OS GAÑADORES DO V CERTAME OUFFESCOLA RECOLLEN OS SEUS DIPLOMAS

19 / 11 / 2014

O Festival de Cine Internacional de Ourense recuperou este ano o certame OUFFescola coa finalidade de premiar aos mellores traballos audiovisuais en galego realizados por escolares. Despois de ser aprobadas as súas bases en Xunta de Goberno, este certame repartiu 2600€ en premios que foron entregados esta mesma mañá.

O OUFFescola naceu do esforzo e a xenerosidade da Concellería de Cultura do Concello de Ourense, a través do Servizo de Normalización Lingüística e sobre todo do 19OUFF, que xunto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística dan continuidade a este proxecto audiovisual.

No acto estiveron presentes autoridades – Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; Ana Garrido, Concelleira de Educación e Cultura do Concello de Ourense; e Agustín Fernández Gallego, alcalde da cidade- e tamén membros do xurado -César Silva, director de programación do OUFF; Manoli Maceda, coordinadora provincial das equipas de Normalización Lingüistica; Paz Villar, coordinadora do proxecto Cinema e Saúde; e Gregorio Ferreiro Fente, representante da Secretaría Xeral de Política Lingüística-. Carlos Montero, fotógrafo e crítico de cinema e tamén membro do xurado, non puido estar presente.

Tras a entrega de premios e antes da proxección dos traballos gañadores, o alcalde da cidade quixo ter unhas palabras cos participantes do certame felicitándoos porque “traballar no cine é ser un artista e os rapaces fixérono”. Resaltou tamén a grandeza dos sentimentos que transmite a sétima arte que “nos permite soñar constantemente” e o xeito en que o cinema é capaz de facer que as persoas sexan cada día mellores.

 

PALMARÉS V CERTAME OUFFescola

·         1º premio da categoría “Demais niveis de ensino non universitario”: Persoas, do IES Cacheiras

·         1º premio da categoría “Infantil ou Primaria”: Troco, do CEIP San Xoan de Filgueiras

·         2º premio da categoría “Demais niveis de ensino non universitario”: O Libro, do IES Ramón María Ulloa

·         2º premio da categoría “Infantil ou Primaria”: Medusópolis 999 do CEIP a Laxe

·         Premio ao mellor guión da categoría “Demais niveis de ensino non universitario”: para Non nos quitarán os soños, do IES Xulián Magariños

·         Premio ao mellor guión da categoría “Infantil ou Primaria”: O ritmo da miña vida, do CEIP Mestre Valverde de Mayo

·         Mención especial polo volume e calidade de traballos presentados: IES As Barxas

·         Mención especial pola calidade de traballos presentados: CEIP San Xoán de Filgueira


Categoría: Novas
Etiquetas: