentou un teaser de Pirata y Capitano, resaltando a importancia de dirixir os proxectos ao mercado internacional. Ricardo Álvarez, pola súa banda, explicou qué supuxo para unha empresa coma Netex a entrada do capital risco.

Finalmente, Eladio Crego, socio-director de EFT Consultores, presentou o novo servizo de I+D+i do CLAG para a maduración de proxectos e a captación de investidores privados. Entre os obxectivos deste novo servizo está mellorar o coñecemento sobre o modo de traballar de Business Angels, Venture Capital, etc.

Categoría: Novas
Etiquetas: