O FESTIVAL DE CINE PRESENTA A LISTA DAS PELÍCULAS FÓRA DE COMPETICIÓN

6 / 11 / 2013

O Festival de Cine Internacional de Ourense presenta a listaxe das películas fóra de competición na súa decimoitava edición. En total, serán 25 os títulos que se proxectarán fóra de competición artellados en catro cinco categorías diferentes: Inédito en Ourense, Documentais, Panorama Galicia e Cine e Viño, unha das novidades deste 18OUFF. Alén destas, tamén haberá un apartado reservado para filmes que non puideron optar á sección competitiva pero que o departamento de programación do OUFF considerou como unha oportunidade especial proxectalas no Festival. Son as Sesións Especiais. Presentadas as seccións paralelas, e a dez días do inicio do certame, só queda por coñecer cales serán os títulos da sección oficial competitiva do 18OUFF.

[Inédito en Ourense] Unha sección que sempre gozou dun grande apoio por parte do público e onde se pasarán algúns dos títulos, que malia non ser de estrea, non tivemos a oportunidade de ver en Ourense. Os espectadores poderán facer así un pequeno balance en catro actos do ano cinematográfico e das tendencias do cinema de autor nun ano difícil para o sector.

[Panorama Galicia] Un clásico da programación deste festival. Se o OUFF apostou desde os seus inicios  por ser o referente e escaparate promocional da produción galega, a grella do 18OUFF inclúe un ano máis unha boa nómina de talentosos e novos directores que se achegarán a Ourense coas súas novas creacións baixo o brazo.

[Documentais] Un xénero en alza que ten unha crecente demanda por parte dos espectadores. Unha fiestra aberta que insuflará aire fresco e na que se poderán ver traballos tan destacados como o gañador do premio Oscar deste ano ou unha primicia mundial con protagonismo ourensán.

[Cine e Viño] A novidade dentro da programación desta edición do Festival, centrado na frutífera relación do viño co mundo do cine. Se Ourense é unha das grandes potencias vinícolas a nivel mundial, as tres películas deste ciclo farán unha maridaxe perfecta cos caldos das catro denominacións de orixe da nosa provincia.

[Sesións Especiais] Neste apartado do 18OUFF proxectaranse interesantes propostas que, por diferentes motivos, non forman parte da selección oficial do certame. Catro traballos arriscados e innovadores que nos amosan por onde vai a vangarda do cinema actual.

Categoría: Novas
Etiquetas: