Xa está aberto o prazo de inscrición para participar na X edición do Festival Internacional de Cine Euroárabe Amal, que se celebrará o próximo mes de Outubro de 2012 en Santiago de Compostela. A data límite para inscribir películas é o 1 de Xuño de 2012.
Poderá presentarse calquera longametraxe de ficción, documental ou curtametraxe producida ou coproducida por un país árabe, así como aquelas películas que aborden temática árabe, independentemente do seu país de orixe. Admitiranse películas infantís e experimentais. Os traballos presentados deberán ser realizados entre os anos 2010 e 2012.
A inscrición deberá realizala o titular dos dereitos do filme, e farao de forma online na páxina web do festival: www.festivalamal.es
As obras seleccionadas serán proxectadas nas sedes do Festival. As curtametraxes, tanto documentais como de ficción, poderán verse, como xa ocorreu na pasada edición, a través da web www.festivalamal.es
SOBRE O FESTIVAL AMAL
Amal é o único Festival de España que promove actividades relacionadas coa cultura árabe e cuxa filosofía é a de servir como punto de encontro para o diálogo entre culturas. Ao longo dos seus nove anos de vida, que con este serán dez, o Festival Amal experimentou un crecemento progresivo, incrementando a súa oferta de actividades e a súa difusión nos medios de comunicación. Na pasada edición, no ano 2011, foron máis de 5.000 persoas as que acudiron ás proxeccións do festival Amal.
Películas de directores como Mohamed Al-Daradji, Mourad Ben Cheikh, Oliver Laxe, Fermín Muguruza, Halima Ouardiri, Hesham Issawi, Nikos Megrelis ou Léa Féhner conformaron a selección oficial da pasada edición.
Medios nacionais e internacionais fixéronse eco do Festival. Tanto é así que Amal chegou aos fogares de todo o mundo grazas á difusión que lle deron medios de comunicación de varios países, en especial do mundo árabe.
Medios internacionais como Euronews, con presenza en 102 países; France 24, cadea de noticias francesa; Axencia EFE, primeira axencia de información de España e cuarta a nivel mundial ou Alrai, importante diario de Xordania, informaron do Festival Amal fose das nosas fronteiras. Ademais, emisoras de radio, medios escritos e televisións árabes promoveron o certame en Exipto, Irán ou Líbano, entre outros.