MASTER CLASS “O DIRECTOR FRONTE Ó GUIÓN (COMO AFRONTAR O GUIÓN)” CON JORGE COIRA, NA EGACI

17 / 10 / 2011

O vindeiro martes, 18 de outubro ás 12:20h, Jorge Coria, director de cine e de series de ficción como “Padre Casares” (TVH) ou “Piratas” (Tele5), ofrecerá unha master class na Escola Superior de Artes Cinematográficas de Galicia (EGACI), “O director fronte ao guión (como afrontar un guión dende a súa primeira lectura)”.

O acceso é gratuíto ata completar aforo, aínda que se recomenda reservar plaza a través do teléfono 986 251 511 ext. 129 (de 9,20h a 14,30h).


Jorge Coira

Jorge Coira, comezou sendo coñecido por cinco curtametraxes que dirixiu durante a década dos noventa. Tivo unha breve pero intensa incursión nos docudramas, achegándose ao mundo das orquestras con “Chunda, chunda” , a Costa da Morte con “Vida nas mareas” e á policía local con “092”. Fixo videoclips e foi director creativo de promocións en TVG (1996-1998). Dende 2001 volve á ficción tanto en TV coma no cine, dirixindo entre outras as series “Padre Casares”, “El comisario”, “Pelotas”, “Piratas”…

Diversos galardóns destacan na súa carreira. “Gran Liquidación” foi premiado en 1994 polo Concello de A Coruña, no concurso “A Coruña… de cine”. En 1996 “O matachín” levou premios á mellor curta no Festival Internacional de Ourense e no certamee “Velvet”. Con “Chunda, chunda” foi galardoado co premio ao mellor documental en “Premios AGAPI 2000” e con “O ano da carracha” recibiu o premio Mestre Mateo 2004 á mellor dirección. En 2009 resultou dobremente premiado na categoría de mellor realización por “Padre Casares” e mellor montaxe por “O menor dos males” nos Premios Mestre Mateo 2008 da Academia Galega do Audiovisual. No Festival Internacional de Taormina (Italia, 2010) recibiu o premio á mellor dirección por “18 comidas” e en 2011 nos Premios Mestre Mateo, premio á mellor montaxe e mellor dirección.

Ademais, actualmente é Vicepresidente da Academia Galega do Audiovisual.

Etiquetas: