HOXE, DÍA 24 DE ABRIL, ENCONTRO COS FINALISTAS A MELLOR LONGAMETRAXE DE FICCIÓN DOS PMM NA FUNDACIÓN TIC DE LUGO E PROXECCIÓN EN DIFERENTES PUNTOS DA XEOGRAFÍA GALEGA NA SEMANA DO AUDIOVISUAL GALEGO

24 / 04 / 2009

Os finalistas a mellor longametraxe de ficción estarán hoxe na Fundación Tic de Lugo nun coloquio organizado pola Academia Galega do Audiovisual, dentro da actividade Encontros Mestre Mateo, paralela aos Premios Mestre Mateo.

 A partir das 12:00, comezará esta mesa redonda que contará coa presenza de Manane Rodríguez, directora de “Un cuento para Olivia”, e Ángel de la Cruz, director de “Os mortos van á presa”. O moderador da mesa será Xosé Antonio Corredoira, director da fundación. 

O seguinte coloquio, dentro dos Encontros Mestre Mateo, celebrarase na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia en Vigo, o luns, 27 de abril, cos finalistas á mellor interpretación protagonista e de reparto. Acudirán Antonio Durán Morris, finalista por “Os mortos van á presa” e “Padre Casares”, Camila Bossa, por “A mariñeira” e Tamara Canosa, por “Pradolongo”. Actuará de moderadora na mesa, Mariana Carballa, actriz e profesora da ESAD.  

Por outra parte, a Semana do Audiovisual Galego chegará hoxe a Cabanas, Cambados, Cervo, Melide, Nigrán, Ribeira, San Sadurniño, Santiago, Teo, Valdoviño e Xinzo de Limia. 

Toda a programación dos Encontros Mestre Mateo e a Semana do Audiovisual Galego pódese descargar na sección Premios Mestre Mateo 08.

Etiquetas: