O LAV013 COMPLETA A SÚA OFERTA DE CURSOS CUN DE DIRECCIÓN ARTÍSTICA LOW COST E OUTRO DE ANIMACIÓN STOP MOTION

19 / 12 / 2012

O LAV013, Laboratorio Audiovisual de Vedra, pecha a súa oferta de cursos de formación con dous novos obradoiros: dirección artística low cost e animación stop motion. Estes súmanse aos obradoiros anunciados anteriormente: vídeo de combate, loita escénica, o intérprete ante a cámara, documental web, podcast e radio en Internet, videoclips, son en producións audiovisuais e obradoiro para alumnado da ESO.

Todos eles realizaranse na fin de semana do 16 e 17 de febreiro. Todos os cursos teñen unha duración de 14 horas repartidas entre o sábado 16 e o domingo 17 de febreiro. Hai 15 prazas dispoñibles en cada curso, cun custe de 50 € para cada alumno ou alumna. A matrícula formalízase on line antes do 1 de febreiro a través da páxina web da asociación: www.senunpeso.org

Novos obradoiros

O obradoiro de dirección artística low-cost está dirixido a realizadores que contan un orzamento mínimo e queren realizar pezas audiovisuais cunha estética coidada aínda que non poidan permitirse contratar a un profesional da dirección de arte. Javi Camino, experimentado director de ficción e videoclips, ensinará neste curso “todo o necesario para que a túa longa, curta ou videoclip de 50 euros non pareza outra curta de estudantes ou afeccionados”. O curso inclúe a análse dalgunhas das grandes películas low-cost da historia do cine, a escritura de guións viables para producións económicas, a busca de referencias estéticas de utilidade noutras artes, a transformación dun garaxe nun plató de cine etc. O curso concluirá coa realización dun pequeno proxecto práctico de foto ou vídeo.

O obradoiro de animación stop motion será impartido por Tomás Conde e Virginia Curiá, de Algarabía Animación, responsables de varias curtas e pezas publicitarias realizadas con esta técnica. Os participantes farán, desde o primeiro día, animacións con obxectos, persoas e plastilina, co obxectivo de rodar unha peza audiovisual breve pasando por todas as súas fases: a idea, o guión, o storyboard, a planificación de rodaxe, o timing dos planos, a rodaxe e a edición.

No programa de obradoiros segue habendo oco para cursos de iniciación e outros máis técnicos sobre aspectos específicos. Este ano dedícaselle máis atención aos formatos online e apóstase pola formación dirixida á autosuficiencia e ao uso social e reivindicativo dos medios audiovisuais.

O programa completo de obradoiros é o seguinte:

• vídeo de combate, por María Lobo e Roi Guitián

• loita escénica, por Pablo Sánchez

• o intérprete ante a cámara, por Francisco Olmo

• documental web, por María Yáñez

• podcast e radio en Internet, por Uxío Broullón

• dirección artística low cost, por Javi Camino

• animación stop motion, por Virginia Curiá e Tomás Conde (Algarabía Animación)

• videoclips, por Juan Lesta e Belén Montero (Esferobite)

• son en producións audiovisuais, por Daniel López (Mandeo Records)

• obradoiro para alumnado da ESO, por Luki Mathews (de balde).

 

A Asociación Senunpeso organiza o LAV por sexto ano consecutivo. Na fin de semana do 16 e 17 de febreiro desenvolveranse en Vedra os dez obradoiros destas VI Xornadas de Formación e Mostra Audiovisual. O sábado 23 de febreiro celebrarase por primeira vez o RevoLAV: unha xornada dedicada ao intercambio de materiais e  coñecementos prácticos para o cambio social, con mercado de troco, charlas informativas, proxeccións, actuacións, etc.

Na súa sexta edición, o LAV é xa un referente na formación audiovisual non regrada en Galicia, ofrecendo un programa moi completo que ten por obxectivo fomentar a creatividade entre afeccionados e profesionais e promover o uso social das ferramentas audiovisuais. En Senunpeso entendemos o audiovisual coma un traballo ou unha afección colaborativa, onde todas as partes son importantes. Aproveitando e compartindo os coñecementos, a creatividade e os materiais pódense facer grandes produtos audiovisuais sen necesidade de contar con grandes orzamentos.

Máis información en: www.senunpeso.org

Categoría: Novas
Etiquetas: