FICCIÓN PRODUCCIONES COMEZA A RODAXE DE “SINBAD” O VINDEIRO 9 DE MAIO

5 / 05 / 2011

Localizacións como Corrubedo e Palmeira e varias zonas e edificios emblemáticos de Santiago de Compostela, son as localizacións fixadas por Ficción Producciones para a rodaxe doutra das entregas da serie Un mundo de Historias –para a TVG, coprodutora da serie-, creada por Antón Dobao, quen dirixe e guioniza estoutra película de Tv, “Sinbad”. O autor baseou a historia na novela de Álvaro Cunqueiro, “Se o vello Sinbad volvese ás Illas”.

A rodaxe dará comezo o vindeiro 9 de maio, e rematará o día 4 de xuño. Serán catro semanas de intenso traballo para o equipo técnico e artístico que integran o elenco implicado na rodaxe e demais procesos habituais, ata chegar ó produto final: a película rematada.

As tres primeiras semanas, todo o equipo de Ficción Producciones traballarán en Corrubedo, nas praias deste concello, e Palmeira; no Faro de Corrubedo, no Porto,  en distintos lugares do pobo, onde se emprazarán as casas de Sinbad, de Alba, de Vanesa, Aldán, a Taberna de Mansur… e distintas personaxes da película.

A derradeira semana de rodaxe será en Santiago, tanto no Seminario Menor como a Residencia de Anciáns, Chaián, O Milladodoiro, etc…

 

Que nos conta “Sinbad”

Sinbad é, máis que ningunha outra cousa, un extraordinario fabulador, un home que fai participar aos seus interlocutores das experiencias da súas viaxes pasadas, fosen no mundo real, fosen no universo da imaxinación e da fantasía. Comparte os seus coñecementos fantásticos cos seus compañeiros diarios de café e dominó na taberna propiedade de Mansur, un home viúvo que ten ao seu cargo a Sara, a súa filla, de entre dez e trece anos. Sinbad mantén con Sara unha relación moi estreita e afectuosa. Gústalle conversar coa pequena e contarlle historias fantásticas. Acompáñaa ás veces á escola, apréndelle cousas do mar e das estrelas, comparte con ela os seus mapas, etc. Sara é o mellor receptor de todas as historias que narra Sinbad. Cultiva con el unha imaxinación portentosa. Constantemente mostra unha curiosidade e unha perspicacia moi agudas.

 

Quen compón o equipo técnico

Antón Dobao é o director do proxecto, así como o  guionista; o argumento foi desenvolvido por Marcos Nine e o propio Antón Dobao; a Música, é de Javier Maneiro e Casa de Tolos; Toni Veiga está á fronte da dirección de Produción; os produtores executivos son Julio Casal e Mamen Quintas. A dirección de fotografía corre a cargo de Suso Bello; o xefe de son é David Machado; a dirección artística dependerá de Curru Garabal; Eva Camino –recentemente galardoada nos Premios Mestre Mateo 2010 polo Mellor Deseño de Vestiario- será a figurinista. Carol Varela e Iris Bautís serán respectivamente as xefas de Maquillaxe e Perruquería. O xefe dos eléctricos é Roberto Quinteiro. A supervisión dos efectos especiais, dependerá de Iván Mena; o deseño e concepto de integración –e autor do cartaz da película- é David Rubín, e a Montaxe correrá da man de Clara Nieto.

 

Quen serán os actores e actrices

Os papeis protagonistas serán realizados por Xosé Olveira ‘Pico’ –Sinbad-, Sara Casasnovas –Vanesa- e Mariña Sampedro –Sara-. Os actores e actrices secundarios serán Luís Castro Zahera, Laura Ponte, Manolo Cortés, César Cambeiro, Antonio Durán ‘Morris’, Mariana Carballal, Camila Bossa e María Tasende. 

E hai tamén colaboracións especiais, que son as de Miquel Ínsua e Mela Casal.

Os actores e actrices de reparto son Monti Castiñeiras, Sheila Fariña, Manolo Lourenzo, Tamara Canosa, Xoel Fernández, Miguel Varela, Xúlio Abonjo, Manuel Lozano, Evaristo Calvo e Paulo Rodríguez.

Etiquetas: