‘Pó Noso que estás nos Ceos’ de Beatriz Flores foi Mención Especial do Xurado no XIV OUFF. A proxección realizarase na Praza de San Martiño en Ourense ás 23.00 horas en versión orixinal e con acceso libre.
Logo da inesperada morte da súa nai, Masángeles, unha rapaza de sete anos, ten que ir vivir á casa de seu pai, político influínte do que é filla ilexítima. Alí convivirá con personaxes cunha elevada dose de neurose: egocéntricos, sempre pendentes de resolver as súas contas co pasado, planeando situacións absurdas e cómicas. Masángeles, pola súa conta, anda interesándose e coidando dos demáis.
É o argumento de “Pó Noso que Estás nos Ceos”, da uruguaia Beatriz Flores Silva, unha “traxicomedia épico-neurótica” que mereceu a mención especial do Xurado polo certero retrato que fai da sociedade do seu país no tempo que vai dende 1966, antes de que gañe as eleccións o presidente Gestido, até o día do golpe de estado de 1973. Anos de ilusións e de dolor e un coro de personaxes con posturas políticas diverxentes nun dos momentos máis convulsos da historia do Uruguai.