Este domingo, 16 de febreiro, a partir das 22.00 horas, a Televisión de Galicia emitirá o capítulo 200 da serie “Padre Casares“, titulado “A derradeira misa”.
Don Crisanto cumpre 80 anos e, aínda que o sacerdote non quere que se comente demasiado, a noticia corre como a pólvora por Santo Antonio de Louredo. A cuestión é que, á súa idade, non é conveniente recordar ao bispado que segue á fronte da parroquia…
Pero é tal o balbordo que se monta no pobo, que a noticia chegará rápido a oídos dos mandamases da diocese e a reacción será a temida. Pronto chegará a Louredo un novo sacerdote, de nome Perfecto e, para máis inri, de apelido Novo.
Mentres tanto, os veciños esmeraranse todo o posible para sorprender ao ancián Crisanto. Os seus fregueses cunha celebración ao grande e Delmiro, pola súa banda, cun particular homenaxe. O que vindo de Delmiro é para botarse a tremer. E así é. O alcalde traballará con tesón e no maior dos secretismos, para lograr a expropiación da parcela sobre a que se erixe a igrexa parroquial.
A serie Padre Casares chega así ao seu capítulo 200, despois de 6 exitosos anos en antena, e co retorno do seu personaxe máis emblemático, Horacio Casares. Ademais, esta semana a serie baterá outro récord pois, por primeira vez na súa historia, a casa reitoral de Santo Antonio de Louredo reunirá catro sacerdotes… para horror do alcalde laico da vila.
Máis información da serie en: www.padrecasares.com