MÁIS DE 100 PROFESIONAIS DO AUDIOVISUAL PARTICIPARON EN A CORUÑA NA XORNADA DE PRESENTACIÓN DE PROXECTOS “I+P IDEAS PARA PRODUCIR”

26 / 11 / 2012

Máis de cen profesionais e representantes institucionais do sector audiovisual participaron na xornada do venres 23 de novembro, no Edificio Ágora de A Coruña na sétima edición do pitching “I+P Ideas para producir”, organizado polo Clúster Audiovisual Galego (CLAG), en colaboración co Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e o Concello de A Coruña.

O presidente do CLAG, Andrés Barbé, foi o encargado de darlles á benvida ósparticipantes neste foro. Durante a súa intervención, salientou o potencial do sector audiovisual galego e lembrou que na Comunidade Autónoma galega é posible completar toda a cadea de valor dunha produción audiovisual.

O máximo responsable do Clúster tamén subliñou que “estamos nunha excelente situación para poder afirmar que un lugar coma A Coruña sexa unha cidade de cine” pola excelencia dos seus emprazamentos para as rodaxes cinematográfica. No tocante á cidade herculina, tamén lembrou que máis da metade das produtoras galegas están emprazadas nesta localidade.

A continuación, celebrouse unha conferencia sobre “Beneficios das rodaxes cinematográficas nas cidades”, a cargo do presidente da Spain Film Commission, Carlos Rosado, e da directora da Andalucía Film Commission, Piluca Querol.Carlos Rosado puxo de manifesto o gran labor desenvolto polas 22 Films Commissions existentes no noso país e explicou que un dos principais cometidos destes axentes de intermediación é poñer de relevo os datos económicos de análise que reportan as rodaxes nas economías locais.Pola súa parte, Piluca Querol salientou a importancia das rodaxes en Andalucía, subsector que no ano 2011 logrou un impacto de máis de 140 millóns de euros na economía andaluza e xerou preto de 11.000 postos de traballo directos.

Presentación de proxectos

Na sesión matinal máis de 35 profesionais de dentro e fóra de Galicia presentaron un total de 21 proxectos, tratando de captar, en dez minutos, o interese de responsables de canles de televisións, axentes de distribuidoras e produtores executivos en busca de novas ideas. Do total de proxectos presentados, que se encontran en distintas fases de produción, 10 son longametraxes, 4 documentais, 2 series para TV, 4 miniseries para TV e un “Sit Mobi”. Xa pola tarde celebráronsee os encontros one to one onde as compañías e os produtores individuais poderán explicar con máis detalle os seus proxectos para intentar conseguir acordos de colaboración, coprodución ou distribución con outras compañías.

Nesta edición están representadas distintos canles de televisión, tanto nacionais coma autonómicas; distribuidoras; importantes produtoras e empresas de servizos especializadas en temas audiovisuais.

Ademais do éxito da convocatoria salienta tamén o nivel dos asistentes a esta xornada. Entre os directivos de canles de televisión que asisten ó I+P encóntranse Baldomero Toscano, director de Produción de Programas de Mediaset; María Rubín, responsable de Cine Español do Grupo Prisa; Sergio García de Leaniz, produtor executivo de Ficción de TVE,ou o director de Programación e Emisións de TVG, Fernando R. Madriñán. Por parte do operador de cabo R asistiu Alfonso Martínez, audivisual and interactive content manager da compañía.

Asemade participan no pitching os produtores Ramón Campos e Teresa Fernández Valdés, de Bambú; Juan Gordon, de Morena Films; Jaime Martul, de Alquitara Films, e Rogelio Delgado, de Teysomedia Ficción; así como Carlos Carballo e Alberto Guntín, director e director de Desenvolvemento de Voz Audiovisual, respectivamente, e César Martí, produtor executivo de Vértice 360º.

No foro tamén están representadas distribuidoras e comercializadoras de cine e televisión como Buena Vista, European Dreams Factory, DeAPlaneta, Motion Pictures ou Expressive, e empresas de servizos á industria audiovisual como Finding4you e Audiovisual SGR.

Nesta sétima edición do “I+P Ideas para producir”, o CLAG tamén contou coa colaboración das compañías Localizaciones Audiovisuales de Galica (LAG), Martín Códax, Music Library e o Máster en Produción e Xestión Audovisual (MPXA).

Categoría: Novas
Etiquetas: