Deuse a coñecer o programa de (S8), a III Mostra de Cinema Periférico de A Coruña, que se celebrará do 30 de maio ao 3 de xuño no Centro Cultural Agora. O evento, que aposta este ano polo Super 8mm, o 16mm, a experimentación, a performance, a apropiación e a vangarda, terá como principais nomes propios a Peter Kubelka, Miwa Matreyek, Alberte Pagán ou Marcos Nine. Ademais, acollerá os primeiros traballos de La Cuadrilla e unha retrospectiva de Lewis Klahr e Janie Geiser, e contará con actividades paralelas como master classes, obradoiros ou un cine-concerto de Michael Nyman.
Esta terceira edición da Mostra de Cinema Periférico de A Coruña, que organiza a Asociación Cultural eSe8, con diversos apoios, será inaugurada o mércores 30 de maio, ás 20:30 horas, no Palacio da Opera de A Coruña, cun cine-concerto realizado en colaboración co Festival Mozart no que o coñecido compositor británico Michael Nyman (El piano) e o seu grupo interpretarán a banda sonora que el mesmo compuxo para a película muda El hombre de la cámara (1929), de Dziga Vertov. Outro invitado relevante é Peter Kubelka, cuxa filmografía non alcanza a duración dunha longametraxe estándar, pero que, aínda así, é un dos cineastas de vangarda máis importantes da segunda metade do século XX. O austríaco impartirá a masterclass “A metáfora comestible”, o 2 de xuño no Centro Cultural Agora ás 16:30 horas, onde falará dos vínculos entre as súas dúas paixóns: o cine e a gastronomía. Ademais, proxectarase toda a súa filmografía no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), e manterá un encontro co público na filmoteca galega o 1 de xuño ás 20:30 horas. Pola súa parte, baixo o título “La Cuadrilla antes de La Cuadrilla (1981-1986): de la gamberrada punk al cine familiar”, proxectaranse, dentro da sección “Opera Prima” do festival, os primeiros traballos rodados en Super 8 por Santiago Aguilar, Luis Guridi e Raúl Barbé, primeiro como La Escuadrilla Lafayette, e máis tarde como La Cuadrilla. Baixo ese nome, os dous primeiros rodaron nos anos 90 a triloxía de longametraxes conformada por Justino, un asesino de la tercera edad, Matías juez de línea ou Atilano presidente. Ademais das proxeccións dos seus primeiros traballos, o (S8) acollerá un encontro dos tres autores co público o venres 1 de xuño ás 17:30 horas, onde mostrarán os seus procesos de creación e explicarán as súas primeiras experiencias cinematográficas. Pola súa parte, a sección “A segunda vida das imaxes” sorprenderá con “O novo monstro”, un espazo no que se recupera a obra de diversos autores que foron capaces de xerar novos filmes apropiándose, recombinando e animando un imaxinario estático e esquecido. Dun lado, farase un percorrido a través dos máis ilustres animadores de collage en activo, con filmes de Martha Colburn, Jodie Mach, Noriko Okaku e Sarah Mosk, entre outros. Ademais, por primeira vez realizarase en España unha retrospectiva da obra dos creadores estadounidenses Lewis Klahr e Janie Geiser. O primeiro leva dende 1977 perseguindo a forma perfecta de aprehender as calidades da memoria a través de evocadores collages animados. Entre as obras súas que se exhibirán en (S8) destaca a longametraxe The Pettifogger (2011). A segunda é coñecida pola súa labor no campo da performance e polo seu insólito traballo con marionetas. Klahr e Geiser estarán presentes en A Coruña para presentar a súa obra e participar en sendos encontros o venres 1 e o sábado 2 de xuño, respectivamente, ás 19:00 horas. Ademais, ambos trazarán, o domingo 3, a esa mesma hora, un mapa das súas influencias e inspiracións, grazas a unha carta branca recibida polo evento. Por outro lado, Andrés Duque presentará o 3 de xuño, dentro desta mesma sección, o seu último filme, Ensayo final para utopía, que será o que peche o festival, ás 21:00 horas, coa súa presenza. Trátase dun collage que utiliza dende imaxes gravadas co móbil ata películas da revolución mozambiqueña.
Dentro do apartado “Super 8 Contemporáneo” da Mostra, darase a coñecer Your Lost Memories, un proxecto que se define como algo parecido a “unha oficina virtual de recordos perdidos”: cintas en Super 8 recuperadas por grandes creadores do cine español actual. Tamén se mostrará o labor de Magdalena Arau, que, en Archivo Expandido, recupera e devolve a vida a unha caixa chea de cintas magnéticas, diapositivas e bobinas de Super 8, das décadas dos sesenta e os setenta, que recibiu como legado de Enrique Tato Rocca, quen fora presidente da Peña Foto Cine 8mm en La Plata (Argentina). Arau realizará unha performance con eses materiais, o 2 de xuño ás 21:00 horas, na que conflúen, á vez, tres proxectores de Super 8, tres proxectores de diapositivas e un retroproxector. A sección “Sinais”, dedicada aos outros formatos de cine que bulen en Galicia, terá como protagonistas a Alberte Pagán e Marcos Nine, que asistirán ao evento. O primeiro ofrecerá unha sesión na que falará sobre a orixe de A pedra do lobo, e na que se verán as súas obras Eclipse metanoico e Eclipse. O segundo estreará en Europa o seu “work in progress infinito” La brecha. Ademais, mostrarase unha instalación interactiva en torno a La brecha, obra de Nine e Rodrigo Losada. Como invitada especial da sección “Arquivos históricos”, (S8) cinta coa Cineteca Nacional de México, que proxectará dúas cintas de Antonio Moreno (Santa, 1931) e Juan Orol (Sandra, la mujer de fuego, 1954). Por último, Miwa Matreyek, animadora, deseñadora e artista multimedia saída da canteira de CalArts, mostrará por primeira vez os seus traballos en España, o 1 de xuño ás 23:00 horas. Polo demais, entre outras actividades que se desenvolverán na Mostra, destaca unha instalación adicada ao Festival de Curtas Vila do Conde, que celebra o seu 20 aniversario, cunha gran caixa negra no hall de Agora na que cada día exhibirase unha obra de autores como João Onofre, João Salaviza, Christoph Girardet, Matthias Müller e Sandro Aguilar. No ámbito didáctico, aparte da Masterclass de Peter Kubelka, destaca un obradoiro de cine de 16 mm dirixido a artistas e a creadores audiovisuais que impartirá do 4 ao 8 de xuño a norteamericana Naomi Uman. Tamén haberá un espazo para os máis pequenos, que poderán descubrir os orixes do cine a través dun obradoiro que terá lugar o sábado e o domingo 2 e 3 de xuño, en torno á figura de Norman McLaren. Do mesmo modo, Miwa Matreyek ofrecerá o 2 de xuño unha sesión matinal coas súas performances. Tamén sobresae El Observatorio, como punto de encontro dos responsables das principais institucións culturais e museísticas de España, así como de directores de festivais de cine internacionais. Celebrarase o 1 e 2 de xuño. O prazo de inscrición para participar nestas actividades segue aberto. Por último, en Off Mostra presentarase o traballo de Javier Martín. Tódalas actividades de (S8) serán no Centro Cultural Agora, excepto o cine-concerto inaugural no Palacio da Opera e as proxeccións e o encontro con Kubelka no CGAI.