O III FESTIVAL DE CINE DE ANIMACIÓN ANIRMAU DE LALÍN CENTRA A SÚA COMPETICIÓN NAS LONGAMETRAXES

18 / 09 / 2012

Déronse a coñecer as bases do III Festival de Cine de Animación Anirmau de Lalín, que se celebrará na localidade pontevedresa do 8 ao 13 de abril de 2013 organizado polo IES Ramón Mª Aller Ulloa. A gran novidade é que o evento centra a súa competición nas longametraxes do xénero, xa que, a partir de agora, propoñerá un modelo de concurso que alternará cada ano longas e curtas. Nesta edición, estas últimas terán presenza en apartados non competitivos. O prazo de inscrición de obras está aberto ata o 1 de decembro.

Poderán concorrer á sección competitiva de Anirmau’13, longametraxes internacionais de animación de 45 ou máis minutos de duración, producidos a partir o 1 de xaneiro de 2010, e realizados con calquera tipo de técnica, que non se exhibiron comercialmente en salas españolas (salvo en festivais), que non se emitiron nas cadeas de televisión nacionais, e que non sexan comercializados en DVD ou Blu-ray, antes do 15 de abril de 2013. Poderán inscribir obras os productores, distribuidores ou realizadores que teñan os dereitos sobre as mesmas. Os traballos acompañaranse da transcrición dos seus diálogos e, si estes están nun idioma diferente ao galego, castelán ou inglés, haberase de engadir a tradución a un deles. Aceptaranse copias en DVD ou Blu-ray, ou mediante descarga en HD a través dunha web. Cada autor poderá remitir cantas película queira, cada unha co seu correspondente ficha de inscrición, antes do 1 de decembro. Xunto á ficha, haberán de incluírse unha sinopse, tres fotogramas, trailer, listado de diálogos e outros materiais de promoción da película (cartel, presskit), e unha biofilmografía e foto do director.

O envío da documentación poderá realizarse ao e-mail severiano.casalderrey@gmail.com, ou por correo postal, a Anirmau’13. IES Ramón Mª Aller Ulloa. Rúa do Parque, 6. 36500 Lalín (Pontevedra) Spain. Entre as longametraxes recibidas, un comité de selección formado por membros da organización elixirá os que se exhibirán no festival. O público asistente ás proxeccións será o que, mediante votación, outorgue un premio á mellor longa, dotado con 1.500 euros e trofeo. Ademais, a organización se reserva a posibilidade de conceder mencións, consistentes en diplomas. O festival invitará ao autor ou produtor da longa gañadora a asistir á gala de clausura do 13 de abril. Máis información, no e-mail citado, no teléfono +34-986780114, ou na web www.anirmau.com. Malia que Anirmau’13 centrará o seu concurso nas longametraxes, non deixará de lado ás curtas, que terán cabida en seccións paralelas non competitivas. E é que o cambio deste ano marca o inicio dunha etapa de alternancia do festival galego, cunha sección competitiva de longametraxes para un ano, propoñendo no seguinte novamente unha sección competitiva de curtametraxes .

 

Categoría: Novas
Etiquetas: