HOMENAXE NO CGAI AO CINEASTA FRANCISCO REGUEIRO

22 / 06 / 2009

Hoxe luns día 22 de xuño (20.30 horas) o CGAI, en colaboración coa Asociación Española de Historiadores del Cine (AEHC) homenaxea ao cineasta español Francisco Regueiro (Valladolid, 1934) cunha mesa redonda na que estará presente él xunto aos historiadores Julio Pérez Perucha e os galegos José Luis Castro de Paz e Xosé Nogueira. Logo se proxectará a película DUERME, DUERME, MÍ AMOR (1974). A entrada é gratuíta. A homenaxe proseguirá con proxeccións ata o xoves día 25.

“Caricaturista no seu Valladolid natal, futbolista (extremo esquerdo), debuxante (no vertebral semanario “La Codorniz”), escritor (Premio Sésamo en 1961), cultivador da pintura durante as súas longas e obrigadas estancias nos seus cuarteis de inverno. Francisco Regueiro (1934) licenciouse en Dirección no IIEC-EOC en 1962 co seu xerminativo exabrupto Sor Angelina, virgen (1962) (que case lle custa non ser aprobado por unhas estupefactas autoridades académicas), breve peza que condensa algunhas características da súa cosmovisión: o desacougante marco familiar, a hostil contorna social e a represión relixiosa.

Debutante no cine industrial coa máis cautelosa El buen amor (1963), sosegada crónica minimalista dunha desalentadora excursión por cuxos intersticios narrativos se coan escintileos de feroz negrura, o seu seguinte filme (Amador, 1965), distanciado pero agre retrato dun asasino de mulleres, constituíuse en involuntario modelo reducido do desenvolvemento da primeira fase da súa carreira: pertinazmente mutilado, cortado e retorcido por unha indignada Censura (e que non se resolvera a desaparecelo é índice das contradicións existentes entre aperturistas e carcereiros no seo das institucións cinematográficas da época) o filme chegou ás pantallas tan desconxuntado como certo personaxe da browniana Freaks.

Escarmentado, Regueiro intentou conciliar a súa xustamente áspera mirada coas conveniencias cinematográficas da época (e do produtor Elías Querejeta), alumando, en precario equilibrio, Si volvemos a vernos (1967).Quizais persuadido de ter a súa disposición unha capacidade de manobra que lle evitara molestas componendas, Regueiro móvese cara a un corrosivo radicalismo tan intempestivo como inconveniente, tendo en conta o período de progresiva, e violenta, descomposición franquista no que se substancia: Me enveneno de azules (1969) aborda o estrafalario retrato familiar dun candidato ao parricidio; Carta de amor de un asesino (1972) postula o crime en serie como emanación natural da sociedade provinciana, atrabiliaria reflexión que encolerizou ao seu produtor (Querejeta); Duerme, duerme, mi amor (1974), vehícula unha irrisoria mirada sobre a institución matrimonial entendida como territorio brumoso, dominio do absurdo, condensador de pulsións homicidas e lugar xeométrico de insatisfaccións e desarraigamento; a insólita Las bodas de Blanca (1975) retoma desafogadamente o abaneo matrimonial.

Primeiro resultado de tan corrosivas proposicións: películas sen estrear ou presentadas en pésimas datas do verán e en marxinais circuítos de reestrea, cando non aparecidas con sensible atraso. Segundo: Regueiro é desaloxado do territorio do cine español durante dez longos anos.               

A construción dun estilo concordante cun firmamento así materializarase coa mirada posta nunhas conspicuas tradicións hispánicas (crueldade, picaresca, esperpento) que serán reconsideradas a través dunha heterodoxa mestura de sequidade castelá e desenvoltura surrealista. De Quevedo a Valle, de Goya a Solana, e perdón polo tópico, Regueiro executa unha volta de porca, producindo oxidadas raspaduras como residuo, sobre a canónica formulación esperpéntica: a observación e o asombro moral despénanse sobre a realidade que circunda a Regueiro: a disolvente irrisión do resultado atínxenos directa e indiscriminadamente, somerxéndonos na fantasmagoría.

Así se manifesta con agresiva torsura en Padre Nuestro (1985), Diario de invierno (1988) e Madregilda (1993). Nada máis previsible que a AEHC lle concedera a Regueiro a súa Medalla de Honra no ano 2006 (na compaña doutro cineasta esquinado: J.L. Romero Marchent). E igualmente que o noso home leve outros quince anos expulsado dos dominios do cine español”.      Julio Pérez Perucha, presidente da AEHC

Luns 22 de xuño (20.30 horas)
DUERME, DUERME, MI AMOR    
(España, 1974)
Dirección: Francisco Regueiro. Guión: Manuel Ruiz Castillo, Esmeralda Adam e Francisco Regueiro. Produción: Goya Films. Fotografía: Raúl Pérez Cubero. Intérpretes: José Luis López Vázquez, María José Alfonso, Rafaela Aparicio, Laly Soldevila, Manuel Alexandre. Duración: 90 minutos.
Mario, un tímido e discreto profesor, faise millonario por un premio de lotaría. Pero a súa muller, Amparo, alporizada pola angustia da existencia, non lle deixa nin artellar palabra polo que Mario non pode comunicar a fortuna. Emparentada coa tamén maxistral ¡Vivan los novios! (1969) de Berlanga, Regueiro propón un brillante esperpento ou comedia bárbara chea de imaxinación, frescura, ferocidade, compoñentes surrealistas e escenas gozosas, cunha memorable voda pola que asistimos exemplarmente ao proceso amoroso completo (ata a ruptura) e un colofón incisivo ata na composición musical, a canción de Felipe Campuzano cantada por Las Grecas “Te estoy amando locamente”.     

Martes 23 (20.30 horas)
MADREGILDA     
(España-Alemaña-Francia, 1993)
Dirección: Francisco Regueiro. Guión: Francisco Regueiro e Ángel Fernández Santos. Produción: Road Movies Filmproduktion (Alemaña), Gémini Films (Francia), Marea Films e Tornasol Films (España). Fotografía: José Luis López Linares. Intérpretes: José Sacristán, Juan Echanove, Juan Luis Galiardo. Duración: 105 minutos.
A influencia da película Gilda (1946) e a partida de mus habitual de catro vellos coñecidos da campaña en África, entre eles Francisco Franco, marcan o retorno de Regueiro ao pesadelo da ditadura, simbolizado no ditador e confrades como Millán Astray, nunha fantasía surrealista produto dunha visita nocturna, a que Regueiro lle confesa ao seu guionista Ángel Fernández Santos: “Teño unha imaxe: é Franco perseguídome polas noites”. Goya, Valle-Inclán, Buñuel, a figura autoritaria do pai, unha mostra do perfecto e íntegro enraizamento do autor nas vetas culturais máis proveitosas. Premios para Regueiro e Echanove en San Sebastián, así como o Goya ao mellor actor para o propio Echanove pola súa encarnación de Franco.  

Mércores 24 (20.30 horas)
SOR ANGELINA, VIRGEN    
(España, 1962)
Dirección e guión: Francisco Regueiro. Produción: I.I.E.C. Fotografía: Víctor Monreal. Intérpretes: Concha Gómez, T. Angelines Nuevo. Duración: 26 minutos.
Práctica realizada no Instituto de Investigaciones y Experiencias Cinematográficas (I.I.E.C.) no curso 1961/1962 onde se funden xa moitos dos elementos que iluminan o cine de Regueiro. Por medio do fugaz regreso de Sor Angelina á súa casa asistimos a un axustado retrato de familia que fai brotar todos os fantasmas, desde a figura do pai e a importancia do núcleo familiar ata o desarraigamento. Constrinxido o tempo, expresado en espazos mínimos e representativos, Regueiro foxe da fragmentación visual na procura de unidade, mesmo con planos longos. De Zurbarán a Berceo ollamos toda unha significativa tradición cultural que o apoia.

AMADOR     
(España-Francia, 1965)
Dirección: Francisco Regueiro. Guión: Francisco Regueiro, Angelino Fons, Manuel López Yubero e J.C. Lagneau, sobre unha narración curta de Francisco Regueiro. Produción: Jet Films (España) e Champs Elysées Productions (Francia). Fotografía: Francisco Sempere. Intérpretes: Maurice Ronet, Amparo Soler Leal, Yelena Samarina. Duración: 98 minutos.
Amador, sedutor asasino de mulleres vaga por cidades ao tempo que intima con amantes diferentes, amparándose de cando en vez no domicilio dunha vella tía que o consente. Preso dun pasado familiar non asumido, namórase de Laura. Segunda longametraxe de Regueiro, relato negro e lírico, disección radical de tantas represións, acosado pola censura, que bebe das páxinas d’“El Caso”, do Archibaldo de la Cruz de Buñuel e de mitos como Don Juan e Landrú, chegando a presentarse no Festival de Cannes. Maurice Ronet, acabado de saír d’El fuego fatuo (Louis Malle, 1964), está acompañado por un elenco de excelentes secundarios (José María Prada, María Asquerino ou María Luisa Ponte).  

Xoves 25 (20.30 horas)
CARTA DE AMOR DE UN ASESINO    
(España, 1972)
Dirección e guión: Francisco Regueiro. Produción: Elías Querejeta PC. Fotografía: Luis Cuadrado. Intérpretes: Serena Vergano, José Calvo, José Luis López Vázquez, Rosa María Mateo. Duración: 86 minutos.
Produto dun acto de desesperación, un cincuentón, Antonio Gómez, comete unha matanza nunha cafetaría dunha cidade de provincias. Oculto, buscado polas autoridades, escribe unha carta amorosa dunha especial sensiblidade a Blanca, a xove directora da biblioteca municipal. Insólito e poético documento sobre o amor e a soidade inconsolable, unha película chea de misterio que indaga no irracional da nosa conduta. Próxima a moitos dos tráxicos, extremos e persoais guións que Regueiro deixa inéditos, Carta de amor de un asesino inxustamente xamais chegou a ter estrea comercial, censurada, paralizada polo seu propio produtor, Elías Querejeta.      

Categoría: Novas
Etiquetas: