Manuel Cortés “a pesar de todos os obstáculos, somos quen de seguir traballando e creando riqueza”

21 / 01 / 2021

Doce veces candidato aos Premios Mestre Mateo (sete como guionista e cinco como intérprete) Manuel Cortés será a persoa encargada do guión da Gala dos XIX Premios Mestre Mateo. Non é algo novo para el, que xa foi o guionista da Gala en tres ocasións anteriores. “Se pensaron en min, algo debín facer ben as outras tres veces”. Considera “unha sorte” traballar con Tito Asorey, quen asume a dirección “con el a creatividade, a comunicación, o respecto, a liberdade… están asegurados”.

Este ourensán de Vilardevós é un rostro popular para os espectadores galegos de teatro e televisión; para os primeiros, pola súa vinculación ao Grupo Chévere case desde a súa fundación. Para os segundos, polo seu traballo en proxectos As Leis de Celavella, Pepe o Inglés, O lápis do carpinteiro, Invasor, Libro de Familia, Matalobos, El tiempo entre costuras, Gran Hotel, El Ministerio del Tiempo ou O sabor das margaridas, entre outros. Se tivese que elixir en cal das funcións (actor ou guionista) se encontra máis cómodo elixe a actuación: “por suposto, como actor porque sempre hai alguén que che di o que tes que facer e iso é algo que aforras de pensar ti. Pero en calquera das dúas facetas, se o traballo final me contenta, síntome igual de realizado”.

Tamén conta dunha dilatada traxectoria como escritor para teatro e televisión. Considera que a concepción dun guión para unha produción audiovisual e para un espectáculo difire “ao seren medios diferentes, os códigos tamén son distintos. Pero o ‘como’ pode chegar a dominarse, iso non ten mérito. A verdadeira diferencia está en atopar algo interesante ‘que’ dicir”. 

“Este ano, máis ca nunca, (os premios) débennos afianzar na idea do necesarios e necesarias que somos como sector”

Manuel Cortés, guionista da Gala dos XIX Premios Mestre Mateo

A hora de definir a mensaxe que queren transmitirlle ao público da Gala deste ano dubida entre dúas opcións “non hai pouco que non dure nin moito que non se gaste” e “nunca choveu que non escampara” pero ten clara cal debe ser a función dos premios “este ano, máis ca nunca, débennos afianzar na idea do necesarios e necesarias que somos como sector, e deben servir para amosar que, a pesar de todos os obstáculos, somos capaces de seguir traballando e creando riqueza”.

Etiquetas: