HOXE, LUNS 24 DE MAIO, COMEZA NO CGAI UN CICLO SOBRE O CINEASTA PETER HUTTON

24 / 05 / 2010

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) comeza este luns día 24 de maio (20.30 horas) o ciclo dedicado ao cineasta estadounidense Peter Hutton, mestre do cine paisaxístico e contemplativo. En colaboración con Documenta Madrid, o ciclo será presentado por Carlos Muguiro, especialista en cine documental, profesor e ex-director do certame navarro de cine documental Punto de Vista. Logo da presentación de Muguiro se proxectarán as pezas de Hutton “July ’71 in San Francisco…” (1971), “New York, near sleep for Saskia” (1972), “Florence” (1975) e “Boston fire” (1979). A entrada a esta sesión é gratuíta.O ciclo consta de 6 sesións que condensan as escasas 5 horas de depurada produción do seu viaxeiro autor.

Aínda que practicamente descoñecido no noso país, Peter Hutton é, desde os seus comezos hai 40 anos, unha figura imprescindible para comprender a evolución do cine documental-experimental e toda unha tradición paisaxística artística estadounidense que viría de Thomas Cole e os iluministas, concretándose no cine en xentes como Rodakiewicz, Strand, James Benning ou o mesmo John Ford.


Hutton estudou pintura, escultura e cine no San Francisco Art Institute. Ensinou cine en Harvard ou Cal Arts e actualmente está no Bard College, onde é director do Film and Electronic Arts Program desde 1989. Realizador de máis de 20 títulos, unha obra breve en extensión que non excede as 5 horas de metraxe total, a maioría das pezas retratos silentes de cidades e paisaxes, por fin o seu cine comeza a ter acollida. A retrospectiva que organizan Documenta Madrid e o CGAI é a máis importante presentación realizada sobre a súa obra en Europa.

    
Mariño mercante de profesión durante os anos que van de 1964 a 1974, fillo dun mariño que fotografaba as súas viaxes, Hutton atribúe a súa formación estética a estes anos. Preservador duns poucos planos, mestre da depuración, da autenticidade e a beleza primarias, esenciais, é un cineasta viaxeiro, contemplativo e calado que fía diversas e atractivas fontes presentes na historia do documental e o cine experimental.

Diarios (Mekas), capacidade meditativa (Rodakiewicz), sinfonías de cidades dos anos 20, a curiosidade exploradora de Flaherty ou Gardner e a mirada pura dos pioneiros aparecen debuxadas en maxistral amálgama na súa obra. O comisario da retrospectiva Carlos Muguiro presentará ao público este ciclo.     

LUNS 24 DE MAIO (20.30 HORAS):
JULY´71 IN SAN FRANCISCO, LIVING AT BEACH STREET, WORKING AT CANYON CINEMA, SWIMMING IN THE VALLEY OF THE MOON
(Estados Unidos, 1971)
Dirección, produción e fotografía: Peter Hutton.
Duración: 35 minutos.
As películas a modo de diario pasan por ser un xénero distintivo do movemento de cine independente. A súa renuncia á necesidade de argumento, ao desenvolvemento de personaxes e a outros atributos de historia ben construída permítelle centrarse con sinxela tenrura nos acontecementos do día a día acontecidos na vida do cineasta. Cumio desta práctica, o filme de Hutton fainos entrar na mente e nas sensacións do autor a través do seu papel como tal. En verbas de David Bienstock, a cámara convértese nun instrumento que, máis alá de gravar a realidade, a expande. Premio Yale Film Festival 1972.  

NEW YORK, NEAR SLEEP FOR SASKIA      
(Estados Unidos, 1972)
Dirección, produción e fotografía: Peter Hutton. Duración: 10 minutos.
A través de vibrantes xustaposicións de sombra e movemento, esta película muda e surrealmente poética examina os sutís cambios de luz e paisaxe da cidade de Nova York. Hutton aplica a estética da fotografía fixa e emprega como instrumento estrutural a duración da percepción do reflexo sutil dos movementos e a iluminación.

FLORENCE / FLORENCIA     
(Estados Unidos, 1975)
Dirección, produción e fotografía: Peter Hutton. Duración: 8 minutos.
Un estudo contemplativo da luz e as sombras, as texturas e os planos, que fai un fermoso uso das cualidades tonais da película en branco e negro. Ao longo do filme hai un dobre movemento de amosar e ocultar, nas nubes, reflexos e brumas, e no comportamento da luz ao pasar por distintas aberturas ou substancias. Con frecuencia, as imaxes son detalles ambiguos. Dá a sensación de que Hutton se sente moi cómodo no mundo que ve e que mira as cousas con algo máis de detemento que a maioría da xente…      

BOSTON FIRE / INCENDIO DE BOSTON
(Estados Unidos, 1979)
Dirección, produción e fotografía: Peter Hutton. Duración: 8 minutos.
Atopa grandeza no fume que ascende con elocuencia dun incendio na cidade de Boston. Nubes de escuridade mestúranse con fontes con auga que mana a chorros orquestrando unha obra de elementos primarios. A bela textura do fume unida ao illamento da orixe do incendio borra o impacto destrutivo do acontecemento. O poder da natureza produce imaxes para a reflexión extraídas das causas e consecuencias da escena.   

MÉRCORES 26 DE MAIO (20.30 HORAS):
IMAGES OF ASIAN MUSIC (A DIARY FROM LIFE 1973-1974) / IMAXES DE MÚSICA ASIÁTICA (UN DIARIO DA VIDA DE 1973 A 1974)
(Estados Unidos, 1973-1974)
Dirección, produción e fotografía: Peter Hutton. Duración: 29 minutos.
Realizada con imaxes obtidas entre 1973 e 1974, cando Peter Hutton vivía en Tailandia e traballaba como mariñeiro mercante. Malia ser unha película muda, o título pretendía suscitar unha comparación coa música asiática clásica. Canto persoal a Asia, susténtase sobre a sensibilidade cara á composición fílmica e sobre a percepción dunhas imaxes enmarcadas nun tempo silente creado ex profeso.

NEW YORK PORTRAIT I, II and III
(Estados Unidos, 1978-1990)
Dirección, produción e fotografía: Peter Hutton. Duración: 48 minutos.
Realizadas en tres períodos diferentes (1978-79; 1980-81; 1990), a cidade de Nova York é retratada nas escuras noites dun inverno solitario. O ritmo da vida da rúa e o impoñente escenario non teñen relevancia, desaparecen ante o interese de Hutton pola forza primaria dunha presenza universal. Hutton atopa unha relación harmónica cos elementos naturais, que manteñen a súa graza malia a contorna artificial. Nova York convértese en urbe fantasma que reflicte o seu estado de ánimo. Na terceira parte adopta un ton único en relación coa exploración continua da paisaxe rural. Emprega imaxes anteriores, arquivos de memoria máis que de inmediatez, outorgando unha textura distinta. Como di Tom Gunning, Hutton sempre atopa a presenza da natureza na cidade, mesmo na xeometría e textura da cidade en si, que parece proxectar independencia do humano, coma se mirase a unha raza que se extingue.  

VENRES 28 DE MAIO (18.00 HORAS):
BUDAPEST PORTRAIT (MEMORIES OF A CITY) / RETRATO DE BUDAPEST (RECORDOS DUNHA CIDADE)
(Estados Unidos, 1984-1986)
Dirección, produción e fotografía: Peter Hutton. Duración: 30 minutos.
Potente ensaio sobre a naturalización da paisaxe urbana. A presenza humana insinúase a través de meros indicadores: fotografías, sombras ou buratos de bala. A ausencia relativa da figura, xunto ao forte claroscuro da luz invernal, provoca unha sensación de soidade e illamento; voluptuosamente gris, desgastada e habitada, a cidade é como o escenario dun drama invisible.  

LODZ SIMPHONY
(Estados Unidos, 1991-1993)
Dirección, produción e fotografía: Peter Hutton. Duración: 20 minutos.
Retrato da localidade polaca de Lodz, que subsiste nun salto temporal cheo de lembranzas tristes. Hutton crea un mundo baleiro que evoca o ambiente industrial do século XIX, habitado polos fantasmas do pasado tráxico de Polonia.

VENRES 28 DE MAIO (20.30 HORAS):
AT SEA     
(Estados Unidos, 2004-2007)
Dirección, produción e fotografía: Peter Hutton. Duración: 60 minutos.
Unha crónica fascinante e reveladora do nacemento, vida e morte dun colosal buque portacolectores. Unha evocadora e inquietante reflexión sobre o progreso humano, tanto físico como metafórico.

SÁBADO 29 DE MAIO (18.00 HORAS):
LANDSCAPE (FOR MANON) / PAISAXE (PARA MANON)
(Estados Unidos, 1986-1987)
Dirección, produción e fotografía: Peter Hutton. Duración: 18 minutos.
Primeira parte dun estudo máis extenso sobre o tempo e a paisaxe do val do río Hudson.

IN TITAN,S GLOBET / NA COPA DO TITÁN
(Estados Unidos, 1991)
Dirección, produción e fotografía: Peter Hutton. Duración: 10 minutos.
Inspirado nun cadro paisaxista de Thomas Cole, que data aproximadamente de 1833, está concibido como unha homenaxe a este pintor, considerado o pai da escola pictórica do río Hudson.  

STUDY FOR A RIVER
(Estados Unidos, 1996-1997)
Dirección, produción e fotografía: Peter Hutton. Duración: 16 minutos.
Primeira parte dun retrato estacional do río Hudson. Un segmento que contén observacións do inverno ao longo de dous anos.  

TIME AND TIDE / TEMPO E MAREA
(Estados Unidos, 1998-2000)
Dirección, produción e fotografía: Peter Hutton. Duración: 35 minutos.
Dividida en dúas partes, a primeira é unha reedición dun rolo filmado por Billy Bitzer para Biograph en 1903, titulado Down the Hudson. Mediante a filmación en intervalos, ou time lapse, de fotograma único retrata un tramo do río entre Newburgh, Nova York, e Yonkers. A segunda parte rodouna Hutton e consta de fragmentos de distintos traxectos polo río Hudson entre Bayonne, Nova Jersey, e Albany, Nova York. O director viaxaba no remolcador Gotham mentres este empurraba (río arriba) e arrastraba (río abaixo) ao Noel Cutler, unha barcaza cargada con 35.000 barrís de gasolina sen chumbo.

LUNS 31 DE MAIO (20.30 HORAS):
LOOKING AT THE SEA     
(Estados Unidos, 2001)
Dirección, produción e fotografía: Peter Hutton. Duración: 20 minutos.
Caderno de imaxes incriblemente fermosas da extremadamente desolada costa oeste de Irlanda. Árbores de contornas planas álzanse coa serenidade clásica dun debuxo de Claude Lorraine, mentres o sol se converte nunha combinación barroca de laranxas, vermellos e negros azulados sobre a superficie da auga.  

SKAGFJÖRDUR      
(Estados Unidos, 2002-2004)
Dirección, produción e fotografía: Peter Hutton. Duración: 33 minutos.
Inspiradas nas tradicións do paisaxismo e a fotografía do século XIX, as películas contemplativas e de composición meticulosa de Hutton desenvólvense como unha serie de retablos separados por segundos de negro. Neste caso recolle as paisaxes do norte de Islandia e un traballo recente sobre o río Hudson.

TWO RIVERS     
(Estados Unidos, 2001-2002)
Dirección, produción e fotografía: Peter Hutton. Duración: 45 minutos.
Encargo da organización artística Minetta Brook inspirado na falida busca dunha ruta comercial entre Norteamérica e China realizada por Henry Hudson en 1609. Hutton observa a activa industria do Hudson desde a cuberta dun barco, antes de que o seu panorama se abra á quietude dos boscosos acantilados do norte. Explora logo a zona das Tres Gargantas do río Yangtsé, no seu despregamento a modo de rolo pictórico chinés, dando testemuño da paisaxe espectral das vilas industriais, que desde entón se viron invadidas polo proxecto da monumental presa hidroeléctrica.

Categoría: Novas
Etiquetas: