FALECE O DRAMATURGO RIANXEIRO PANCHO MARTÍNEZ

25 / 11 / 2010

O escritor e director teatral rianxeiro Pancho Martínez, faleceu onte aos 52 anos. O actor, locutor e produtor acababa de estrear este ano a obra escrita e dirixida por el, Sempre en Rianxo. O soño do barbeiro, coa compañía Airiños de Asados, baseada en A fiestra valdeira de Rafael Dieste e Os vellos non deben de namorarse de Castelao.

Pancho Martínez, que estaba a escribir a súa última obra, O paxaro pinto, entrou en contacto co teatro grazas ao poeta Bernardino Graña, que lle deu clases de literatura no instituto de Padrón. Pouco despois, creou en Rianxo unha compañía de teatro afeccionado que botou a andar ás súas ordes coa obra O cantar dos cantares de Blanco Amor.

O servizo militar impediulle estudar Arte Dramático en Madrid. Daquela, dedicouse ao xornalismo e á dobraxe pero tamén traballou como actor con Roberto Vidal Bolaño nunha das primeiras producións da TVG e tamén participou en Urxa de Carlos Piñeiro e Alfredo García Pinal, unha das primeiras longas do cine galego.
Nos últimos anos traballou en series como Rías Baixas, Terras de Miranda ou El Comisario.

Tamén traballou como actor na obra do Centro Dramático Galego (CDG), O mozo que chegou de lonxe, dirixida por Mario Gas. Tamén con Vidal Bolaño recuncou en varias obras do CDG como Xelmírez ou a gloria de Compostela. Tamén traballou de produtor en Galaxia Comunicacións, cando Chano Piñeiro dirixiu a Sempre Xonxa. O funeral será hoxe ás 16.30 horas na igrexa de Santa Columba.

Categoría: Novas
Etiquetas: