Ignacio Benedeti: “O Súper-8 é a miña vida”

29 / 06 / 2022

En 2016 Ignacio Benedeti iniciou a súa bitácora Mi mundo en Súper-8 “seguindo o consello da miña irmá Susana” unha ferramenta útil para coñecer mellor a este produtor, distribuidor, restaurador, coleccionista… pero, ante todo, cineísta, como lle gusta definirse. Funciona como unha especie de diario no que tamén podemos atopar artigos informativos e curiosidades sempre arrededor do cinema analóxico. “Estou moi contento cos resultados obtidos, pois cada publicación adoita chegar a unha media de 200 lectores, máis cando o publico directamente en inglés. En total, as súas entradas superaron a cifra de 600.000 lecturas desde 2016”. Conversamos con él sobre a súa paixón polo Súper-8 e repasamos unha traxectoria profesional e vital ligada ao cinema.

De onde nace a túa paixón polo cine, máis concretamente polos formatos analóxicos? (Súper-8, 16mm…)

O Súper-8 é a miña vida: medrei con el. A película Super-8, de Abrams e Spielberg, resume a miña infancia e adolescencia.  En primaria, na Academia Galicia, debuxaba cámaras e proxectores, mentres que os meus compañeiros pintaban coches.  Aínda conservo hoxe os exemplares de Super8 Filmmaker, que aparecen na película de Abrams, comprados no kiosko da Mariña [na Coruña]. Non abandoei o Súper-8 nin nos tempos da travesía no deserto para este paso cinematográfico, na década dos noventa e principios deste século, cando en España o consideraban difunto. Durante todos eses anos obscuros usei o Súper-8 a nivel privado, pero arredor de 2009, así que o Súper-8 se puido telecinar en HD, publiquei en Vimeo A Coruña en Super-8 Kodachrome, unha homenaxe persoal a este sistema de cor que desaparecía ese ano. A miña sorpresa foi que en nada de tempo obtivo máis de cen mil visualizacións, grandes titulares na prensa rexional e nacional, así como na televisión. A partir de aí, pouco a pouco, comencei a usar o Súper-8 a nivel profesional. O meu primeiro cliente en Súper-8 foi a Deputación da Coruña, para a que fixen o documental Donda vaga Leslie Howard, en 2011, que ata revelei persoalmente. Da miña paixón polo Súper-8 veu todo o demais.

Unha puntualización que debo facer respecto ao enunciado da pregunta é que os pasos cinematográficos, a película, non son, na miña opinión, “formatos analóxicos”. Con película (cine e fotografía tradicional), cada fotograma, incluso aínda que non sexa inversible senón un positivo dun negativo orixinal,  é distinto e único. En Francia, moi acertadamente, á película non a denominan “analóxica”, senón “arxéntica”, pois a súa base é a prata. Co dixital, cada copia é idéntica: simples números, uns e ceros; por iso, tamén en Francia, á fotografía dixital, moitos a chaman “numérica”. A película de cine en si mesma non é dixital nin analóxica, é un soporte que rexistra de xeito fotoquímico imaxes reais. Se un filma ou fotografía un código QR, pois entón estará almacenando información dixital, ao igual que se o debuxase nun caderno. Debuxar nun caderno información dixital ou un gráfico analóxico non convirte ao caderno en dixital ou analóxico, un caderno é un caderno, é unha cousa, e unha fotografía ou unha película tamén é unha cousa, existe por si mesma, como o caderno ou unha pintura.

“En primaria, , na Academia Galicia, debuxaba cámaras e proxectores, mentres que os meus compañeiros pintaban coches.”   

Ignacio Benedeti

Estudiaches na Universidade Autónoma de Barcelona e alí mantiveches unha vida moi activa no circuíto estudiantil catalán. Non te tentou establecerte alí?

En Barcelona, mentres estudiaba Ciencias da Información, pasei os mellores anos da miña vida: Catalunya, onde teño tan bos amigos, sempre estará no meu corazón, pero Galicia é a miña tierra.  Os meus compañeiros, durante varios anos, elixíronme Xefe de Actividades do Colexio Maior Sant Jordi. O meu salario era non pagar a estancia; a cambio, organizaba as conferencias, viaxes e as proxeccións de cine, tanto en Súper-8 como 16 mm. Eran os tempos, en Barcelona, de Acció Súper-8, de Enrique López Manzano, con quen aínda conservo relación: lembro ter ido con el proxectar unha película de Súper-8 un tanto irreverente a un colexio maior de certo grupo relixioso, e ter que recoller a toda présa pois case nos querían pegar!.

Traballei moito co Súper-8 aqueles anos. Rodei as miñas primeiras curtametraxes: Universi… ¿qué? e Véspera de exame. E, para a Deputación barcelonesa, proxectei máis de cen veces en Súper-8 2001: unha odisea no espazo por centros de ensino de Barcelona aos que me desprazaba co proxector en moto!. Aínda conservo aquela moto e aquel proxector. En 16 mm, o meu principal proveedor era a distribuidora Profilmar, coa que seguín mantendo relación comercial durante todas estas décadas ata que pechou hai arredor dun lustro. Posteriormente á miña formación en ciencias da información, obtiven o título de experto universitario en guión cinematográfico e o diploma de dirección de cine, na Universidade Camilo José Cela.

Posúes unha das maiores coleccións de curtas de animación de Europa. Podes contarnos algo máis desta colección? Os inicios, onde atopas as pezas, que debe ter unha para formar parte da túa colección…

Comencei a miña colección en Súper-8 de neno, con debuxos animados de Universal que me vendía a prazos, na súa tenda da coruñesa Rua Nova,  o lembrado Antonio Docampo. Xa en Barcelona, entrei en contacto con coleccionistas de longametraxes en 16 mm e 35 mm, e, grazas a eles, naqueles tempos anteriores a Internet, conseguín certos enderezos de Inglaterra e Estados Unidos onde puiden obter os meus primeiros cartoons

Coa chegada deste século, especialiceime en positivos en imbibición Technicolor, que, a diferencia dos procedementos normais, como o Eastmancolor e similares (derivados todos eles do Agfacolor coas patentes roubadas polos aliados a IG Farben) cos colorantes xa na emulsión fílmica antes do revelado, co sistema IB de Technicolor,  durante o copiado dunha película, o positivo  se empápase con cada unha das tres cores YCM (siglas en inglés de amarelo, cian e maxenta), como se pasase por tres rodillos, “reenchendo” en cada impresión, segundo un procedemento case litográfico, a cantidade precisa de cor para cada fotograma. Os positivos de imbibición garanten unha permanencia das cores eterna, uns matices de cor incribles e uns negros profundos. Son, ademais, positivos orixinais de época, algúns en nitrato, e iso garante que se atopen sen censurar polos talibáns da dictadura do políticamente correcto.

Ignacio Benedeti na rodaxe do proxecto Stop quecemento global.

Dos obxectos que atesouras (películas, cámaras, proxectores…), poderías dicirnos tres que teñan un especial valor para ti e por que?

Téñolle especial cariño á miña Kinora coa etiqueta orixinal de Lumiere de 1899. Téñoa con varias películas dos Lumiere, e vela funcionar, a manivela, oíndo o ruído, é unha experiencia que produce unha sensación tan cinemática que incluso o meu banco a usou para un comercial. Ao longo dos anos, esta Kinora ten estado en varias exposicións internacionais, e nunha local, por petición expresa de Carlos Negreira, cando, moi acertadamente, quixo poñer en valor a figura de Sellier. 

Tamén valoro moi especialmente, pois provén dunha colección de quen aprendín case todos os segredos do cinema, Tony Rose, o director de Movie Maker e Making Better Movies, con quen tiven moita relación ata o seu falecemento, a cámara de cine de 35 mm Zeiss Kinamo. Totalmente operativa, case 90 anos despois de fabricada, está gravada co nome do seu propietario orixinal, Leo de Laforgue, quen a usou para determinadas secuencias nocturnas das películas de Riefensthal, co seu daquela asombroso obxectivo F 1.4, nunha época en que moitos directores de fotografía empregaban ópticas “customizadas” propias. Con esta Kinamo de Laforgue non só se filmaron imaxes icónicas do cinema mundial, senón que estivo físicamente diante de personaxes históricos, daquela admirados.

En cartoons, valoro moito o meu nitrato de imbibición en 35 mm Coal Black and de sebben dwarfs. Téñoo tamén en 16 mm de poliéster e ata en super-8, pero o positivo de nitrato é espectacular. Tiven que viaxar en 2011 ata Torshavn,  para recollelo de mans dun coleccionista sueco afincado nas Feroe, para intercambialo por outro dos meus nitratos. Levou meses preparar a loxística pois ningunha compañía de mensaxería que operase daquela nas Feroe trasladaba nitratos, que son altamente inflamables. Non son poucas as pezas da miña colección cunha grande historia detrás. Hai tres anos, intercambiei cun marino ucraíno Érase unha vez… en Hollywood, en 16 mm, no porto de Reikiavik, nunha historia tan azarosa que foi publicada pola revista internacional SilverGrain Classics.

Recentemente puxeches en marcha un proxecto de concienciación sobre os perigos do cambio climático, Stop quecemento global, viaxando a algúns dos lugares máis afectados. Podes contarnos como foi o proceso de produción e rodaxe en condicións, imaxinamos, tan adversas?

A conservación da natureza, como bo conservador, é un tema que sempre me preocupou, e xa estaba presente nos meus desaparecidos programas Noite de Cine para a Deputación coruñesa coas campañas ecolóxicas Entre tod@s, un pouco é moito. Se por exemplo, se le o texto do opúsculo da XIX edición, do ano 2009, compróbase que xa entón estaba a dicir o mesmo que agora. Pero é que incluso moito antes sempre pedín ao señor Suárez, responsable da Imprenta da Deputación, que toda a nosa papelería, en folletos e cartelería, se obtivese de madeira de bosques controlados.

A primeira vez que estiven en Spitsbergen foi en 1995. Nas veces que volvín, tiven ocasión de comprobar a magnitude dos danos do quecemento global: a superficie branca é cada primavera menor, o cal fai que a terra non reflexe a calor do espazo, senón que a absorba, nunha espiral diabólica que pon o permafrost en perigo, libera gases e xera máis calor. A principios de 2018, cando Kodak me contratou para probar en condicións extremas a nova película Kodak Ektachrome, antes de que entrase en produción, decidín aproveitar a ocasión e poñer en marcha o proxecto Stop quecemento global, unha serie de longametraxes que estou a rodar, sempre con película, en distintos puntos do globo sensibles ao quecemento global.

Cando estreei, o pasado setembro, Spitsbergen, o Gardián do Ártico, na Filmoteca de Catalunya en Barcelona, con todas as entradas vendidas e presentado polo mesmísimo Dr. Esteve Riambau, no coloquio posterior unha espectadora preguntoume por que filmaba con película de Súper-8.

Por exemplo, empreguei a monocromía granulada da Kodak Tri X para transmitir a miña vivencia de desolación, de desamparo, cando o rompexeos quedou atrapado na banquisa, no medio daquel vento inmisericorde. Servinme da vivificante Kodak Ektachrome 7294 para infundir no espectador a inesquecíbel sensación vivida cando, tras unha xornada de tebras, se abre paso o esplendor do sol de medianoite. Ou a Kodak Ektachrome 7280, co seu gran e paleta cromática tan especiais, para recrear a época soviética nas decadentes Pyramiden e Barentsburgo.

Podería dicirse que as características de cada emulsión cinematográfica de Súper-8 forman parte do relato, unha especie de metalinguaxe, que contribúe decisivamente á narración.

O cine é un medio físico, que se pode tocar coas mans e ver ao trasluz. Se é en Súper-8, permite vivir a experiencia de rodar en película con equipamentos reducidos, tanto técnicos como humanos.

A sensación orgánica comeza no mesmo momento en que se abre o envase da película, e aspiro o olor da emulsión virxe; continúa durante a filmación diríamos e a cegas, pois é imposible ver o resultado de inmediato; mantense durante o revelado, a veces con ingredientes domésticos, como la cervexa con vitaminas!; e consúmase na proxección, vendo o resultado. O festín artístico prosegue durante a montaxe, que no meu caso é físico, con moviola, cortando e pegando os planos. Filmar con película de Súper-8 é unha artesanía, o mesmo que escribir un libro, pintar un cadro ou compoñer unha partitura. E gozo con cada unha das fases.Os problemas a solucionar en Súper-8 son múltiples: desde non saber que o que estás filmando está saíndo ben ou non ata que o ves despois do revelado, semanas despois, ata chegar aos aeropoertos antes que ninguén para falar co xefe de seguridade e conseguir que as películas non sexan inspeccionadas con escáneres do tipo CT que as velan. Por outra banda, rodar a temperaturas extremadamente baixas é máis sinxelo en cine que con dixital, pois hai cámaras que funcionan sen enerxía eléctrica, cun mecanismo de corda, ao que non afecta o frío.  

Podería dicirse que as características de cada emulsión cinematográfica de Súper-8 forman parte do relato, unha especie de metalinguaxe, que contribúe decisivamente á narración.”

Ignacio Benedeti

PProdutor, cineasta, distribuidor… se tiveras que elixir un só destes ámbitos, con cal te quedarías e por que?

En distribución conseguín logros moi importantes, como, por exemplo, as coleccións Galicia de Cine e Gallaecia Cinema que, con centos de miles de DVDs repartidos con La Voz de Galicia, é a maior labor de difusión de cine galego, absolutamente histórica, pois, nun soporte físico, non se poderá repetir xamáis con isa magnitude. Pero non me considero distribuidor, como tampouco productor, a pesar de que producín títulos emblemáticos da cinematografía galega como Minotauromaquia: Pablo no labirinto, senón un cineísta, con í: enténdese como cineasta a un autor e a un cinéfilo como un amante do cine, pero un térmo máis antigo, hoxe case esquecido fora de Catalunya, é o de cineísta, que engloba a ámbolos dous. Un cineísta é un autor amante do cine; do cine, cine, o de verdade, con película, e quen de desenvolver con destreza varios dos oficios que o fan posible.

“Un cineísta é un autor amante do cine; do cine, cine, o de verdade, con película, e quen de desenvolver con destreza varios dos oficios que o fan posible.”

Ignacio Benedeti

Outra das túas facetas destacadas é a de investigador e divulgador, con numerosas publicacións…

As máis influíntes, lidas desde por Tarantino ata polo presidente de Kodak, son os meus artigos en Silvegrain Classics (antigamente Photoklassik International), a biblia internacional da tecnoloxía fotoquímica que se publica en Alemania neste esperanto moderno que é, nos guste ou non, o idioma inglés.

Podes contarnos algo dos proxectos nos que estás a traballar nestes momentos?

Como cando empecei profesionalmente nisto, hai 32 anos, sigo coa exhibición, aínda que se a ilusión de antes desde que a industria cambiou a película polo dixital. En momentos libres vou preparando a VII edición do Sellier Film Festival que, centrado sobre todo na recuperación de clásicos do cine, proxecta exclusivamente en pasos cinematográficos. 

Teño un par de curtametraxes en postproducción, outra en preprodución, e estou coa montaxe e o guión da longametraxe Odisea en Groenlandia, que, ao igual que ocurrira con Spitsbergen, O Gardián do Ártico, estrearase en 16 mm, coa primicia xa comprometida coa Filmoteca de Catalunya en Barcelona. Vou máis lento do previsto pois, desgraciadamente, fun incapaz de materializar ningún apoio, máis que o de Kodak, Silvegrain Cassics e Poseidón para a rodaxe. Estou tamén coa preprodución da longametraxe fílmica Alén dos 66 º Latitude Sur. Pedín subvención a AGADIC, pero, se ma denegan, o proxecto seguirá adiante en calquera caso, vendendo o que sexa preciso da miña colección: a miña misión ata o 2030, na serie fílmica Stop: Quecemento Global,  non se pode deter. Preparo, tamén, o guión dunha serie televisiva sobre unha monxa que atopa a Heinrich Harrer no Tíbet e, grazas aos seus poderes de bilocación e a viaxe astral, intervén na axuda dos dous bandos da guerra civil para evitar mortos e destrución de patrimonio. Pretendo rodala en Súper-16.

Categoría: Entrevistas
Etiquetas: