Marian Sande: “Ser subtituladora é unha profesión que namora”

8 / 10 / 2021

Desde o seu estudio na Estrada, Marián Sande encárgase da tradución e subtitulación de moitos dos contidos audiovisuais que chegan aos nosos fogares. Falamos con ela durante a celebración do festival Curtocircuíto, unha cita que marca os seus comezos como profesional “supuxo a miña toma de contacto coa tradución audiovisual, daquela xa podes imaxinar o que significa para min”. 

Falamos sobre a importancia dos servizos de tradución e subtitulación para facer un audiovisual máis accesible e das particularidades que hai que ter en conta para adicarse a esta profesión. 

O traballo de tradución audiovisual e subtitulación non é moi coñecido, nin sequera dentro das persoas que se adican ao sector audiovisual. Por que decidiches traballar neste eido?

Sempre me tirou o sector audiovisual na súa parte máis artística. Fixen moitos cursos de dobraxe, incluso traballei unha tempada facendo papeis extra. Tamén aparezo nalgunha curta como figuración especial. De todos xeitos, eran traballos esporádicos que compaxinaba cun traballo máis estable. No ano 2008, tomei contacto co festival Curtocircuíto. Xurdiu a necesidade de traducir parte dos contidos do festival e presenteime eu. Vendo que por aí podía dirixir a miña carreira, enseguida busquei un máster para completar os meus estudos de filoloxía e entrar de cheo no mundo da tradución audiovisual, especialmente do subtitulado.

Que peculiaridades destacarías da túa profesión?

Se hai algo que destaco é a forma de traballar desde a casa. Ultimamente fálase moito do teletraballo como alternativa ao traballo presencial nas empresas, e a xente xa está máis familiarizada co concepto, pero ata hai pouco, moitos sorprendíanse cando lles dicía que tiña o despacho na casa. Iso loxicamente ten as súas vantaxes, pero tamén ten o seu lado negativo, como a soidade e a falta de desconexión. Outra peculiaridade que ten dedicarse á tradución audiovisual é a variedade de contidos cos que hai que traballar. Podo ter que subtitular un concurso de cociña, un percorrido polas praias de Galicia, un documental sobre os Austrias, traducir unha película gore, unha serie infantil… E con esas, aprendo moitísimo. Tamén debo dicir que teño o pracer de ver antes da súa estrea películas, documentais e series de repercusión internacional. Debido a isto, moitas veces debo asinar contratos de confidencialidade cos clientes.

Que consellos lle darías a unha persoa que desexe traballar neste ámbito? 

Primeiro, que consuma subtítulos e desde logo, formación. Ademais do título universitario que require a profesión, hai moitos cursos impartidos por grandes profesionais que son a guinda perfecta para estar ao día en softwares, novos formatos, e como non, trucos que che fan o traballo máis levadío. En Internet pódense atopar programas gratuítos moi bos, cada un cos seus puntos débiles e os seus puntos fortes, que se poden empregar perfectamente para traballar formatos básicos. Logo están os programas profesionais, de pago, máis completos e actualizados. Estes últimos constitúen a ferramenta principal e imprescindible para un profesional que se dedica ao subtitulado. No que se refire á tradución para dobraxe, audiodescrición e demais traballos da tradución audiovisual, cada estudio de dobraxe ten os seus procedementos e mesmo software específico que hai que aprender a manexar.

Marian Sande no seu estudio de subtitulado.

Levas doce anos dedicándote ao subtitulado. Sempre tiveches clara a túa vocación ou houbo momentos nos que preferías ter escollido outro camiño?

Nunca tiven unha vocación clara, aínda que si sabía que o meu eran as linguas. Non creo que ser subtituladora sexa unha profesión vocacional como pasa noutras. Iso si, é una profesión que namora. Namora porque non é un traballo mecánico e ten a súa parte creativa, que é a tradución e a adaptación dos textos ao tempo de cada subtítulo. Esa parte creativa e mais a variedade de contidos dos produtos audiovisuais que é necesario subtitular fan desta profesión una actividade moi atractiva. Non coñezo ningún subtitulador ou subtituladora que non adore o seu traballo.

“A parte creativa e mais a variedade de contidos dos produtos audiovisuais que é necesario subtitular fan desta profesión una actividade moi atractiva. Non coñezo ningún subtitulador ou subtituladora que non adore o seu traballo”.

Marian Sande, subtituladora.

Ofreces diversos servizos como tradución audiovisual, autodescrición, voz para dobraxe… e tamén subtitulado para persoas xordas ou con discapacidade auditiva. Que diferenzas entre este subtitulado e un servizo estándar?

As necesidades de cada público son diferentes, e iso é o primeiro que hai que pensar á hora de aceptar un encargo. A diferenza básica entre as dúas modalidades de subtitulado é que unha persoa oínte necesita subtítulos cando o produto audiovisual está nun idioma que non entende, mentres que unha persoa con problemas auditivos necesita subtítulos que describan, ademais, os efectos sonoros relevantes aínda que o produto audiovisual estea no seu idioma. Penso que estamos indo na dirección correcta no que se refire á accesibilidade nos medios, pero moi lentos. En xeral, o público empeza a estar familiarizado co subtitulado para xordos, pero aínda queda moito que facer para que o subtitulado en directo e a audiodescrición estean normalizados.

“O público empeza a estar familiarizado co subtitulado para xordos, pero aínda queda moito que facer para que o subtitulado en directo e a audiodescrición estean normalizados”.

Marian Sande, subtituladora.

Podes contarnos algunha anécdota que tivese lugar nalgún dos proxectos nos que participaches?

A verdade é que ao traballar soa na casa, moitas anécdotas non se dan. Non interactúo con compañeiros nin clientes cara a cara a diario, como é no caso doutras profesións. Si lembro que nunha ocasión tiven que subtitular para xordos un programa, e cando fixen o visionado para empezar a traballar, vin que era unha serie de entrevistas a nenos, todos do colexio da miña filla máis vella. Tamén falaban adultos veciños, coñecidos de toda a vid,a e incluso familiares meus. E eu nin sabía que estiveran gravando na vila. Fíxome especial ilusión subtitulalos a todos.

Cres que o subtitulado é un campo laboral pouco coñecido a pesar da súa importancia?

É curioso, porque todo o mundo, en maior ou menor medida, consumiu algunha vez subtítulos, pero a profesión de subtituladora é pouco coñecida. É habitual asociar o subtitulado á práctica amateur que hai moito tempo que vén circulando por Internet, a dos “fansubs”, que ten o seu valor porque en moitas ocasións suplen unha carencia. Pero a profesión de subtituladora implica unha formación de anos que atende a unha serie de estándares e normativas internacionais, que fan moitas veces que o produto final teña unha calidade técnica e lingüística que non se atopa no subtitulado amateur. Normalmente, cando digo que me dedico á tradución audiovisual con especialidade en subtítulos, a resposta é: “Claro, alguén os ten que facer”. Creo que este descoñecemento xeral fai que sexa unha profesión pouco valorada. Como en moitas outras profesións, cando o traballo está ben feito, é “invisible”, pero cando algo non lle cadra ao espectador, enseguida saen o que para os seus ollos son erros.

Desde hai anos traballas de subtituladora para o Festival Curtocircuito. Que consideras que supón este festival para o sector audiovisual galego, e para ti persoalmente?

Para a cidade e para Galicia, o festival desde sempre foi un referente en relación aos contidos e a súa programación, con liñas de programación distintas ao longo dos anos, pero sempre como referente claro de vangarda, calidade e internacionalidade. Ao ser un punto de encontro para creadores e creadoras a nivel nacional e internacional, para o noso audiovisual supón ademais un punto extra como escaparate dos traballos feitos en Galicia que se seleccionan cada ano. Curtocircuíto está na vangarda en canto a cine e ademais, combina outras disciplinas dentro do festival como as artes visuais, música ou performances e en consecuencia, é innovador tamén nos métodos profesionais e en tecnoloxía, así que, no que concirne ao meu traballo, sempre están xurdindo novos formatos de subtitulado que me obrigan a buscar, fedellar e facer mil probas novas. E unha cita anual que me pon a proba pola súa heteroxeneidade de formatos, idiomas e estilos.  E todo isto nuns prazos moi reducidos”. 

Categoría: Entrevistas / Novas
Etiquetas: