Javier Quintela: “O artesanal é o verdadeiramente exclusivo”

12 / 05 / 2021

Javier Quintela foi o encargado de deseñar o eloxiado vestiario que a presentadora Lucía Veiga e os integrantes do grupo De Vacas luciron na Gala dos XIX Premios Mestre Mateo. Era a primiera vez que o deseñador coruñés se encargaba do vestiario dun evento en directo, unha experiencia que califica como “moi positiva aínda que un pouco tola por facelo nun prazo de tempo tan curto”.

Javier Quintela. Fotografía de Estudio Ollo Fotográfico

Empezou como unha colaboración coa estilista Uxía Vaello, quen, xunto co director da Gala, Tito Asorey, interveu na concepción do vestiario a partir da premisa glamour na casa… E acabou por converterse na elaboración do vestiario completo “cando contactaron comigo tiñan feito un bosquexo e nos só tivemos que darlle forma no Atelier. O noso estilo de deseño está moi inspirado nos anos 40 e 50, en volumes e patróns clásicos, atemporais e femininos. Inspirámonos nos looks das actrices de Hollywood para darlle glamour a ‘pixamas e batas’ aportando riqueza de cores e texturas con estampados”. A confección realizouse de xeito artesanal no seu Atelier situado na Rúa Compostela da Coruña “adaptamos varios patróns da nosa colección, eliximos tecidos e confeccionamos a medida cada prenda”. 

“Con Lucía queriamos aproveitar a súa altura e darlle unha silueta esvelta con cinturas moi marcadas e escotes pronunciados. Fixemos para ela unha levita smoking en crepe blanco, un pixama estampado con flores verdes e azules sobre fondo vermello, un vestido tipo túnica en verde e rematamos cun quimono vintage xaponés”. 

David Portela e Lucía Veiga. Fotografía de Aigi Boga

“Para De Vacas utilizamos a versión curta dos quimonos, que se chama haori. Tanto as tres pezas que lucían elas como a que levou Lucía son pezas orixinais en seda, pintadas e bordadas á man que nos cedeu Sugoihunter. O primeiro cambio de De Vacas estaba composto por tres batas de satén con estampado de leopardo para elas, e un batín masculino en crepe estampado en leopardo rosa e gris para Guillermo.  Tamén fixemos para elas, para levar debaixo das batas, varios vestidos efecto camisón en satén morado”.

De Vacas. Fotografía de Aigi Boga

“Para os nenos eliximos roupa cómoda, pero no queriamos o estereotipo de pixama e bata, que é menos actual e por iso eliximos dous conxuntos de algodón en gamas grises para combinalos coa presentación inicial do ceo estrelado de fondo. E, por último, os fumigadores ían vestidos cos EPIs regulamentarios de protección contra a Covid”.

“Sinto orgullo galego ao comprobar que as nosas actrices apoian e valoran o traballo que se fai aquí, artesanalmente, sen ter que ir buscar firmas internacionais”.

Javier Quintela, deseñador de moda

A pesar de que era a primeira vez que aparecían sobre o escenario, os deseños de Javier Quintela son vellos coñecidos da Gala dos Mestre Mateo, xa que é habitual verlos desfilar pola alfombra vermella dos premios: algúns exemplos, en 2019 o vestido co que Mela Casal recolleu o Premio de Honra Fernando Rey; en 2020 o conxunto de Paula Cereixo, finalista como mellor actriz de reparto e o de Fernanda Tabarés, que asistía en representación de Voz Audiovisual, finalista nas categorías de mellor programa e mellor serie de TV. Que proxección lle dá á marca a presenza nos premios? “Para min é un orgullo ser elixido por calquera muller para vestila pero, obviamente, a presenza nos premios sempre é un escaparate importante. Sinto orgullo galego ao comprobar que as nosas actrices apoian e valoran o traballo que se fai aquí, artesanalmente, sen ter que ir buscar firmas internacionais. Creo en crear comunidade e en apoiar ás persoas que están na nosa contorna. É unha maneira de poder chegar máis alá, aparecer en medios e entrar ás casas a través da televisión, para que a xente que non coñece o meu traballo poda descubrilo”.

Paula Cereixo. Fotografía de María Meseguer

Ademais das anteriores, viste habitualmente á nosa asociada Estíbaliz Veiga, como xurdiu esa relación? “Coñecina por un amigo común, que pensou en min para vestila para un evento e, desde o primeiro momento, houbo entre nos unha conexión moi especial que foi medrando. É unha muller forte, activa, traballadora, dinámica e feminina, cuns valores moi firmes que defende cada día: a muller Javier Quintela. Unha muller dez á que é unha marabilla poder vestir. Crear unha imaxe seria e profesional para ela, sen perder un ápice da súa sensualidade é algo que me encanta, como fixemos para o programa de entrevistas que estivo gravando en outono e inverno por toda Sudamérica, dotándoa dunha imaxe completamente internacional e actual”.

Estíbaliz Veiga. Fotografía de María Meseguer

Hai dez anos que o deseñador, despois de traballar en grandes empresas de moda, decidiu dar o paso e fundar o seu propio Atelier. “Nas empresas deséñase para un público masivo e a min o que me gusta é coñecer e entender á persoa á que vou vestir, gústame identificarme coas miñas clientas e que elas se identifiquen comigo, é algo íntimo e persoal que vai máis alá da sociedade de consumo masivo na que vivimos. Na grande empresa aprendín e desfrutei moito, pero sentía que que me faltaba algo, que todo era moi rápido, frío e sen corazón. Xerar para gañar, pero sen pensar na contorna, en facer cousas que duren no tempo; por iso decidín abrir o Atelier”. Unha decisión que define como “tola e complicada” xa que coincidía cunha crise económica mundial “non me quería quedar coa dúbida de non telo intentado… e aquí estou, dez anos despois e no medio doutra crise mundial provocada pola Covid, aguantando o temporal con bo ánimo. Penso que temos que loitar polos nosos soños e que só con esforzo e sacrificio se medra e se acada a felicidade”.

“Gustaríame poder deseñar o vestiario para algunha produción audiovisual, aí o deixo…”

Javier Quintela, deseñador de moda

No seu Atelier o proceso de elaboración da prenda (deseño, corte, confección e acabados) é totalmente artesanal e nel implícase á clienta que acabará lucíndoa. “É un traballo delicado e laborioso ao que dedicamos moitas horas e moito agarimo e eso nótase no resultado. Traballamos directamente con cada clienta e cada prenda faise completamente á man, adicando unha media de sesenta horas a cada modelo. Non todo el mundo é quen de entender e valorar esto, xa que todos consumimos moda rápida, barata e impersoal, pero o artesanal é o verdadeiramente exclusivo. Esto é o verdadeiro luxo, algo feito só para tí”. 

Ante a pregunta de a qué profesional do sector audiovisual lle gustaría vestir no futuro confirma que ten “varios proxectos para traballar como estilista con varias actrices galegas que viven fora, como xa teño feito con Isabel Naveira, Ledicia Sola, Camila Bossa, Estibaliz Veiga e Luis Zahera. Encántame facer estilismos para editoriais e deseños para a alfombra vermella pero non son unha persoa mitómana, polo que non teño ningún nome como meta. Todo o mundo me parece apetecíbel para vestir. O que si me gustaría é poder deseñar o vestiario para algunha produción audiovisual, aí o deixo…” 

Categoría: Entrevistas / Novas
Etiquetas: