MASTERCLASS SOBRE VENDAS INTERNACIONAIS EN SANTIAGO

6 / 02 / 2012

A charla, organizada polo Consorcio Audiovisual de Galicia coa colaboración da Academia Galega do Audiovisual e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Félize Frappier falará, primeiramente, da súa experiencia e o funcionamento do mercado audiovisual en Canadá, nunha segunda parte afondará nos pasos a seguir para preparar a asistencia a un mercado internacional e, finalmente, abordará a explicación dun caso práctico no que amosará algúns exemplos de estratexias de lanzamento e promoción.

O relatorio, que xa ten cubertas todas as prazas dispoñibles, está dirixido a aqueles produtores, axentes de vendas internacionais e outros profesionais do sector audiovisual, ademais dos alumnos que asisten ao monográfico de Inglés Audiovisual que organiza actualmente o Consorcio, que desexen potenciar e ampliar as súas destrezas comunicativas en inglés no ámbito da industria e mercado dos medios audiovisuais. Será impartido integramente en inglés, aínda que a sala tamén disporá dun servizo de tradución simultánea para aqueles que o precisen, tras solicitalo previamente na inscrición.

Félize Frappier traballa no sector da distribución como axente de vendas para Max Films International desde 2003, conseguindo vendas para películas como Seducing Dr. Lewis, The Far Side of the Moon, Borderline e Crying Out. No 2010 deu un paso cara a produción para producir a primeira película de Guy Édoin, Marécages (Wetlands). O filme conseguiu a súa premiere mundial o pasado ano na Semana da Crítica de Venecia e despois abriu a sección “Canada First” en Toronto en 2011, antes de ser seleccionada en seccións oficiais de numerosos festivais (entre outros Pusan 2011, Vancouver 2011, Namur 2011, Chicago 2011, Valladolid 2011). Actualmente está a traballar no desenvolvemento de La Canicule des pauvres (Heat wave), unha adaptación cinematográfica da novela epónima de Jean-Simon DesRochers, segunda longametraxe de Guy Édoin.

 

 

Categoría: Novas
Etiquetas: