YAGO FANDIÑO DESTACA A APOSTA DE TVE POLOS CONTIDOS INFANTÍS

26 / 11 / 2013

A canle pública Televisión Española está a facer unha decidida aposta polos contidos infantís, que contan co compromiso da dirección e presidencia de RTVE. Así o ratificou onte, luns, en Santiago, o responsable de Contidos Infantís de TVE-Clan, Yago Fandiño, durante un coloquio con produtores do sector audiovisual, organizado polo Clúster Audiovisual Galego (CLAG) en colaboración co Mercado das Industrias Culturais Atlánticas (MICAtlántica).

O presidente do CLAG, Andrés Barbé, encargouse de abrir a sesión con  epígrafe “O apoio de TVE á creación de series de animación infantil”, que estivo moderada pola directora de Abano Producións, Chelo Loureiro, e que congregou na Cidade da Cultura a unha vintena de profesionais do audiovisual.

Barbé aproveitou este foro para explicarlles aos asistentes “a boa situación na que está o CLAG para actuar como paraugas do sector da animación galego” co fin de que este “volva a gozar do esplendor que tivo hai uns anos”.

Pola súa parte, Yago Fandiño centrou a súa intervención na decidida aposta que está a levar a cabo a canle pública TVE polos contidos infantís. “Estamos apoiando –indicouos novos modelos relacionados con este tipo de contidos”. Un apoio que chega ademais desde a dirección e a presidencia de RTVE, asegurou.Tendo en conta o cambiante do panorama audiovisual e o principio de servizo público que obriga a TVE a ofrecerlle aos espectadores contidos de calidade e con “valores”.

En relación aos contidos, Fandiño dixo que estes deben adoptar as distintas maneiras de consumir dos máis pequenos, xa que os nenos achéganse con “total naturalidade” ás últimas tendencias.No transcurso da sesión, Yago Fandiño explicoulles tamén aos asistentes ao foro como desenvolve a súa canle pública o proceso de selección dos proxectos infantís que vai apoiar, e que elementos diferenciadores buscan para as vindeiras convocatorias.

Boas historias con derivada transmedia Neste sentido, o convidado advertiu que é imprescindible ofrecer unha boa historia e que o produto teña unha derivada transmedia; factor este que, segundo Fandiño, está a ser moi valorado tamén nos mercados internacionais. Pola súa parte, os produtores dos proxectos apoiados atoparán en TVE ademais de investimento, o seu apoio en todo tipo de foros e a “mellor” ventá para o seu produto, a que ofrece a marca Clan, que inclúe múltiples pantallas (canle tv, web, apps, etc.).

Na actualidade, TVE ten aberta unha nova convocatoria para a presentación de proxectos de contidos infantís. Neste punto, o responsable de Clan explicou que se pasou de facer dúas convocatorias ao ano a unha única convocatoria anual, e avanzou que de aquí en diante váiselles a esixir aos produtores que presenten uns plans de financiamento e de negocio máis elaborados dos seus respectivos proxectos.

En canto ás cifras da pasada convocatoria, o responsable de contidos infantís de TVEClandixo que “este ano presentáronse un total de 47 proxectos e a canle pública estatal investiu máis de dous millóns de euros” nos proxectos que finalmente resultaron seleccionados.

Investir en animación

Durante o coloquio, Chelo Loureiro advertiu que é necesario que do 6% que TVE inviste na compra de cine español, se destine unha parte á adquisición de animación. Para a produtora galega “temos moito talento e boas historias coas que competir nos mercados internacionais”.

Así mesmo, a directora de Abano Producións asegurou que é fundamental que as distintas televisións públicas colaboren en potenciar os contidos de animación e, en canto ás televisións comerciais, advertiu que se lles debe obrigar a que cumpran coa programación infantil nas súas grellas.

MICAtlántica continúa

A primeira edición de MICAtlánica estase a celebrar en Santiago de Compostela desde o pasado sábado, día 23, ata o vindeiro venres, día 29. Este mercado está a tender pontes entre Galicia e Arxentina cun intenso programa que inclúe exposicións, instalacións artísticas, conferencias, mesas redondas e espectáculos como actividades abertas ao público e de acceso gratuíto.

Organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Secretaría de Cultura de la Presidencia de la Nación Argentina, MICAtlántica desenvólvese na Cidade da Cultura canto ás reunións de negocios matinais, mesas de debate, presentacións e actividades expositivas, en tanto que distintos escenarios de Compostela acollen funcións teatrais, concertos e cinema.

Categoría: Novas
Etiquetas: