O Festival Internacional de Cine Euroárabe Amal que organiza a Fundación Araguaney de Santiago de Compostela no mes de Outubro, abre o prazo para participar no “2º Concurso de Carteis Amal” cuxo gañador será a imaxe da X edición. Trátase dunha iniciativa que xurdiu na IX edición e que, debido ao gran número de participantes e á calidade dos traballos presentados, este ano volve organizarse.
Os obxectivos que persegue a organización do Festival con este concurso de carteis son, por unha banda, obter a imaxe que represente ao Festival na súa décima edición e, por outro, fomentar a creatividade nos novos deseñadores, outorgándolles a oportunidade de que os seus traballos sexan vistos polos asistentes ao Festival de Cine Amal. De todas as propostas recibidas farase unha preselección de carteis que se exporán durante a semana do Festival para que o público poida velos.
O prazo de presentación dos carteis ábrese o Venres 13 de Xaneiro e pecharase o 13 de Abril. A participación é gratuíta.
Nesta ocasión o concurso terá 2 fases:
Na primeira fase, farase unha preselección de carteis enviados en formato dixital (pdf), en dvd por correo postal ou por email (formacion@araguaney.com).
Na segunda fase os carteis que sexan preseleccionados deberán ser enviados en soporte físico para a súa futura exposición.
Esta é a segunda edición do concurso de carteis Amal. O ano pasado, foron máis de 200 os carteis recibidos, sobre todo de España, pero tamén de todo o mundo, Reino Unido, Italia, Polonia, Xordania, etc. A gañadora da pasada edición foi a deseñadora exipcia Reem Naeim, que levou o premio de 1200 euros e cuxo cartel “The Arab Revolt” representou á novena edición do festival.
Participaron entón numerosas escolas de deseño, xa que o concurso está destinado sobre todo a novos artistas, aínda que calquera persoa con talento e imaxinación poida inscribirse.
Toda a información do concurso publicarase na web: www.amalcreativity.com