Gala dos Premios Mestre Mateo, Pazo de Congresos de A Coruña.
Marzo de 2017 | Os Mestre Mateo adiántanse á primavera
A cita máis coñecida do audiovisual galego ten en 2017 unha grande novidade. A gala dos Mestre Mateo adiantarase en 2017 ao 4 de marzo, case dous meses antes da data na que se viñeron celebrando nos últimos anos. Esta nova data de celebración, que obriga a adiantar toda a súa organización, permitirá aos Mestre Mateo estar mellor situados no calendario dos premios internacionais e estatais do cine e da televisión. Os Mestre Mateo adiantaranse á primavera sen abandonar o seu carácter como mellor escaparate de toda a produción audivisual que se realiza en Galicia.
Xuño de 2017 | A investigación con nome propio
“E isto é, xustamente, o cine. A arte moderna por excelencia: a arte propia deste momento maquinista, dinámico… (…) O cine é tamén, precisamente, a arte das multitudes, a arte por esencia demócrata, social…” Estas eran palabras de María Luz Morales sobre o cine. María Luz Morales é o nome do premio de investigación que a Academia Galega do Audiovisual puxo en marcha a finais deste 2016 e que verá a súa primeira edición compeltada en xuño de 2017. A finalidade destes premios é incrementar o interese polos estudos sobre o audiovisual. O prazo de presentación de traballos, que se iniciou a mediados de decembro, finalizará o 7 de maio de 2017. O premio ten catro categorías dotadas cada unha delas con 1.200 euros e un galardón.
Vídeoensaio sobre audiovisual galego
Ensaio escrito sobre audiovisual galego
Videoensaio sobre audiovisual internacional
Ensaio escrito sobre audiovisual internacional
Primeiro semestre | Base de datos do sector
Non hai un sector que non teña datos. Coñecelos non é sempre fácil. A Academia Galega do Audiovisual ten como obxectivo coñecer e dar a coñecer os datos do audiovisual galego e para iso, ao longo do primeiro sememestre de 2017 a web da AGA publicará unha completa base de datos do sector audiovisual galego na que se poderán consultar os datos relativos a obras, intérpretes, produtoras, directores, equipas técnicas da historia recente do cine e da televisión en Galicia.
Outono 2017 | Semana das Música do Audiovisual
2017 ofrecerá a segunda edición da Semana das Músicas do Audiovisual. A primeir edición, celebrada en setembro de 2016, concentrou a súa atención nas músicas sinfónicas, ofrecendo actividades en catro cidades galegas: A Coruña, Ferrol, Ourense e Santiago. A Orquesta Sinfónica de Galicia foi un dos atractivos esta primeira cita dun festival destinado a dar a coñecer as músicas e as circunstancias das músicas para o audiovisual. Ademais dos concertos, que repasaron composicións dos mellores compositores galegos e europeos, a SEMUA ofreceu obradoiros e masterclass relacionados coa composición e a interpretación de bandas sonoras. Para a súa segunda edición, a intención da AGA é incrementar a actividade do festival e levar o acontecemento a un maior número de cidades en Galicia.
Concerto da Semana das Músicas do Audiovisual. Auditorio de Ourense