Logo do grande éxito de Crebinsky, Enrique Otero presenta o seu novo traballo, unha longametraxe documental na que nos descobre un personaxe descoñecido ata o de agora para a mayoría dos galegos: Uxío Funes. A cita terá lugar mañá, día 13 de novembro no Salón Teatro, incluído na programación de Cineuropa, na sección Docs- Cineuropa.
Funes foi un galego da comarca de Quiroga, de principios do século XX, obsesionado coa ciencia e a física; un inventor puro que abandonou todo para cumprir o seu soño, ir aos Estados Unidos traballar na NASA. Alí levou a cabo o maior invento da súa vida, e un dos máis importantes da historia da humanidade, o retilador, que fixo que o Proxecto Apollo fose un éxito.
O documental combina gravacións de finais dos anos 60 nos Estados Unidos, da NASA, recreacións dos inventos, entrevistas con familiares e amigos de Funes… unha mestura de formatos cinematográficos, acompañados de testemuñas sorprendentes que deron como resultado un traballo minucioso arredor dunha biografía extraordinaria.
Tras finalizar o longo percorrido por festivais e salas de cines de Crebinsky, Enrique Otero quería abordar o xénero documental, e tiña un empeño persoal no tema dos inventos e inventores en Galicia.
As historias que ían aparecendo non tiñan a entidade nin o empaque suficiente para espertar un interese real que se chegase a materializar na gran pantalla. Ata que descubriu a impactante historia de Uxío Funes, un home cunha vida profesional e persoal chea de subidas e baixadas, de éxitos e fracasos.
Finalmente, o director conseguiu, sen pretendelo, a metáfora do prototipo de inventor galego que estivera investigando todo ese tempo: un home imaxinativo, creador, talentoso, pero con escasa habilidade para os negocios, para tirar proveito das súas vitorias e, por que non, cun pouco de mala sorte. Esa, ao cabo, é a historia de Uxío Funes.
FICHA TÉCNICA
Título: “Funes, o inventor da lúa”
Longametraxe Documental 48´
Formato: 35mm,16mm,super 8, HD
Produtora: Pulsa Control Z
Dirección: Enrique Otero
Guión: Carlos Santiago, Enrique Otero
Dirección de produción: Elena Mareque
Fotografía: Adrián Pino
Composición Musical : Pablo Pérez
Edición de Guión: Roberto G. Mendez
Efectos Dixitais: Juan Pablo Etcheverry
Edición e Posprodución: Adrian Pino, Enrique Otero
Arte: Pepe Penabade
Son: Enrique Otero
Locución: José Carlos Polo
SINOPSE
Documental biográfico sobre o inventor Uxío Funes que, tras ser unha das pezas fundamentais na carreira espacial e na conquista da lúa, rematou os seus días dramaticamente nunha roulotte na súa Galicia natal.