Inscricións abertas para asistir a FIGA

27 / 10 / 2023

A Coruña, 27 de outubro de 2023 | Xa están abertas as inscricións para asistir ao I Foro da Industria Galega do Audiovisual – FIGA, que se celebrará no Centro de Servizos Avanzados da Cidade das TIC da Coruña do 9 ao 11 de novembro. O prezo da entrada xeral é de 15 € e poderán asistir de balde as persoas asociadas á Academia Galega do Audiovisual e os estudantes. O número de prazas é limitado, e estas serán adxudicadas por orde de inscrición. No caso de cumplimentarse as prazas dispoñibles habilitarase unha listaxe de agarda.

Abordaremos os desafíos que implica o emprego a IA da man de expertos de relevancia internacional como Asa Bailey, supervisor de producción virtual de Netflix, quen será o encargado de impartir a conferencia inaugural. Nela explicará como posicionar os proxectos nun entorno inundado de contidos de calidade e como o emprego de intelixencia artificial na produción vai afectar á cadea de valor. Ademais da súa vinculación con Netflix, Bailey  desenvolve a súa traxectoria profesional en empresas como Apple TV, NBC Universal,  OSF Future ou Saatchi & Saatchi.

O programa continuará cun relatorio de Óscar Olarte, cofundador de MR Factory, quen fará un repaso das principais ferramentas que empregan IA para acelerar tarefas de pre-produción, produción e post-produción; os avogados Víctor Salgado e Francisco Menéndez explicarán a produtores, guionistas e creadores de contido a problemática que presenta o emprego de IA xerativa para a propiedade intelectual. Amparo Alonso e Fernando Suárez, especialistas en intelixencia artificial, abordarán as implicacións éticas do uso da tecnoloxía na industria do entretemento con representantes de AAAG, AGAG e o CLAG;  Carlos F. de Vigo e Pepe Coira falarán dos últimos desenvolvementos en IA e dos desafíos que implica a súa utilización nun relatorio dirixido a guionistas e profesionais da dirección e a realización audiovisual; Gabriel Olarte e Elba Fernández explorarán as ferramentas que a Intelixencia Artifical pon a disposición de compositores e compositoras de bandas sonoras. O foro finalizará cunha mesa redonda sobre interpretación, na que despois dunha presentación a cargo de David Guaita de El Ranchito, se abrirá un diálogo coa avogada Nerea Sanjuan e representantes de AAAG e APRADOGA sobre os retos e inquedanzas que estas aplicacións supoñen para o sector. Coñeceremos tamén proxectos galegos que están a empregar a Intelixencia Artificial nos seus procesos de traballo, como Serea Film, o Grupo de Estudos Audiovisuais, Abano Producións, Medretia e PLAT VR.

O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro luns 6 de novembro. Para calquera consulta relativa á asistencia a FIGA está habilitado o correo actividades@academiagalegadoaudiovisual.gal.

Ligazón ao Formulario de inscrición.

Categoría: Novas
Etiquetas: