Dentro das actividades a desenvolver no Filminho, festa do audiovisual galego e portugués, encóntrase o Fórum de creadores: unha plataforma chamada a ser catalizadora do talento e da creatividade audiovisual na raia. Desde hoxe ata o 10 de xuño xa se poden mandar as propostas.
Todos os creadores do mundo interesados en materializar as súas ideas audiovisuais en escenarios miñotos xa teñen unha cita co Fórum de creadores, desenvolvido pola asociación cultural Morraceira a través do Filminho. O obxectivo desta actividade é apoiar de forma directa a creación de obras audiovisuais no Miño galego-portugués e, de maneira secundaria, incentivar os xoves creadores ao uso de estratexias de producións parcas en recursos.
Desde hoxe ata o 10 de xuño xa se poden mandar as propostas preenchendo unha ficha de inscripción. Entre as candidaturas seleccionaranse 10 que serán presentadas ao público o sábado, 26 de xullo, pola mañá. Un xurado seleccionará catro propostas ás que se lle fará o convite para filmar. As axudas consistirán en 2.000 euros para a produción e a colaboración estreita cun produtor para así conseguir máis apoios para o proxecto e preservar as ideas do creador.
As únicas obrigas do creador será que a súa obra esté relacionada con contextos, escenarios ou asuntos propios desta rexión fronteiriza, respeitar o sistema lingüístico galego-portugués e que esté ultimada para a estrea no Filminho 2009.